Asistentes de voz, sistemas de recoñecemento da fala ou tradutores de alta calidade. Todos eles entenderán de galego grazas ao proxecto “Nós de Intelixencia Artificial ao servizo das tecnoloxías”, que agora entra nunha segunda fase que permitirá, por exemplo, a creación de bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que as empresas empreguen a lingua galega nas súas tecnoloxías, como explican dende a Universidade de Santiago, a institución que pretende facer realidade que o galego “dea un paso decidido cara adiante no eido das tecnoloxías intelixentes”. O obxectivo da colaboración entre a USC e a Xunta, que financia esta segunda fase con 600.000 euros, é “sumar esforzos para equiparar” o idioma propio da comunidade a outras linguas “que inundan o ecosistema dixital”. Trátase, sinalan, de que os cidadáns poidan interactuar en galego no mundo dixital. Por dicilo doutro xeito, de que Siri ou Alexa, por exemplo, falen galego.

Segundo explican dende a Consellería de Educación e dende a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, asinantes polo lado da Xunta do convenio co reitor da USC, Antonio López, neste novo chanzo os propósitos son que os investigadores avancen no traballo de campo, deseñen prototipos dos recursos, experimenten cos primeiros demostradores e cren bancos de voz. As liñas de traballo deseñadas o pasado ano concretáronse en oito subproxectos, dos que seis se impulsarán grazas ao financiamento asinado onte: síntese de voz, recoñecemento da fala, xeneración automática de textos, sistemas de diálogo, tradución automática e correción e avaliación lingüística.

Dende a USC indican que a renovada colaboración pretende acadar unha ampla variedade de recursos lingüísticos de calidade que serán publicados en formato dixital baixo licencias libres e a través de ferramentas con códigos abertos par que os poidan usar non só institucións, senón tamén o tecido económico e a sociedade civil. Unha das concrecións será a creación dun banco de voces da lingua galega a través dunha plataforma que permitirá rexistrar voces que len texto controlado. Haberá unha campaña de promoción para participar neste recurso.

Cando hai un ano o entón aínda presidente do Goberno galego Alberto Núñez Feijóo presentaba a iniciativa, os axentes implicados destacaban que este “Nós” é o proxecto de normalización lingüística no ámbito tecnolóxico máis ambicioso que se desenvolveu nunca en Galicia e o mandatario incidía en que o proxecto “recolle o espírito da Xeneración Nós”, que defendeu que o galego “non podía quedar excluído de ningún ámbito de traballo”. Niso afondou onte Antonio López: “Se queremos que as novas xeracións falen galego, han de poder facelo tamén con e a través das máquinas”.