Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O galego, único idioma cooficial con peor competencia entre os mozos

Galicia presenta os mellores índices de coñecemento de comunidades con lingua propia, pero un estudo do Consello da Cultura alerta da caída da transmisión interxeracional

Dolores Vilavedra, pola esquerda, Rosario Álvarez e Hakan Casares, onte en rolda de prensa.

Dolores Vilavedra, pola esquerda, Rosario Álvarez e Hakan Casares, onte en rolda de prensa. / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Daniel Domínguez

Daniel Domínguez

Santiago

O futuro do galego preséntase cheo de incertezas porque as novas xeracións están abandonando paseniñamente o seu uso e cada vez o dominan peor. Esta é a diagnose dun estudo realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG), que recolle que a comunidade presenta «uns usos relativamente elevados», por riba do resto de territorios con lingua propia, pero é a única con peores datos de competencia entre os menores de 20 anos respecto a quen superan esa idade. Sofre un problema de transmisión interxeracional, impacto educativo e falta de prestixio social. Os mozos falan, escriben e len cada vez peor en galego.

O estudo foi presentado onte como complemento do anuncio da posta en marcha do Foro participativo: un país coa súa lingua, un proceso conformado pola celebración de seis mesas sectoriais que concluirá en novembro e que pretende aportar iniciativas para solucionar os «problemas estruturais» que sofre o galego e que motivaron que a propia Xunta iniciase contactos para renovar o Plan de Normalización.

«No é o momento de demorarnos na historia do declive, consideramos que as cifras que están sobre a mesa son o suficientemente claras e demandan outro tipo de actuacións», resumiu onte Rosario Álvarez, presidenta do CCG nunha rolda de prensa acompañada da vicepresidenta Dolores Vilavedra e do coordinador do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares.

"Urxencia" de intervenir na escola e na familia

O estudo realizado a partir dos microdatos da Enquisa de Características Esenciais da Población e Vivindas do Instituto Nacional de Estadística revelan a «urxencia de intervir no ámbito escolar e na transmisión interxeracional», segundo o CCG.

Galicia vive un paradoxo. Trátase da comunidade con maior porcentaxe de poboación competente no uso da súa lingua cooficial, moi por diante do resto. O 92,7% enténdeo ben, o 83,6% leo ben, o 83,1% fálao ben e o 73,3% escríbeo ben, por diante de Cataluña, Baleares, Comunidade Valenciana, País Vasco e Navarra.

O problema xorde cando se entra en detalle, pois Galicia é a única comunidade onde os menores de 20 anos presentan peores competencias que os seus maiores. Quen superan esa idade, por exemplo presentan un 85% de quen o fala ben. Por debaixo da vintena, o 70,8%. E no ámbito familiar, úsao o 35,4%, fronte o 54,2% de Cataluña, el 39,9% de Baleares ou o 37,1% do País Vasco.

Prodúcese algo similar na poboación escolarizada, na que os datos empeoran. O 65,1% de estudantes en fase obrigatoria falan ben galego, fronte o 82,7% de Cataluña ou o 73,2% do País Vasco, o que «suxire menor efectividade das políticas educativas» galegas.

Ese cóctel complica o futuro da lingua. «Estes datos evidencian un patrón de perda interxeracional na capacidade para entender, falar, ler ou escribir en galego», colixe o CCG.

Ademais, en Galicia emprégase máis en contextos informais que nos laborais ou escolares e tamén o usan máis quen teñen menos ingresos ingresos económicos, algo que o CCG vincula co menor prestixio social na comunidade.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents