Xosé Manuel Merelles | Director de Turismo de Galicia

“Non hai problemas de masificación turística, pero si puntos de especial concentración”

“No Camiño Portugués da costa o 86% dos peregrinos son extranxeiros que gastan máis de 150 euros ao día”

Xosé Manuel 
Merelles.
  | // JESÚS PRIETO

Xosé Manuel Merelles. | // JESÚS PRIETO

Martín G. Piñeiro

A piques de cumprir un ano como responsable de Turismo de Galicia, este xornalista ourensán non detecta aquí masificación ou turismofobia como noutros puntos de España, pero admite que coas cifras récord de visitantes “existen zonas sensibles de máis concentración” onde a Xunta está vixiante. Di que o fenómeno da vivenda turísitica é “mundial” e defende a figura do peregrino porque “as apariencias enganan”.

–Galicia acada cifras históricas de turistas e a Xunta agarda en 2024 outro ano de récord. A que responde este fenómeno?

–A varios factores. Por un lado, á propia estrutura de Galicia como destino, cunha oferta moi significativa de natureza, cultura e gastronomía, que agora mesmo é a segunda motivación pola que se achegan a visitarnos. E por outro lado temos o Camiño de Santiago, o grande escaparate da comunidade no exterior. E engadiría outro factor: o traballo que facemos desde hai 30 anos para diversificar a oferta, o que nos permite segmentar a demanda. Refírome a apostar por unha serie de produtos máis alá de sol e praia: turismo rural, natureza, cidades, cultura...

–Fálase moito de masificación. Hai destinos galegos en risco?

–A Xunta xa foi pioneira nos anos 90 con estudos da evolución de Galicia como destino turístico. E agora, xa con novos informes, non detectamos masificación, nin no Camiño nin noutro destino urbano ou rural. O que si detectamos son épocas ou puntos de especial concentración.

–Cales?

–A cidade de Santiago e determinados puntos das Rías Baixas, que son destinos clásicos de Galicia.

–O bum do turismo nalgúns destinos sen infraestruturas axeitadas como saneamento, auga ou accesos tamén xera problemas. Preocupa?

–Estamos xerando ferramentas que nos permiten monitorizar a fondo o que ocorre cando temos visitantes. A través do big data e de diversos estudos podemos identificar onde están esas concentracións. E acabamos de licitar o Observatorio da Sostenibilidade Turística de Galicia, onde imos ter parámetros de consumo de agua, xestión de residuos sólidos... Iso vai permitir afondar aínda máis nesa realidade. Pero a día de hoxe, cos datos que temos, non existen problemas de xestión nin de convivencia. En ningún lugar de Galicia podemos considerar que hai masificación.

–E turismofobia?

–Tampouco a detectamos en Galicia. As enquisas dinnos que o 90% da poboación está a favor da actividade turística porque a ve moi positiva e cre que é beneficiosa economicamente. Na Xunta estamos alerta para detectar calquera actitude que teña que ver coa turismofobia, porque entendemos que o turismo é unha actividade moi transversal e sabemos que calquera actitude negativa nun punto pode acabar prexudicando a imaxe de todo o destino.

–Parece que o Camiño de Santiago non ten teito. Está cualificado o seu peso no turismo galego?

–En 2017 iniciamos un estudo coa USC, que é dinámico, e que nos di que un peregrino achega tres veces máis que un turista convencional porque está máis tempo no territorio. E tamén nos di que o 16% da ocupación a achegan os peregrinos, e non só nos 76 albergues públicos da Xunta. Outro dato: agora mesmo o gasto medio dos turistas estranxeiros está en máis de 150 euros ao día e a porcentaxe de peregrinos doutros países xa é do 66%. Todas elas son cifras que, se facemos contas, nos dan a dimensión real das achegas económicas do Camiño.

–Desmontan a imaxe do peregrino como turista de baixa calidade.

–As apariencias enganan! No Camiño Portugués da costa o 86% dos peregrinos son extranxeiros, con ese gasto medio tan elevado, un dato irrefutable. É certo que se asentou esa imaxe de persoas que veñen camiñando, con mochila, roupa cómoda e chanclas, pero a imaxe non ten nada que ver co nivel de gasto.

–Hai en previsión a apertura de novas variantes do Camiño?

–Non. Cremos que con nove vías terrestres e unha marítima o Camiño está distribuído perfectamente por todo o territorio. No entanto, hai un estudo dalgunhas vías culturais que se encargou ao CSIC, pero a quen lle compre valorar e á Consellería de Cultura. En Turismo de Galicia somos promotores e conservadores das rutas e se se engade algunha, temos a obriga de mantela e promocionala. Tamén é certo que a Igrexa recibe como peregrinos a todas as persoas e non só ás que usan vías oficiais.

–Santiago é un exemplo da necesidade de aplicar criterios de sustentabilidade social ao turismo, por unha contestación veciñal que cada verán parece ir a máis.

–Santiago ten unha ocupación media anual do 65%, que non é especialmente elevada. Pero tamén é certo que a cidade recibe diariamente moitos excursionistas e a estas alturas do ano tamén a máis de 2.000 peregrinos diarios, así que todo ese fluxo de xente ten consecuencias para unha cidade que roza os 100.000 habitantes. Nese sentido, seguramente haxa que controlar ese fluxo e axustalo ao que realmente é a cidade. Desde a Xunta sempre colaboramos: acabamos de asinar un convenio co Obispado para xestionar fluxos e seguridade na catedral e o luns aprobarase no Consello outro similar para ordenar os visitantes na contorna do Centro Internacional de Acollida do Peregrino. O que non pode ser é que as críticas ou a demonización da actividade turística sexa unha cortina de fume para agochar outros problemas de xestión municipal que nada teñen que ver cos peregrinos.

–O Concello de Santiago acaba de vetar precisamente novos negocios turísticos na zona histórica. Pode danar o sector?

–Probablemente si. Son medidas que hai que tomar con moita obxectividade e descoñecemos se hai estudos que xustifiquen esa decisión. Pero isto é como un “efecto mariposa”, porque se unha bolboreta aletea en Santiago, como buque insignia do turismo que é, pode prexudicar o conxunto de Galicia como destino. Calquera actitude antiturística que saia de Santiago terá efecto no resto dos sitios. A decisión entra dentro da soberanía do Concello, pero parece incluso difícil discernir cales son realmente as actividades turísticas e cales non, porque como dixen é algo moi trasversal.

–Taxa turística si ou non?

–Agora mesmo só temos unha solicitude: a do Concello de Santiago. Non cremos que sexa necesario aplicar un imposto á actividade turística dado o seu grao de desenvolvemento en Galicia. En todo caso, Santiago fixo a solicitude hai un ano e estamos agardando unha proposta, porque neste tempo non temos nada. É unha competencia autonómica, pero a Xunta estaría disposta a pasarlla a un Concello sempre e cando toda a recadación se dedique a asuntos relacionados co turismo. E teñen que estar de acordo todos os actores.

–Fóisenos das mans a vivenda turística?

–É un fenómeno mundial, unha dinámica xeral en todo o planeta. Galicia, en 2017, foi das primerias comunidades que lexislou na materia, aínda que os concellos non empezaron a tomar decisións ata agora, sete anos despois. E o Goberno central tampouco está axudando. Tivo unha oportunidade de ouro para lexislar coa nova lei de vivenda e fixo todo o contrario: as vivendas turísticas medraron máis. Agora mesmo en Galicia estamos en proceso de actualización da lexislación, pero o Goberno central púxose de perfil.

–Cales son os eixos da Estratexia de Turismo da Xunta ata 2030?

–Tiñamos un plan estratéxico 2020-2024 que incluíu toda a pandemia. Lembremos que en abril de 2021 o Camiño estaba pechado, cero peregrinos. Logo tivemos un Xacobeo 21-22 que nos permitiu recuperar rapidamente os datos de visitantes. Unha vez rematada esa época estrana da pandemia estamos deseñando o futuro, nun período no que haberá un novo Xacobeo. Agora estamos na terceira fase da estratexia: a primeira foi escoitar o sector turístico, a segunda falar con expertos e agora estamos na parte institucional para ver como deseñamos políticas trasversais desde a Xunta. Acabamos de iniciala e vemos con satisfacción como hai moita sinerxia co turismo en todas as consellerías. O reto é lograr a sustentabilidade turística en tres planos: ambiental, social e económico.

–A Ribeira Sacra encara a distinción como Patrimonio da Humanidade. As Illas Atlánticas están en axenda... ¿Repercute isto no turismo?

–Desde logo! É un selo que dá un valor especial. En Galicia temos catro Patrimonios da Humanidade e engadir máis é positivo como destino: polo atractivo turístico, pero tamén porque serve para conservar o ben ou o territorio recoñecido. E para os veciños tamén é positivo a nivel económico e social.

“Sempre quero ir a...”

“Eu teño a fortuna de poder moverme por todo o territorio galego”, confesa Merelles, que leva cerca dun ano á fronte de Turismo de Galicia. Quizais por ese amplo coñecemento dos recunchos de Galicia, admite que lle custa moito elixir algún en concreto. “Sempre me custa moito dicir ou decidir onde me gustaría máis facer turismo”. En todo caso, as raíces tiran. “Son alguén do interior, de Valdeorras, e adoito visitar moito o territorio onde nacín”, explica. “Eses vales fluviais do interior, do Bibei, do Sil, do Xares... Terra de soutos e de montañas suaves. Quizais porque nacín alí, pero o certo é que sempre quero ir”.

Suscríbete para seguir leyendo