Suscríbete Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luís Álvarez | Portavoz parlamentario do PSdeG

“A sociedade impulsa protestas pola sanidade, nós impulsamos solucións”

“O PP sempre tende a situarse no centro político, pero acaba habendo alguén que o coloca máis preto da estrema dereita” | “Non haberá escisións no grupo socialista”

O socialista Luís Álvarez no Parlamento galego onte. | // XOÁN ÁLVAREZ

–Como percibe a xestión da Xunta de Rueda, despois de denunciar os problemas de cohesión social na comunidade no seu cara a cara con el?

–A situación da Xunta é continuísta con respecto á de Feijóo. Estamos a tramitar os orzamentos para 2023 e as políticas son idénticas ás que viñan desenvolvendo. Non hai ninguna liña innovadora que faga mellorar a cohesión social. Tampouco vemos ninguna garantía de que os orzamentos se vaian executar. O histórico de execución da Xunta en políticas sociais é absolutamente nefasto.

–Como ve a cohesión social en Galicia en comparación con otras comunidades?

–Sae mal parada. Galicia é a última comunidade en materia de vivienda pública, está moi por debaixo da media na ratio de prazas en residencias para maiores de 65 anos... E isto é grave porque Galicia ten unha poboación moi envellecida e porque vemos anuncios de construcións de residencias, como as 60 anunciadas en 2017, e hoxe Rueda ten a desfachatez de culpar os concellos por non lle dar licencias. Sempre hai un culpable distinto para a Xunta.

–O seu partido é moi crítico coa situación sanitaria en Galicia e coas listas de espera. Prevén impulsar mobilizacións na rúa?

–O PSdeG non impulsa protestas, impulsa solucións. Quen impulsa protestas é a sociedade civil galega. Outra cousa é que nós as apoiemos, porque son xustas. Hai unha reacción social fronte unha situación sanitaria que está a crispar a sociedade porque non é admisible ter unha farinxite a non ter cita para médico ata dentro de catro días. A situación sanitaria está a tensionarse en moitos puntos do Estado, non é un problema exclusivo de Galicia, pero Galicia está peor porque houbo unha política de reducción de recursos humanos en sanidade. O culmen é o plan de melloras nos centros de saúde. Non quero un centro moi acondicionado sen médicos nin enfermeiros. Estamos a pagar os recortes dunha década. Hai que contratar máis profesionais.

–As municipais serán un examen sobre a situación sanitaria?

–Non o sei, pero é algo que forma parte da máxima preocupación de Rueda. Aféctanos a todos. E xa non falamos do tempo que se agarda en ter consulta co especialista, senón da Atención Primaria, de que se lles pechan as axendas aos médicos a día 15 ou 16 de mes e ata o mes seguinte non tes posibilidade de acudir salvo por urxencias. A Xunta ten que recoñecer que errou na súa política.

–Haberá escisión no grupo parlamentario do PSdeG?

–Non.

–Pregúntollo porque seis deputados saíron en defensa do parlamentario Martín Seco e rexeitaron o expediente de expulsión que impulsou contra el a cúpula galega.

–O expediente é un tema orgánico e non vou opinar. O grupo parlamentario funciona con normalidade.

–É normal que haxa seis deputados que censuran o expediente aberto pola dirección galega a outro deputado?

–Podo entender que é unha situación anómala, pero a min compéteme que o grupo funcione con normalidade. Podo garantizar que o fai.

–Son máis graves as críticas de Seco que as de García Page, cando cuestiona, por exemplo, as alianzas con Bildu, ou as de Lambán?

–Son distintas, pero non vou opinar sobre declaración doutros presidentes ou secretarios xerais. Está clara a postura do PSdeG sobre a Lei de Áreas Empresariais e a intervención de Martín Seco tivo unha parte pouco afortunada.

–As tensións no Goberno central entre PSOE e Unidas Podemos poden lastrar non só a súa reelección logo das xerais de 2024, senón as do PSdeG?

–O verdadeiro termómetro que indicará o futuro do PSdeG son as municipais. Hai unha traxectoria clara entre bos resultados nas municipais e bos resultados nas xerais e autonómicas. O obxectivo son as municipais, reforzar a marca do PSdeG. Non me preocupa ese ruído externo interesado. Unha parte importante está provocada por ese PP que tende a situarse no centro, pero sempre acaba habendo alguén que o saca aos estremos. Sacaron a Feijóo da Xunta, que se supoñía moderado, para centrar o partido, e resulta que outras personas patrocinadas por Isabel Díaz Ayuso o colocaron nunha posición máis preto da estrema dereita que do centro.

Compartir el artículo

stats