Cando Rafael Pillado (Ferrol) anunciou que lle quedaba un ano de vida por culpa do amianto, recibiu mil chamadas de amigos chorando pero con palabras de amor. Iso amosa que clase de persoa é Pillado: fundador de CCOO en Galicia, loitador antifranquista co Partido Comunista, preso político, primeiro en destapar o mal de amianto e agora vítima deste material como traballador do naval. Asegura que loitará ata o final.

–Vostede que fixo da súa vida unha loita constante... como afronta a máis importante?

–Teño a loita persoal por prolongar a vida o máximo posible, nun tema que causa moita dor a familia e amigos. Pero como lle dixen á miña médica Carmen Diego, decidín abordalo con moita serenidade para non padecer máis. Non quero que o resto da miña vida sexa unha tortura, non quero morrer a cachos. A neumóloga díxome que a quimioterapia era imprescindible para frear o cancro –padezo mesotelioma polo contacto laboral co amianto–. Sei que o tratamento me trastocará todo, desde o sono ás gañas de comer, pero non teño outra solución. E tamén loito polos dereitos dos afectados polo amianto, como vicepresidente da asociación Agavida e agora como vítima. O naval e a construción, non só en Ferrol tamén en A Coruña e Vigo, están cheos de amianto e a súa retirada non se fai de modo axeitado.

–Pasou por moitas penalidades na vida, como a represión e a prisión. Esa experiencia axúdalle a ser máis forte?

–Un bo día entendín en que mundo vivía e que a defensa dos traballadores pasaba pola unidade. Establecín un compromiso como deixei claro ante o Tribunal de Orde Público cando fun procesado: “Serei sempre unha persoa comprometida cos dereitos dos meus compañeiros”. O Consello Galego da Cultura invítame a dar unha conferencia xusto o 10 de marzo, cando se conmemora o 50 aniversario dos sucesos de 1972: cando a policía franquista asasinou aos obreiros Amador Rey e Daniel Niebla nunha manifestación do naval. Daqueles que loitaron quedamos moi pouco vivos, por iso teño que aproveitar os meus últimos días para contalo.

–En que ano entrou nos estaleiros de Ferrol e como foi o seu contacto co amianto?

–Empecei como aprendiz en 1957 con 15 anos, e saín en 1999 como prexubilado. O meu posto era axustador-montador en monturas a flote. E arranquei amianto dos buques tipo Audaz para a súa remodelación. Foi sobre o 1959 e xa estaba incubando este material canceríxeno sendo aprendiz.Así estiven dous anos. O amianto estaba por todas as esquinas de Bazán, había almacéns de amianto. En monturas, os traballadores cortaban telas de amianto: morreron todos menos un que me chamou o outro día para avisarme de que só el quedaba vivo.

–En paralelo á súa vida laboral está a súa vida política.

–Entrei no Partido Comunista en 1960. Durante toda a miña vida estiven uns cinco anos en prisión, sobre todo despois dos feitos do 72, e pasei polas prisións de Ferrol, A Coruña, Carabanchel, León...

–O amianto tamén foi unha ferramenta contra a clase obreira?

– Eu relaciono o amianto co 50 aniversario do dez de marzo porque xa no 72 reivindicábamos unhas condicións de traballo dignas. Porque non tíñamos protección algunha, obrigaban a entrar en sitios cheos de fume e amianto baixo sanción. Estabas nunha ditadura, cuns mandos acostumados a facer o que querían. Eran delegados da represión. E si que podemos dicir que a ditadura nos maltrataba coa represión e tamén con este amianto, que agora me está matando.

Por que decidiu denunciar o uso deste material en 1999?

–Empezaban a morrer os meus compañeiros, rapaces moi fortes que trasladaban os materiais caían todos. Empecei a investigar e a preguntar, todos morrían. O primeiro en sacalo foi o xornalista Paco Varela, que me fixo unha entrevista. Lamentablemente o entón presidente do comité de empresa do estaleiro dixo que eu era un esaxerado. Eu estaba xa en Fuco Buxán e empezamos a facer traballos de divulgación, mesmo amosando o impacto do amianto en xente como o actor Steve Mcqueen. Tamén desde Bazán –actual Navantia– me dixeron que era un esaxerado e que o tiñan controlado. Me deixaron claro que a dirección sabía que nos estaba matando, e que lles importaba tres carallos.

–Viu morrer xa a moitos compañeiros?

–Desde o compañeiro Emilio Rodríguez ao que substituín en Agavida, ata Manuel Amor, Riobóo, José Manuel Iglesias –os que loitaron comigo no 72–

–A que adicará o tempo que lle queda?

– Aínda que se escape a miña vida entre as mans, aínda que sexa o último que vexa, quero o Monumento do Dez de Marzo no centro da praza de Porta Nova en Ferrol como homenaxe real aos asasinados.

“Quero resistir para conservar ata o final a memoria do que ocorreu no franquismo”

–Vostede é fillo de loitadores. O seu pai estivo no cárcere como loitador antifranquista, a súa nai alimentounos vendendo frores á porta do castelo de San Felipe en Ferrol.

–O meu pai estaba preso en San Felipe por axudar aos maquis da guerrilla, e a miña nai viu para aquí comigo e co meu irmán para estar cerca del.

–Sabe que os seus pais estarían moi orgullosos de vostede.

–E eu deles. Porque o meu pai Manuel Pillado estaba físicamente moi fastidiado, pero tiña unha capacidade de resistencia impresionante. E a miña nai María Lista non tiña coñecementos políticos, pero era tan intelixente que convertiu a súa miseria no negocio que se chamaría La florista del Castillo. Cando ela me falaba, sentía que me poñía escoras para sosterme. Cando eu estaba na comisaría, os policías levaban á miña nai para presionarme para que delatara. E aínda así non o lograban.

–Ten dúas fillas e unha neta. Que lles deixa?

– A elas,á miña muller e á miña neta quero deixarlles un legado de dignidade e tamén unha biblioteca.

–Que consello de vida lle daría á súa neta?

–Que hai que levar unha vida digna, adicarte ao que queres e coidar da humanidade.

–Agora quere aproveitar con elas o que lle queda.

–Quero aproveitar estes días para estar con elas, denunciar o mal do amianto e conmemorar o 50 aniversario dos feitos do 72. Sei que a quimioterapia me trastocará todo. Pero non queda ninguén para explicar o 72 porque eu era o secretario do Partido Comunista, o responsable de Comisións Obreiras en Galicia... o problema que hai é que todos morreron. Por todo isto quero resistir, porque quero conservar esta memoria ata o final.