Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Valentín González Formoso | Secretario xeral do PSdeG

“Todo o PSdeG estará contra o Goberno se as industrias do litoral corren perigo”

“Hai que facer o posible para que Vigo estea conectada á Moi Alta Tensión” | “O apoio nas locais suporá un aval rotundo no ámbito galego” | “A moderación de Feijóo comeza a diluirse”

Formoso, o xoves nas dependencias do PSdeG do Parlamento galego. | // XOÁN ÁLVAREZ

O 30 de outubro do ano pasado, Valentín González Formoso gañaba as primarias para dirixir o PSdeG e iniciar unha nova etapa, logo do estancamento nas autonómicas de 2020 con 14 deputados e o sorpasso dun BNG que chegaba a 19. O alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña capitanea un partido que promete batalla contra o Goberno presidido polo seu xefe de filas, Pedro Sánchez, se a nova lei do litoral fai pechar empresas situadas á beira do mar.

–Faga un balance do seu primeiro ano como secretario xeral.

–Os sectores que compoñen o tecido social empezan a percibir un PSdeG que se move polo territorio para escoitalos, coordinar os seus intereses e facer de interlocutor ante a Xunta ou o Estado. Esa percepción de cercanía era o noso primeiro obxectivo e está en proceso de cumprimento.

–E por que o partido semella non despegar nas enquisas?

–As enquisas son referencias, as verdadeiras son os procesos electorais, que virán primeiro nas municipais, tendo en conta que a tendencia xeralizada no Estado é unha marca á baixa e Galicia, evidentemente, non é unha illa que poida ter unha tendencia distinta. Loitamos por que esta tendencia en Galicia sexa diminuida baseándonos no proxecto político autónomo, moi vinculado a Galicia e concretado no ámbito municipal, onde o PSdeG fai a política máis apegada á cidadanía.

–Que expectativas teñen para as municipais de maio?

–Queremos gañar as municipais, o que significa catapultar o proxecto no ámbito autonómico.

–Quere dicir que se melloran resultados, será máis doado conseguir a Xunta para a esquerda?

– Sempre ocorreu. Felipe González gaña as municipais no 79 e logo gaña as xerais no 82. Pasa o mesmo con Zapatero no 2004 e o mesmo con Touriño no 2005. Ocorrerá o mesmo se a plataforma municipal lle responde ao PSdeG. Haberá plataforma para impulsar o proxecto socialista no ámbito autonómico.

–Moi grande ten que ser o salto, tendo en conta que teñen 14 deputados, o BNG 19 e o PP 42.

–Estou convencido de que o apoio municipal suporá un apoio rotundo no ámbito autonómico.

–A nivel de enquisas estatais, parece que se mitiga o efecto Feijóo. Que opina?

–Confío en que en España non cometan o erro de apostar por unha persona que chega a Madrid coa tarxeta de gran xestor, pero se a cidadanía española rasca un pouco verá que Galicia está endebedada en 5.000 millóns máis, ese gran xestor pechou 138 colexios públicos, eliminou a gran baza do sistema sanitario galego que era a Atención Primaria, permitiu que 47.000 menores de 30 anos iniciasen o seu proxecto vital fóra de Galicia e ademais os despedía cunha maleta literalmente para que se lembrasen do país e volvesen por Nadal a ver aos seus avós.

–Con esa xestión tan catastrófica, por que logrou Feijóo catro maiorías absolutas?

–Tivo o apoio do pobo galego, sen dúbida, pero os datos son obxectivos. Non falo de algo subxectivo. Cometería acertos, pero cometeu erros e preséntase como gran xestor e dou datos obxectivos recoñecidos en informes anuais da Xunta e do Consello de Contas. E a moderación levouno como primeira medida a votar no Senado en contra dunha proposta para que non se puidese acosar a mulleres que exerzan libremente o seu dereito ao aborto; un moderado que vai a Bruxelas a pedir que non se inxecten recursos públicos en España, votou en contra de baixarlles os combustibles aos transportistas 20 céntimos por litro... É unha moderación que comeza a diluirse na percepción da cidadanía en xeral.

–O Goberno central non lle concede a conexión de Moi Alta Tensión á planta de Stellantis, hai problemas coa lei do litoral, con miles de construcións en perigo, non hai fondos aínda para saída sur de Vigo... Galicia non pesa a nivel estatal?

–Non é xusto un mapa apocalíptico da relación do Estado con Galicia. Acaba de aportarlle un 24% máis de recursos á Xunta...

–E conxela o investimento territorializado na comunidade...

–Se non ten conta que vai investir só en Ferrol 6.300 millóns de euros máis na planifación de orzamentos. A aportación do Estado a Galicia é indiscutible. Botamos en falta cousas, si. Botamos de menos o compromiso coa concesión de Moi Alta Tensión a Stellantis, sen dúbida. Esixímola? Si, e canto antes. Ademais, tendo en conta que a non conexión a esa rede significa que esa planta teña unhas perdas no proceso productivo con cada microcorte que lle fai tirar ao lixo 40 carrocerías. Falamos de moitos microcortes ao longo do ano. Hai que facer todo o posible orzamentaria e lexislativamente, o que non fixo durante oito anos o Goberno de Rajoy, para conectar non só Stellantis, senón a cidade de Vigo á Moi Alta Tensión. Estamos enriba dos temas de país. Por riba das siglas está Galicia, o futuro de Stellantis ou as 500 instalacións productivas no dominio público marítimo-terrestre. Confiamos na palabra do Ministerio para a Transición Ecolóxica de que non corren perigo. En decembro, vencen algunhas concesións en Cambados que servirán de termómetro para comprobar se a palabra do ministerio serve e confío en que será así. Se non, terá a todo o PSdeG en contra.

–Como ve estes primeiros meses da Xunta de Alfonso Rueda?

–Co continuismo dalguén que leva gobernando este país como vicepresidente os últimos 14 anos, coa responsabilidade que supón ter pechado 138 colexios ou de que falemos que se tarda entre 5 e 25 días en función da temporada do ano e do concello para ter cita en Primaria. No ámbito enerxético a Xunta nin está nin se lle espera, non é quen de liderar un proxecto con participación pública nos parques eólicos e erradicar a idea de expolio.

–Como é a súa relación co BNG: competencia ou colaboración?

–Temos ampla experiencia de colaboración nun proxecto progresista de creación de emprego e protección social. Niso estamos dacordo, pero nós somos socialistas e eles nacionalista ou independentistas, non sei exactamente. Nese ámbito do progreso, sempre houbo colaboración, haina e sempre a haberá.

–Séntese cómodo co posicionamento do BNG sobre a guerra rusa?

–Non.

–Por que?

–Se despois de ver a motivación desta guerra, a forma de proceder Putin de invadir un país soberano, sendo case declarado criminal de guerra, logo de ver fosas con matanzas de civís, logo de ameazar a estabilidade e a paz en Europa, estar en conceptos anacrónicos do século XIX ou comezos do XX, como que a OTAN e os americanos son os malos e os rusos son os bos, ou que temos que mercar vacinas Sputnik e non as americanas, son conceptos trasnoitados que nos separan da maioría social.

“Optarei ás primarias do PSdeG e, no seu momento, anunciarei se me presento de novo á Alcaldía das Pontes”


–Vaise presentar de novo como candidato á Alcaldía das Pontes?

–É unha cuestión que decidiremos os compañeiros na agrupación local tendo en conta que a decisión sempre será respectando os intereses de Galicia e das Pontes, que entendo que son perfectamente conciliables.

–Non vai dicir se ten tomada unha decisión? Parece un cálculo en función de ter ou non un cargo público a partir de maio.

–Insisto. Por respeto aos meus compañeiros, adoptaremos a decisión e anunciarémola cando toque.

–E cando toca?

–Aínda faltan sete meses para as elección municipais e hai tempo de sobra para facer ese anuncio. O importante é traballar no día a día cos intereses conciliables no eido municipal, que enriquece moito o meu labor como secretario xeral, e a miña tarefa de secretario xeral, que enriquece os intereses da miña vila.

–Vaise presentar ás primarias para ser o candidato a presidir a Xunta do PSdeG, imaxino.

–Si, si.

–Pero se se presenta tamén á Alcaldía, terá que deixalo logo ou non tomar posesión como deputado tras as autonómicas porque son cargos incompatibles legalmente. Non sería mentirlle aos electores?

–Non, non é mentirlle. No momento axeitado dareille as explicacións oportunas á sociedade. Cando toque, entenderanse os motivos dunha decisión ou doutra. Os tempos son importantes en política e tomar as decisións de forma reflexiva aínda o é máis.

–Cando se celebrarán as primarias para elixir candidato nas autonómicas? Teñen un cronograma

 –Non existe cronograma ni estimación ao respecto.

–Un dos seus retos cando asumiu o liderado do PSdeG era coser o partido. Conseguiuno?

–O partido ten unha dirección clara, proxecto único e representamos a sociedade galega. Temos un único proxecto que se chama Galicia.

–Está unido o grupo parlamentario logo de que expedientasen a un deputado, Martín Seco, por revelar ordes da dirección? El alega que é un castigo á disidencia interna.

–Hai unha dirección que responde a Galicia lexitimada pola militancia. Outras cuestións irrelevantes internas non nos poden desviar do noso cometido, que é mellorar Galicia.

Compartir el artículo

stats