Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pilar Cancela Secretaria de Estado de Cooperación Internacional

“Galicia está a facer un bo traballo no ámbito da cooperación; ten iniciativa”

“Creo que non aporta nada positivo analizar cuestións que aconteceron hai máis de 500 anos e que non podemos cambiar cos parámetros e coa mirada do século XXI”

Pilar Cancela, en Santiago. Xoán Álvarez

A pandemia e a guerra evidenciaron que hai que camiñar “xuntos”, defende a galega Pilar Cancela, secretaria de Estado de Cooperación Internacional, que tamén fala de “complementar” esforzos dende os ámbito estatal, autonómico e local para chegar a máis proxectos e permitir a máis persoas vivir “con dignidade”. En España ademais, lembra, iniciou a súa andaina parlamentaria a lei que actualizará a de Cooperación Internacional de 1998, na que por primeira vez hai compromiso cunha vella reivindicación: destinarlle o 0,7% do PIB.

–Cal é o estado actual da cooperación internacional?

–Agora mesmo temos dúas aprendizaxes brutais da loita contra a pandemia e a guerra pola invasión ucraína por parte de Rusia. A COVID ensinounos que ninguén podía saír só da situación, senón que era importante traballar na mesma dirección, e a guerra, que algo que acontece nuns países alonxados ten un impacto directo no ámbito da seguridade alimentaria ou no prezo enerxético. Cada vez estamos máis interconectados. Se queremos saír destes retos e situacións, podémolo facer mellor xuntos.

–E como o está a facer Galicia?

–A verdade é que Galicia no ámbito da cooperación si que está a facer un bo traballo e a apostar pola cooperacion dunha maneira seria. E tamén o quero dicir porque é unha das comunidades do ámbito do PP tractoras, que se ve que ten unha iniciativa e que ten un empuxe importante en cooperación. Tamén fan un traballo importante concellos e deputacións, ao final estamos todos ao mesmo. En xeral, somos unha socidade moi solidaria e a galega, a que máis.

–A nova lei de Cooperación acaba de pasar o seu primeiro trámite no Congreso. Que resalta dela?

–Estamos nun proceso de reforma moi fonda para responder a novas situacións e retos. Non só a unha pandemia, guerra ou catástrofe natural, máis da axuda humanitaria, senón ao cambio climático que impacta no aproveitamento da auga, saúde, colleitas... Temos que dotarnos das ferramentas para afrontar a situación e de recursos. Levabamos unha década de medra case nula e esa racha rompeuse o ano pasado e tentaremos manter o compromiso. E por primera vez na lei figurará o 0,7% do PIB.

–Esa demanda cumpre case 30 anos. É ben difícil de acadar...

–Estamos nunha situación de crise, nunha economía de guerra. Dende que asumimos a Secretaría e o Ministerio conseguimos un incremento importante dos recursos e a nosa intención é que siga a subir. Pero é complicado. Alemania ou Francia, que invisten máis ca nós en axuda ao desenvolvemento, poden facelo porque teñen, caso de Alemania, unha ferramenta financeira que é un banco de desenvolvemento que lle permite captar moitos recursos e España non. Con este cambio comprometémonos a definir algo semellante, determinante para poder acadar o 0,7%, porque só cos recursos que poidan derivarse dos orzamentos xerais do Estado vai ser moi complicado. Pero España ten que xogar un papel importante, por exemplo en América Latina, onde nos piden que teñamos ese papel.

–Como afecta á imaxe de España na zona a visión que incide nos matices negativos da “conquista”?

–Dende o punto de vista da cooperación internacional, hai un substrato de traballo conxunto e iso permitir arraigar moito máis, somos moi respectados e queridos. Ás veces para a rendibilidade política pode resultar positivo para quen o use ese discurso que eu creo que é de populismo, nembargantes creo que non aporta nada positivo analizar cuestións que aconteceron hai máis de 500 anos e que non podemos cambiar cos parámetros e coa mirada e a análise do século XXI. Creo que a mirada correcta é a que desenvolvemos, que é a de intentar construír, aproveitar as sinerxias, e ese é o papel que España está facendo. Nós seguimos estando alí e traballando de xeito fluído e a cooperación é unha pata importante da acción exterior de España e axuda moito a que eses discursos se reconduzan á realidade das cousas.

–Nalguna viaxe acompañouna a raíña Letizia, que se define, dixo, coma “a primeira cooperante”.

–Para a cooperación española é unha oportunidade porque nos axuda a visibilizar o traballo permanente e constante do resto do ano de tres mil mulleres e homes que están polo mundo adiante e que, pase o que pase, seguen estando aí e iso é o que hai que pór máis en valor. Coido que ela sabe que o seu papel e a súa presencia é moi útil para que iso sexa así e o toma coma unha das súas prioridades e o asume dun xeito moi profesional. Cando imos aos sitios, sabe o que imos facer, sabe dos proxectos, é xornalista e pregunta, ten esa formación de preguntar polas cosas, de empaparse moito das situacións. Ademais é unha persoa achegada no trato e vive a experiencia dun xeito apaixoado. É unha loitadora contra a trata das mulleres e das nenas e a seguridade alimentaria ou o cambio climático preocúpanlle moito.

–Tivo responsabilidades na Comisión de Igualdade no Congreso. Que se acadou? Que falta?

–Dende o punto de vista lexislativo, España deu un salto cualtitativo, pero estamos nun momento onde hai forzas políticas que cuestionan ata o esencial, a propia lexitimidade da reivindicación feminista da igualdade entre mulleres e homes. Mesmo o dereito ao aborto libre. Penso que no feminismo nunca nada está consolidado e que temos que estar alerta e a loita ten que ser permanente.

–Coñeceu vostede a Alberto Núñez Feijóo. Tenlle dito algo ao partido sobre o actual líder da oposición?

–Defínese e fala el por si mesmo. Había unha expectativa quizais importante en relación co posible cambio de liderado no PP, sobre todo porque tiña a imaxe de excelente xestor –os que estamos en Galicia coñecemos que quizás ese é un concepto relativo–. Quizais se esperaba moito máis como principal líder da oposición. Cando se goberna en situacións complexas non se goberna só para os teus ou non estás na oposición pensando só nos teus, tes que pensar na maioría social do país e creo que nese sentido non está colmando ninguna expectativa.

Compartir el artículo

stats