O cura de Reboreda arremete contra Administracións e Igrexa por «arrinconar» o galego
«Foron tempos, e aínda os seguen a ser, nos que a lingua foi menosprezada como idioma de paletos», denuncia
«Unha lingua galega arrinconada no eido das Administracións públicas e do comercio. A nosa propia saúde era, e é, atendida en riguroso castelán. E que dicir da Igrexa. Ela foi, e segue a ser, un atranco no uso do galego nas nosas liturxias. Esqueceu que as celebracións teñen que estar entroncadas coa vida, se non, son baleiras. E Deus entende todas as linguas». Con esta claridade denuncia José Carlos Rodríguez Álvarez, cura das parraquias redondelás de Reboreda e Ventosela e de Amoedo, en Pazos de Borbén, a situación que vive o galego.
En pleno debate sobre un posible pacto sobre o idioma propio para recuperar o seu uso, o discurso do párraco dende o púlpito dunha igrexa estourou como o raio que, hai dous anos e medio, esnaquizou o campanario do templo de Reboreda. O vídeo, duns catro minutos e que está sen datar, viralizouse nas últimas horas.
O crego critica, en primeiro lugar, que as linguas sexan consideradas só como ferramentas de comunicación. Esa visión «reduccionista e pragmática» levaría a igualar os idiomas cun «martelo». «A lingua ten unha realidade moito máis fonda, é unha forma de ser e estar no mundo. É unha visión do mundo (...) Sabémonos galegos porque temos una terra, un pobo, unha lingua de seu», argumenta.
Lingua de incultos
A partir desa base, sinala que calquera tipo de «trato impositivo» doutra lingua supón «un atentado contra o ser e o estar na galeguidade». «Foron tempos, e aínda os seguen a ser —se cadra agora un chisco menos— nos que a lingua galega foi menosprezadacomo lingua de incultos, paletos, aldeáns», protesta Rodríguez Álvarez, tras o que pasa a denunciar que o galego fose desprazado do eido xurídico e do Dereito, ademais dos ámbitos aludidos na cita inicial.
Esa situación de inferioridade con respecto ao castelán, expón, provocou «unha forte esquizofrenia, unha fonda fractura» entre o uso cotiá e eses contextos que seguen a ser «reacios» a expresarse en galego. «Arrastramos a histora de que o galego é unha lingua de segunda clase», lamenta e reclama: «Debemos falala e coidala para evitar o risco de perdela e, con ela, perder a nosa identidade».
Só cando en todos eses ámbitos, entre os que inclúe tamén os centros escolares, se recoñeza que a lingua é «o xeito de ollar o mundo» do pobo galego poderá cumprirse —remata parafraseando a Álvaro Cunqueiro— que «chegou a primavera permanente na nosa terra, no noso pobo, á nosa lingua. En galego, agora e sempre».
Misal Romano en galego
Xusto este venres, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou o Misal Romano en lingua galega co que se pretende, resaltou, «potenciar o uso do idioma en ámbitos con gran peso como é o relixioso». Así, a través dun convenio co Arcebispado de Santiago, editáronse 1.500 exemplares baixo o selo da editorial da Conferencia Episcopal Española que serán distribuídos a través das dioceses galegas.
- La «maravilla natural» que National Geographic recomienda visitar en 2025 está en Vigo: «Parece sacado de un cuento»
- Una pareja con un hijo que gane hasta 52.500 euros al año podrá acceder a una vivienda pública
- Los gallegos con trastornos mentales diagnosticados se doblan en 10 años
- Montes gallegos venden aire limpio que les puede reportar más de 106 millones
- Expulsan a la fuerza a un pasajero que decía ser diplomático de la ONU en un vuelo a Santiago
- El «cohousing» para mayores al ralentí: Política Social tramita solo dos proyectos
- El retraso del retiro dispara los gallegos que trabajan tras los 65 años
- Mascotas y revoltosas: siete siniestros al día y 800.000 euros a aseguradoras