A Real Academia cre que o galego se achega «ao limiar do colapso»
Ve nos datos do IGE unha «rotunda proba» dos efectos do decreto do plurilingüismo e considera a Xunta «a primeira responsable»

López Campos e Víctor F. Freixanes / Xoán Crespo

«O declive cada vez más pronunciado do galego estase achegando perigosamente ao limiar do colapso». Así o advirte a Real Academia Galega (RAG) nun informe no que analiza a enquisa sobre coñecemento e uso do idioma do Instituto Galego de Estatística (IGE) e a evolución sociolingüística de Galicia dende 1992. Así e todo, engade que a «vitalidade» do idioma e o «sólido compromiso de sectores significativos da cidadanía» fan esta tendencia «reversible» e insta a un pacto pola lingua e a actuar de forma «urxente».
Nunha declaración institucional «a prol» dese pacto que difundiu onte, a RAG sostén que as cifras que revela a enquisa «ofrecen unha proba rotunda das consecuencias do decreto chamado de plurilingüismo de 2010 e en xeral do abandono das políticas de protección do galego». Considera que «a primeira responsabilidade» dese resultado, que resume na caída de uso da lingua galega, sobre todo entre as xeracións máis novas, como un «feito obxectivo que pon en grave risco a continuidade do idioma», é do Goberno galego, que dispón dos mecanismos para actuar e planificar.
Para a RAG cómpre pór en marcha de forma «urxente» políticas «eficaces» e, en concreto, defende o deseño «dun marco normativo novo» para o galego, «incluíndo un novo decreto para o sistema educativo que substitúa» o actual, que «diminuiu a presenza do galego no ensino». O modelo educativo, sinala, «non está cumprindo o mandato da Lei de normalización lingüística». Insta así mesmo a cumprir a Carta Europea de Linguas Rexionais.
Como «punto de partida» para esa «nova política», a Real Academia xulga «imprescindible» chegar a un Pacto pola Lingua Galega «que implique o conxunto da sociedade». Ora ben, entende que a iniciativa dese acordo lle corresponde ás formacións políticas do Parlamento e insta a Xunta e esas forzas a traballar sen «máis demoras» nun «proxecto de futuro para o idioma que comprometa e ilusione», situando a lingua «por riba dos cálculos a curto prazo e das controversias partidistas».
No entanto, estende a responsabilidade polo avance do monolingüismo en castelán e pola «diminución tanto da competencia en galego canto do seu uso» a «toda a sociedade galega» e estima «urxente» actuar nas familias, onde lamenta unha «dramática ruptura» de transmisión xeracional. «O cambio no modelo educativo é imprescindible», defende, «mais non é suficiente».
- Piden el cese del jefe de gabinete del vicepresidente de la Diputación de Pontevedra y él alega que era un «trend» de TikTok
- Casi un tercio de la población ocupada que vive en el rural gallego necesita irse a las ciudades para trabajar
- La Xunta achaca los datos de PISA a la «mala ley» educativa del PSOE y reivindica que Galicia resiste en una posición de «privilegio»
- La Xunta endurece la vigilancia para evitar trampas en las oposiciones: controles en los aseos y nuevos detectores de dispositivos electrónicos
- Nueva convocatoria en Galicia con carácter retroactivo de 14 millones de euros en ayudas para la rehabilitación de edificios y viviendas: estas son las cuantías
- La Xunta advierte de que la reforma de los deslindes de la costa que impulsa el Estado podría expropiar 2.500 inmuebles en Galicia
- Galicia lidera el aumento de la financiación propia en dependencia, pero sigue por debajo en gasto por beneficiario
- Alerta ante el mosquito tigre: la Xunta llama a «extremar» las precauciones este mes para protegerse del insecto