Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As sete herbas e outras tradicións para a noite de San Xoán

Unha guía completa con todos os ritos que non poden faltar na noite máis máxica en Galicia

Fotografía do historiador Gustav Henningsen na que se ve a unha rapaza lavándose coa auga de San Xoán, unha imaxe que foi exposta no Museo do Pobo Galego na mostra "Galicia Máxica". GUSTAV HENNINGSEN

Chega a noite máis máxica do ano e, con ela, diferentes ritos e tradicións que fan do San Xoán unha das festas máis populares e especiais para os galegos e galegas. Dende apañar as herbas para facer o "Cacho de San Xoán", ata saltar as cacharelas ou bañarse na praia da Lanzada para curar a infertilidade, son algunhas das tradicións máis arraigadas na comunidade galega para celebrar a entrada do solsticio de verán, ademais de espantar o mal de ollo e procurar a protección frente aos meigallos. A auga e o lume son os principais elementos que non poden faltar para levalos a cabo as seguintes tradicións populares.

As herbas

A medida que se achega a noite de San Xoán e moi común atopar á xente polos camiños e polos montes galegos apañando as herbas que son necesarias para elaborar o coñecido como "Cacho de San Xoán". Dependendo da zona, a elaboración deste tradicional conxunto de herbas pode variar e, noutras ocasións, por falta dalgunhas, estas poden ser substituídas por outras semellantes.

Ilustración botánica coas herbas de San Xoán, as súas propiedades e lendas asociadas. C. Sertal

Para elaborar o tradicional "Cacho de San Xoán", o primeiro que deberemos facer será recoller auga de sete fontes diferentes, aínda que tamén se pode facer coa dun só manancial. En segundo lugar, tocará localizar as herbas que fan falla para completar o rito. Estas son as máis empregadas:

  • Artemisa ou Herba da Nosa Señora
  • Estalotes ou croques
  • Fento
  • Fiuncho
  • Herbiña de San Xoán
  • Malva
  • Romeu
  • Hortelá
  • Macela brava
  • Milfollas ou Herba dos carpinteiros
  • Xesta
  • Herba luísa
  • Silva ou silveira

Unha vez recollidas, as herbas deben colocarse nun recipiente no que previamente se verterá a auga das sete fontes. O cacho deberá permanecer toda a noite ao aire libre á luz da lúa, deixando que se empapen ben do orballo. Ao día seguinte, á primeira hora, hai que lavar a cara con elas co obxectivo de ficar protexido contra o mal de ollo para o resto do ano. En moitos lugares é moi habitual facer posteriormente un pequeno ramo coas herbas purificadas na noite de San Xoán e colocalo colgado a carón da porta de entrada da casa.

A sardiña molla o pan

"Polo San Xoán a sardiña molla o pan". No refraneiro popular galego aparece recollido este dito que fai referencia á comida tradicional desta data. As sardiñas asadas en pan de broa é a cea que se poderá degustar en todas as festas de San Xoán.

Sardiñas á venda no Mercado de Abastos de Vilagarcía. M.M.

Por outra banda, as sardiñadas son o máis común nesta noite porque este peixe se atopa nestas datas no seu momento óptimo, tanto de pesca como de consumo.

Queimada

Entre as tradicións do San Xoán non pode faltar tampouco a bebida galega por excelencia para quecer o corpo e espantar os peores agoiros: a queimada. Pronunciando o famoso conxuro, esta debe prepararse nesta noite meiga mesturando augardente de oruxo, azucre, cítricos e grans de café. Unha vez preparada nunha pota de barro ou de metal é o momento de prenderlle lume e é xusto nese intre cando debe recitarse o conxuro para pedir protección aos espíritus.

Preparación da queimada. FdV

Estas son as palabras que hai que recitar para que a queimada sexa efectiva:

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas.

Demos, trasnos e dianhos, espritos das nevoadas veigas.

Corvos, pintigas e meigas, feitizos das mencinheiras.

Pobres canhotas furadas, fogar dos vermes e alimanhas.

Lume das Santas Companhas, mal de ollo, negros meigallos, cheiro dos mortos, tronos e raios.

Oubeo do can, pregon da morte, foucinho do satiro e pe do coello.

Pecadora lingua da mala muller casada cun home vello.

Averno de Satan e Belcebu, lume dos cadavres ardentes, corpos mutilados dos indecentes, peidos dos infernales cus, muxido da mar embravescida.

Barriga inutil da muller solteira, falar dos gatos que andan a xaneira, guedella porra da cabra mal parida.

Con este fol levantarei as chamas deste lume que asemella ao do inferno, e fuxiran as bruxas acabalo das sas escobas, indose bañar na praia das areas gordas.

¡Oide, oide! os ruxidos que dan as que non poden deixar de queimarse no agoardente, quedando asi purificadas.

E cando este brebaxe baixe polas nosas gorxas, quedaremos libres dos males da nosa ialma e de todo embruxamento.

Forzas do ar, terra, mar e lume, a vos fago esta chamada: si e verdade que tendes mais poder que a humana xente, eiqui e agora, facede cos espritos dos amigos que estan fora, participen con nos desta queimada.

Saltar a cacharela

Non é posible pensar na noite de San Xoán sen asociala ao lume como elemento purificador. As cacharelas e fogueiras esténdense por todo o territorio galego nesta noite e entre as tradicións máis repetidas están a de saltar as lumaradas. Malia que o número de saltos varía en función da zona na que nos situemos, o habitual é que sexa sempre un número impar, sendo tres, sete e nove o máis habitual.

Celebración e lumarada de San Xoán no barrio do Berbés, antes da pandemia. MARTA G. BREA

Por outra banda, asociado precisamente a esas cualidades purificadoras do lume, moitas persoas aproveitan para queimar o que queren desbotar da súas vidas, espantando así o meigallo. A modo de exemplo, entre os estudantes é moi común a queima de apuntes e libros, unha vez superado o curso. Porén, outras persoas aproveitan a noite meiga para botar á cacheira os seus desexos máis ansiados co obxectivo de que San Xoán interceda e os faga realidade.

27

La historia de San Juan, en imágenes: más de medio siglo de hogueras en Vigo

O baño das nove ondas

A Nosa Señora da Lanzada, localizada no concello de Sanxenxo, é un dos santuarios máis antigos de Galicia. A riqueza dos seus cultos e ritos ancestrais vencellados á auga e cristianizados posteriormente baixo a devoción á Virxe da Lanzada converten a este lugar nun emprezamento máxico. Así, asociado á fertilidade, na praia da Lanzada lévase a cabo o famoso rito das nove ondas por San Xoán e tamén no mes de agosto, coincidindo coa celebración da efeméride da Nosa Señora da Lanzada.

Vista área da Capela da Nosa Señora da Lanzada. INAKI ABELLA DIEGUEZ

Este ritual ten o obxectivo de curar a infertalidade feminina, é por isto que as mulleres que non teñen descendencia e queiran ter crianzas, deberá introducirse no mar até o ventre á media noite e agardar a recibiren as nove ondas de maneira consecutiva. O mar actúa como un elemento fecundador e o número nove das ondas está vencellado aos nove meses que dura un embarazo. Un rito semellante tamén está documentado na na praia de Louro, en Muros, onde as nove ondas, ademais de conseguir a fecundación tamén servirían para conseguir mozo.

No caso da Lanzada, os fieis á Virxe recomendan ademais expresarlle á santa con devoción o desexo de teren crianzas, que tamén debera completarse cunha ofrenda no santuario como mostra de fe.

Con respecto á infertilidade, antigamente referíase á soltería como unha das causas. É por isto que, na véspera de San Xoán eran moi común os ritos de adiviñanzas para coñecer que nun futuro próximo as mozas terían parella ou non. Un daqueles métodos adiviñatorios coa auga era o de que a muller solteira puxera un ovo nun vaso con auga antes de que se meta o sol polo horizonte e deixalo exposto na ventá ao orballo da noite. Á mañá seguinte, debía contemplar as formas trazadas coa clara do ovo para interpretar o oficio do futuro mozo.

Compartir el artículo

stats