Dúas visións de Castelao: un nacionalista á altura de Ghandi ou «un precursor do autogoberno»

PPdeG y BNG polemizan nun debate falido para proclamar ao político de Rianxo como o primeiro presidente que tivo Galicia

Alberto Pazos, Ana Pontón e Silvia Longueira.

Alberto Pazos, Ana Pontón e Silvia Longueira. / Xoán Álvarez

O PPdG e o BNG volveron polemizar este mércores no Parlamento sobre se Castelao foi ou non o primeiro presidente de Galicia.

A iniciativa da formación frentista foi defendida pola propia Ana Pontón, que acostuma reservarse para os grandes debates na Cámara. Pediu tres cousas: que se recoñecera ao político e escritor de Rianxo como o primeiro gobernante do país, que se apoiase a declaración do 2025 como Ano Castelao —e se fixese unha axenda acorde— e que se anulase o expediente de responsabilidades políticas ao que foi sometido, así como a identificación do carácter ilegal da incautación dos seus bens.

Fíxoo xustificando a seu papel á fronte do Consello de Galiza que liderou na diáspora e que quedou truncado polo golpe militar do 36. Afirmou que a súa traxectoria merece ser valorada e chegou a comparala coa do dirixente indio Mahatma Gandhi, con Nelson Mandela ou coas accións de Charles de Gaulle por ter liderado a resistencia contra o nazismo desde o exilio. Porén, engadiu que «a figura de Castelao aínda incomoda e por iso tentan ocultar que foi un nacionalista da súa época».

O Partido Popular, representado por Alberto Pazos, mostrouse confrontativo, aínda que disposto a homenaxear ao caricaturista e mesmo a despenalizalo de responsabilidades políticas se así o pedise a súa familia. Con todo, nomealo primeiro presidente non é unha opción que estean dispostos a asumir. «O propio Castelao nunca pretendeu tal recoñecemento. Os membros do Consello de Galiza nunca se constituíron como goberno. Eran perfectamente conscientes de que non podían selo, nin elixiron a ninguén como presidente de Galicia puidendo ter empregado esa nomenclatura. Ningún referente daquela xeración referiuse a Castelao como tal», expresou o popular. Apelou tamén ao argumentario xurídico: «Aspiraban a constituírse, literalmente, en fideicomisos do espírito emanado do plebiscito do 28 de xuño de 1936, nunca en goberno», remarcou.

En toda a súa intervención non fixo referencia a Castelao como nacionalista, senón coma «un dos galeguistas (de esquerdas e de dereitas) que axudaron a que se proclamase o autogoberno de Galicia». «O recoñecemento que lle outorgou este Parlamento de precursor do autogoberno non debe ser falseado», engadiu.

O teu ou o meu

Durante a súa intervención, Pazos quixo contradicir a declaración de Pontón na que afirmaba que Castelao foi o primeiro presidente, «nacionalista, íntegro e exemplar» de Galicia. Para el só hai unha opción que é Fernández Albor: «Un galeguista íntegro e exemplar», dixo. «Castelao non foi o primeiro presidente nacionalista de Galicia nin tampouco foi militante do BNG, por moito que o Bloque queira poñer estrelas vermellas no seu rostro», engadiu.

Na súa quenda de resposta, Pontón lembrou que Castelao foi un nacionalista confeso, concretamente o asegurou na asemblea das Irmandades da Fala de 1918, onde asinou un escrito no que se denominaban «sempre nacionalistas galegos».

«Intereses partidistas»

O PSdG mantívose afastado de polémicas. A deputada Silvia Longueira recordou brevemente a Castelao para despois reprender ao PPdG e o BNG por empregar a súa figura «como unha ferramenta para usos individuais ou partidistas».

Tamén amoestou aos populares por «esmagar a lingua galega» e afirmou que o patrimonio Castelao pertence a todos os galegos «aínda que non teñan lido Sempre en Galiza». «El nunca pretendeu expender certificados de galeguidade, senón explicar quen somos», concluíu.

Sen apoios

Nunha posterior votación, o BNG quedou sen apoios. Ningún outro grupo respaldou a demanda completa. O PSdG abstívose e fixo a súa propia proposta: facer un estudo sobre a construción do Goberno de Galicia no exilio e a difusión dunha «historia descoñecida».

Democracia Ourensana, encabezada por Armando Ojea, tomou o mesmo camiño porque,asegurou o deputado, «quizais a el mesmo non lle gustaría ser presidente desta autonomía».

O Partido Popular votou en contra, como xa anunciara Rueda con anterioridade.

Tracking Pixel Contents