Ana Pontón | Portavoz nacional do BNG
“Subiríalle o imposto de Patrimonio aos ricos, a partir de 300.000 euros”
“A sanidade vive un colapso: a miña filla está nunha lista de espera que non existe, estou pendente de que me chamen” | “Non enviaría armas a Ucraína, aposto por una conferencia de paz”
Ana Pontón (Sarria, 1977) vive o seu mellor momento político logo de que o BNG, con ela como candidata a presidir a Xunta, alcanzase os 19 deputados nas autonómicas de hai dous anos. Considera que foi o preludio da “fin de ciclo” que a levará a San Caetano. Por iso non deixa de lanzar propostas programáticas e mantén a artillería dialéctica a pleno funcionamento contra o PP.
–Estou falando coa primeira presidenta da Xunta?
–Iso terán que decidilo os galegos e galegas co seu voto. Estou convencida de que o PP está na fin de ciclo e a alternativa é o BNG. Darei o mellor de min para que en 2024 teñamos a primeira presidenta galega coas mans libres para defender os nosos intereses.
–Existe unha tese de que o BNG tocou teito e que a alternativa só sería posible se a lidera o PSdeG. Que lle parece esa idea, tópico ou prexuízo?
–Máis ben son tópicos. O único que tocou teito é o PP. As enquisas din que o BNG sobe e que o PP baixa. Na miña experiencia, as enquisas sempre infravaloraron o BNG e sempre tivemos mellores resultados dos que pronosticaban.
–Con esas expectativas, se non consegue ser presidenta da Xunta, dimitirá?
–Estou convencida de que o BNG liderará a alternativa e teremos unha presidenta.
–Que meta se fixa o BNG para as municipais de maio?
–Iremos a por todas. Traballamos para mellorar resultados en número de concelleiros e alcaldías. O BNG vai ser a forza que máis suba.
–É vostede unha política profesional como di o PP, lembrando que leva 18 anos como deputada?
–O PP está un pouco obsesionado comigo porque ven que hai unha alternativa forte e que as enquisas din que o BNG sobe e o PP baixa.
–Tamén o líder do PSdeG a atacou...
–Non me sinto atacada. Hai unha situación na que se ve que a alternativa é o BNG e iso pon nerviosa a algunha xente. Teño unha relación boa, positiva e fluida co PSdeG.
–Falando de boas relación, Martiño Noriega apostaba por tender pontes desde Anova con vostedes. Percíbeo como unha chamada á colaboración, á integración dos que marcharon en Amio? Hai resentimento cara esa xente nalgúns sectores do BNG.
–Resentimento cero. As portas do BNG están abertas a todas as persoas que queiran fortalecer este proxecto.
–Tachou de “pelotazo fiscal” a nova rebaixa ao imposto do Patrimonio que aprobou a Xunta. Se fose vostede presidenta, subiríalle os impostos aos ricos?
–Hai que facer impostos progresivos para que os que máis teñen paguen máis. Agora existe un desequilibrio. As rendas das traballadoras cada vez soportan un nivel impositivo máis alto. E os impostos son claves, un elemento para redistribuir a riqueza. Eu teño claro, e así o formularemos, dentro da pouca marxe que ten Galicia, que debemos baixar o mínimo exento do imposto de Patrimonio a 300.000 euros, excluida a vivenda habitual, para que os patrimonios máis altos contribúan a financiar medidas para superar a crise.
–Entón subiríalle os impostos...
–Aos ricos, si. É fundamental. Tamén aprobariamos unha reforma dos tramos do IRPF para que as rendas máis altas contribúan máis e as máis baixas contribúan menos. Non hai que demonizar os impostos. A pandemia demostrou que ou temos servizos públicos fortes ou viviriamos unha auténtica debacle social. O que pasou no Reino Unido deixou claro que o neoliberalismo non funciona. Vivimos unha crise que é unha estafa. A banca que rescatamos todos con 60.000 millóns está gañando cada vez máis. Subirlle a hipoteca á xente é obligala a escoller entre pagar a hipoteca ou comer. Non se pode permitir.
–Antes de comezar falamos da sanidade pública e comentaba que sofre a lista de espera nas súas carnes. Que faría para mellorar esos datos de espera, que superan os niveis prepandemia?
–E non hai cupos, ademais. A miña filla está nunha lista de espera que non existe porque non teño ningún papel que diga que estou pendente de cita. Estou pendente de que me chamen. Faise manipulación dos datos públicos, pero o problema é gravísimo. Non hai sitio ao que vaia no que non escoite unha crítica, e non aos traballadores. Hai un colapso da sanidade e os orzamentos de 2023 non prevén máis profesionais, o que significa seguir poñéndoa contra as cordas e poner en risco a saúde dos galegos. Hai que pór en marcha un plan de 200 millóns, pero o PP non o fai porque ten un plan moi claro: deterioro do público para beneficiar o privado.
–Apoiarán os orzamentos do Goberno central?
–Son insuficientes porque conxelan o investimento público en Galicia mentres vemos comunidades como Madrid onde se incrementa un 14%. Aquí díxose que remataba o AVE e acababa o investimento; alí teñen AVE a todas partes e o investimento sempre medra. E aquí non hai partidas fundamentais. A saída sur de Vigo para a conexión con Portugal é estratéxica e ten cero euros en 2023. Estes orzamentos a día de hoxe están moi lonxe do si, pero temos vontade de negociación. E cun só deputado conseguimos a reducción do 50% das peaxes da AP-9. Evidentemente, cun só deputado non somos quen de cambiar todo.
–Hai partes dese acordo que non se cumpriron…
–Pelexaremos por iso.
–Foi controvertido o seu posicionamento sobre a invasión rusa. Explíqueo.
–O que estamos a vivir nestes últimos tempos mostra que acertamos. Sempre condenamos a invasión rusa, pero tamén vemos que esa guerra ten intereses xeopolíticos e económicos detrás moi fortes. Estamos a sufrir as consecuencias dunha subordinación da UE ao Estados Unidos que explica en parte a inflación destes momentos. Reclamo respeto a todos os pobos e unha aposta grande pola paz en Ucraína e non por seguir alimentando a guerra.
–Apoia o envío de armas por parte da UE a Ucraína?
–Apoiamos unha conferencia de paz. Hai máis guerras no mundo e non se lles envían armas. Aos palestinos non se lle envían armas.
–Si ou non?
–Non creo que a solución sexa enviar armas, non.
–A mediados de mes, foi visitar Inditex. Houbo críticas dos seus lembrando as súas protestas contra as políticas laborais da compañía e a vostede por “someterse”, digamos, ao capital. Que opina?
–As críticas máis grandes que lin foron as do PP, ao que case lle dá un sofocón. Vin ao vicepresidente primeiro da Xunta criticando a visita da líder do BNG a Inditex. Pois téñolle unha noticia moi mala para o PP. Vou seguir visitando empresas pequeñas, medianas, grandes...
–Que lle parece a traxectoria de Feijóo como líder do PP?
–Estamos vendo que había moita propaganda e que se está desinflando. Non demostra estar á altura das responsabilidades ás que aspira.
–Non estaba á altura para presidir a Xunta tampouco?
–Non, así o di o balance que deixa. Cos gobernos do PP, Galicia vai a menos: crise demográfica, perdemos as caixas, perdemos tecido industrial, non hai proxectos de envergadura, unha débeda triplicada...
–Entón votaron mal os galegos desde o 2009 outorgándolle catro maiorías absolutas?
–Non digo iso, pero hai feitos obxectivos. A crise demográfica vai a máis, que temos menos emprego é un dato obxectivo, que se triplica a débeda pública tamén. Galicia vai a menos co PP e nesta crise de prezos temos un goberno burocratizado e arrastrando os pés. Preséntanos unhas contas públicas insolventes e insolidarias. Baséanse en previsións de crecementos falsas e se fas unha diagnose errada, non vas acertar nas medidas que necesita o país. Son insolidarios porque e inconcebible que, en plena crise de prezos, o PP decida pór en marcha un pelotazo fiscal de 34 millóns de euros a 7.700 millonarios. Eses 34 millóns son moi importantes. Temos a Atención Primaria colapsada e poderiamos contratar 700 médicos e médicas, ou recuperar a tarxeta básica, ou contratar 900 profesores. O que vemos é que o PP debilita Galicia. –Cando se elixiu a Feijóo, as enquisas apuntaban un cambio de ciclo a nivel estatal. Xa non é así e agora rompeu o acordo para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial, polo que está sendo moi criticado. Que opina?
–Estamos a ver a Feijóo en estado puro: unha persona que nunca chegou a acordos. Non é que non o faga en Madrid, onde se ve que outros lle marcan o ritmo, é que tampouco quixo facelo aquí. O que deixa é unha herdanza de goberno gris, débil e sen proxecto de futuro. Este país debe apostar xa por un cambio real.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una pareja con un hijo que gane hasta 52.500 euros al año podrá acceder a una vivienda pública
- El presunto narcosubmarino en Camariñas se partió en dos secciones
- La «maravilla natural» que National Geographic recomienda visitar en 2025 está en Vigo: «Parece sacado de un cuento»
- Sanidade detecta 41 cánceres precoces con el cribado de cuello de útero
- Un millar de médicos denuncian ante Sanidade «el incumplimiento» de la jornada de 35 horas
- Medio Rural asume ya la gestión de más de 320 fincas sin propietario
- El «profe» multifuncional del futuro: docto, empático y TIC
- ¿Qué pasa con tu bono de Renfe al decaer el «decreto ómnibus»?