Olalla Rodil | Viceportavoz parlamentaria do BNG

“A xente que votou o PP non o fixo para que a Xunta deteriore a sanidade pública”

“O Goberno galego ten políticas en contra dos dereitos das mulleres” | “Os populares galegos queren importar a lameira da axenda madrileña e nós queremos falar dos problemas”

Olalla Rodil, onte nas instalacións do Parlamento galego.   | // X. ÁLVAREZ

Olalla Rodil, onte nas instalacións do Parlamento galego. | // X. ÁLVAREZ / Daniel Domínguez

Daniel Domínguez

Daniel Domínguez

–Se chegase alguén de Murcia, por exemplo, como lle describiría a situación de Galicia?

–Atoparía unha Galicia peor que a de 2009. Se tivese que sinalar algo, é o deterioro enorme dos servizos públicos, e a punta de lanza é a situación da sanidade pública. Pero tamén atoparía unha forza de fondo que pide un cambio para mellor deste país, que precisa un liderado claro. Cada vez hai máis xente que ve en Ana Pontón ese liderado.

–Que sería o primeiro que farían en 2024 se chegan á Xunta?

–Rescatar os servizos públicos e a sanidade, sobre todo a Atención Primaria. Logo, poñer este país a producir e apostar pola ciencia e a innovación como panca de modernización. E finalmente lograr unha Galicia con máis dereitos, sobre todo para as mulleres.

–O seu grupo incide nas críticas á xestión sanitaria da Xunta, que acaba de negar o peche de centros médicos para reagrupar facultativos, como propoñían os colexios médicos. Que lle parece?

–O PP leva estas últimas semanas de ocorrencia en ocorrencia. Anunciaban o peche de centros de saúde, dicían que non podía haber un pediatra en cada concello ou que nos ían atender nas urxencias dos PAC por pantallas... É escandaloso. O que vemos agora son as consecuencias dos recortes dos últimos 13 anos. Habería que dotar a sanidade recursos económicos e persoal, pero non só médicos, senón tamén psicólogos clínicos para atender unha das tarefas pendentes, que é a saúde mental.

–Hai campañas constantes de denuncias da situación da sanidade, pero o partido que goberna, o PP, repite maioría absoluta desde 2009. Por que?

–As mobilizacións continúan. Onte [polo mércores] houbo manifestacións na área de Pontevedra e O Salnés, que xa definimos como zona cero deste colapso da Atención Primaria. Cada vez máis persoas teñen claro que isto non pode seguir así e estou convencida que as persoas que votaron o PP non o fixeron para que desmantele a Primaria, achique a sanidade pública e deteriore un servizo fundamental que é o dereito á saúde. O PP gaña, pero ten menos votos.

–Aínda lle sobran varios miles e escanos...

–Pero aí está.

–Na xuntanza dos colexios médicos coa Xunta, unha das peticións dos primeros era facilitar a compatibilidade da actividade pública coa privada, o cal contrasta coas súas denuncias de sobrecarga laboral. Que lle parece?

–O que demanda a cidadanía non é isto, senón que non haxa lista de espera de 15 días para que te vexa o médico de cabeceira, que haxa médicos no centro de saúde, que unha enfermeira non substitúa o labor dun médico... Niso teñen que estar centrados os esforzos do Goberno.

–Comparte que o PP fomenta a cultura da violación, como dixo Irene Montero, sobre a campaña da Xunta contra a violencia contra as mulleres?

–Non vou analizar as palabras dunha ministra no Congreso. Nós dixemos que esa campaña era inaceptable e impresentable porque asume como propios os argumentos machistas de que as mulleres somos responsables de que nos agredan por saír correr en pantalón curto ou deixar a copa nunha mesa e non facer de garda xurado diante do vaso. Por iso pedimos que a retirasen e que haxa unha reflexión do PP sobre as campañas institucionais. Non é a primeira vez que pasa. Lembro aquela campaña de que “o máis grande de Galicia non se maltrata”, equiparando as mulleres coa muralla de Lugo.

–Polo que di, cre que a Xunta é machista?

–Teñen políticas en contra dos dereitos das mulleres.

–O BNG vive o seu mellor momento con 19 escanos. Como poden medrar?

–Díxoo Ana Pontón: hai que ensanchar a base.

–Dan por superado xa ao PSdeG? Pode lastrar a súa situación a alternativa na Xunta?

–Sempre somos moi prudentes cos problemas doutras organizacións. Nós debemos presentar a nosa alternativa.

–Que opina do escenario político estatal? En Galicia semella que se calmou o ambiente político e a crispación se instalou en Madrid.

–Vexo o PP querendo importar esa axenda madrileña, esa lameira, ese ruído e crispación. Nós estamos centradas en traer ao Parlamento o que lle preocupa os gallegos. Moita xente ve con desacougo como chegar a fin de mes ou pagar a factura do gas.

Suscríbete para seguir leyendo