Sería Castelao militante do Bloque na actualidade?
A figura política de Castelao é a miúdo obxecto de debate entre o Bloque Nacionalista e o Partido Popular: para o primeiro é fundamental nas súas base ideolóxica e para o segundo son outras as facetas que se deben destacar

Sería Castelao militante do Bloque na actualidade?
Este ano celebramos en Galicia o 75 aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un emblema, un creador total como poucos hai nesta terra, da que foi defensor contra vento e marea.
O respecto pola súa figura é universal, sobre todo en termos culturais. Como caricaturista representou fielmente a retranca galega e como escritor amosou a idiosincrasia da xente do común, dos que naquel momento facían o país.
Con todo, e aínda que separar o artista da persoa é unha complexidade, a súa faceta política divide aos nosos políticos. Dispútanse o seu legado. Houbo debates cando morreu e o réxime franquista prohibiu referenciar as súas ideas (excepto se era para dicir que estaban erradas), cando trouxeron os seus restos de Arxentina no 84, no 50 cabodano e agora volve a suceder.
A Xunta anunciou varios eventos-homenaxe para conmemorar e difundir a obra do intelectual; porén, o Bloque non acaba de atopala axeitada e programou a súa propia axenda. Queren que se recoñeza a Castelao como o primeiro presidente oficial de Galicia e como unha figura fundamental para o nacionalismo galego. De feito, hoxe debátese no Parlamento unha iniciativa con estes fins, aínda que o PP ya expresou a súa posición en contra.
Os populares non deixan de facer súa esta icona e, mentres, o PSdG obstaculiza en cidades como Vigo o propósito dos nacionalistas.
Para axudar á reflexión sobre este debate, que tamén é cousa da cidadanía, tres expertos -dous historiadores e un politólogo- fan as súas achegas á materia.
De qué partido sería Castelao nos nosos días?
Segundo o historiador e vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, o rianxeiro estará sempre suxeito a este tipo de debates, no seu parecer fundamentais para entender os criterios de lexitimidade do poder político e para decidir a quen nos queremos parecer. «Diría que non militaría en ningún partido. Era un nacionalista e pronunciábase pola autodeterminación de Galicia, tiña un proxecto de federación ibérica. É obvio que con esas vimbias non estaría nin no PP nin no PSdG. Agora ben, se estaría no BNG habería que velo. Castelao era un reformista de esquerdas, un republicano con valores democráticos, pero que marcaba as distancias co marxismo», sinala.
Pola súa parte, o profesor e politólogo Miguel Anxo Bastos observa que este enfrontamento é moi positivo para a imaxe ambos partidos. «O BNG reafirma o seu nacionalismo e o Partido Popular amósase preocupado polos temas culturais do país. Tamén é bo para a cidadanía: doutra forma Castelao convértese nunha figura conxelada», indica. Con todo, considera que o debuxante podería estar no Bloque, pero nunha sección máis moderada. «O nacionalismo de antes non é como o de agora, non tiña un compoñente tan social», engade.
Destaca ademais que a súa persoa o levaba máis alá, era complexo, unha figura escasa e libre de militar en partidos. «Por iso o PP pode tamén facelo seu. Por exemplo, economicamente, que defendía as pequenas propiedades, a modernización da agricultura. Unha Galicia máis novidosa», di Bastos.
O catedrático emérito de Historia Contemporánea, Ramón Villares, ten a súa propia perspectiva do tema. Non se atreve a acertar se estaría con Rueda ou con Pontón. Pensa que estase a tratar unha figura superior cultural e politicamente, que tería que ser analizada tendo en conta as complexidades: «Ten dúbidas. No propio Sempre en Galiza hai manifestacións diversas. Todo o mundo encontra nel algo ó que agarrarse, independentemente do bando político»·, puntualiza. «El definiuse case sempre como galeguista. Naquel tempo significaba ser un nacionalista galego, aínda que daquela esa palabra estaba maltratada polo uso que lle deu, entre outros, Hitler», afirma.
Foi o primeiro presidente de galicia?
Outro dos puntos de debate entre o Partido Popular e o Bloque é se foi ou non o primeiro presidente de Galicia. Entre 1944 e 1950 dirixiu o Consello de Galiza, unha entidade constituída na diáspora que pretendía representar aos deputados galegos para formar un «goberno» no exilio. Para Rueda o primeiro presidente é Fernández Albor, por chegar ao cargo tras uns comicios democráticos. Para Pontón trátase dunha cuestión de xustiza, de rescatar a memoria democrática.
O PSdG «opina» de forma local. O pasado luns abstívose á hora de votar unha moción presentada por Xabier Pérez Iglesias durante unha sección plenaria.
Villares razoa que Castelao é o precursor da Autonomía de Galicia, que na transición levou á creación dun réxime administrativo chamado sistema autonómico. «Nese sentido é un referente fundamental, pode ser un presidente máis ben nominalista. En rigor non é, pero se poden admitir moitas solucións», indica. «A diferenza do que ocorreu no País Vasco e en Cataluña, desde o noso exilio non houbo a quen entregar o relevo», apunta tamén.
O politólogo Bastos cree que si pode considerarse: «É unha persoa simbólica, non tería efectos prácticos dárlle esa honra. Loitou moito por Galicia».
Núñez Seixas estuda dous planos. «Habería que ver en que medida a autonomía de 1980 é herdeira da non nata da Segunda República. En teoría non o é, senón que é de nova planta. Ninguén mirou cara o exilio naquel momento, nin sequera os antecesores do BNG, O BNPG, porque estaban a outra cousa», di.
«Tamén é verdade que Galicia é unha autonomía do artigo 155 polo referente de lexitimidade que fora ter plebiscitado o Estatuto antes do golpe de Estado de xuño do 36», mostra o historiador. «Pódese atopar certo vencello», cree.
Estúdase o suficiente nas aulas?
Castelao forma parte do currículo escolar, aínda que a súa lectura depende da vontade dos mestres. Por outra banda, a persoa política apenas se menciona: non se estuda a Historia Contemporánea de Galicia.
Núñez Seixas lamenta que non só e isto último o que non se transmite de forma axeitada, senón que a faceta literaria e artística tampouco está ben tratada: «A idea coa que saen do colexio é moi difusa. Relatos de Castelao como Cousas deberían ser de lectura obrigatoria», opina. «Estudar nomes de autores e obras non afecciona á literatura a ninguén, nin tampouco suscita interese en saber quen foi Castelao. Non se sabe facer chegar o seu legado en xeral. Faian as estratexias de comunicación», engade.
- Ya está el calendario escolar 2026-2027 en Galicia: fechas de inicio de curso, vacaciones y claves para la conciliación familiar
- La alerta roja por calor se extiende a 67 concellos: llega a las Rías Baixas y a la montaña de Ourense
- Galicia vuelve a alcanzar esta semana los 40 ºC: una cuarentena de concellos en alerta naranja
- La Xunta aumenta casi un 20% la ayuda máxima para que las personas con dependencia contraten asistentes personales
- Facenda intensifica los embargos y recupera 64 millones de impagos de los contribuyentes
- El caos en la propiedad y la desconfianza frenan las agrupaciones forestales en Galicia
- Activada la alerta roja por calor en 16 concellos del interior de Pontevedra para este sábado
- De una palloza en Piornedo a una herencia en Torremolinos: el inesperado patrimonio inmobiliario de la Xunta
