A Xunta “incentiva” o I+D con novos bonos para as empresas

» As axudas, das que o ano pasado xa se beneficiaron 66 Pemes, contan cun orzamento de 750.000 euros e poderán solicitarse ata o vindeiro día 10

O Bono de Innovación da Xunta de Galicia permitiu a Vigo Pumpún Dixital asumir os custes de certificarse como Empresa Innovadora.

O Bono de Innovación da Xunta de Galicia permitiu a Vigo Pumpún Dixital asumir os custes de certificarse como Empresa Innovadora. / Faro

M.B

“Arriscarse e abrir a porta a novas ideas para topar solucións a novos problemas. Iso é innovación; e é progreso”. 

Teno moi claro o emprendedor José Carlos García, ao fronte da empresa multidisciplinar de desenvolvemento de software Vigo Pumpún Dixital e máis coñecido coma Chiu Longina, que se amosa satisfeito polo recoñecemento “ao esforzo das empresas que están a asumir riscos para puxar e abrir camiño a toda a sociedade” que está a levar a cabo o Goberno galego. 

A súa é só unha das 66 pemes que o pasado ano 2022 foron beneficiarias da primeira edición dos Bonos de Innovación que a Xunta de Galicia concede ás empresas autonómicas a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). 

Unha liña de axudas que vén de lanzar a súa segunda edición cun orzamento de ata 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar máis dun millón. 

O obxectivo destes apoios, que poderán ser solicitados ata o vindeiro 10 de abril a través do GAIN, é impulsar a incorporación da innovación á estratexia das microempresas e pemes galegas a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores de cara a conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de innovación a curto prazo. 

“Estes incentivos teñen un gran valor para nós, non só pola contía, que tamén, senón porque supoñen un recoñecemento por parte da administración galega ao noso valor. As empresas que apostamos pola innovación colaboramos na evolución do mundo a mellor, creamos un país máis competitivo e facemos progreso e este tipo de axudas supoñen un pulo e un recoñecemento a ese labor por parte do Goberno galego”, explica García. 

[object Object]

En concreto, Vigo Pumpun Dixital suma un equipo multidisciplinar de once profesionais procedentes de distintas áreas: enxeñería, programación, belas artes, etc. para o desenvolvemento de novas apps que permitan engadir valor a distintos sectores da sociedade. 

A contía do Bono de Innovación permitiulles asumir o 80% dos custos do proceso de certificación preciso para lograr o selo de Empresa Innovadora e proseguir dese modo levando adiante proxectos como FISIOmap, unha app concibida coma un mapa de fisioterapia que se está implantando xa en Colexios de Fisioterapeutas de CCAA como Andalucía ou Cataluña e que permite algo tan importante como facer consultas a distancia, cun impacto real e tanxible.

Tres liñas de axudas

750.000 euros co obxectivo de mobilizar máis dun millón. Ese é o orzamento previsto para a II Edición dos Bonos de Innovación, que repiten tras o éxito do pasado ano e cos que a Xunta de Galicia quere dar un reforzado pulo ás pemes e microempresas galegas. Poderán solicitarse na web da Axencia Galega de Innovación (gain.xunta.gal) ata o vindeiro 10 de abril. 

Como principais novidades nesta convocatoria amplíanse os posibles beneficiarios ás entidades do terceiro sector, sempre que teñan actividade económica, e amplíanse as actividades obxecto de axuda, incluíndo actuacións de deseño ou as bonificacións de persoal investigador.

Ademais, para axilizar a tramitación apóstase por unha maior simplificación administrativa e o prazo de solicitude é de dous meses, ata o vindeiro 10 de abril. Por último, as entidades localizadas nos Concellos Emprendedores da Xunta de Galicia contarán con puntuación adicional segundo os criterios de baremación. 

Este ano continúan as tres liñas de apoio do ano anterior e as pemes poden solicitar todas as liñas ou unicamente algunha delas segundo as súas necesidades.

  • A liña 1 está destinada a aqueles gastos para innovar ou levar a mercado as innovacións das pequenas ou microempresas, como custos de protección do coñecemento da innovación industrial nas empresas, custos da mellora na xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica e custos das accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos. O ano pasado a través desta liña mobilizáronse máis dun millón de euros de custo en innovación nos beneficiarios. 
  • Doutra banda, unha segunda liña facilita a tramitación das deducións fiscais relativas á I+D+i, de feito os beneficiarios de 2022 certificaron custos en innovación por máis de 2,5 millóns de euros. A convocatoria deste ano, coma novidade, inclúe tamén a xestión das bonificacións de persoal investigador. 
  • Por último, a través da terceira liña, que permite tramitar axudas estatais ou europeas de I+D+i, as empresas que foron apoiadas captaron máis de 4 millóns de euros, o que supón un retorno de 50 euros por cada euro investido pola Xunta de Galicia. 

Para saber máis: gain.xunta.gal