Xa se pode votar pola Palabra do ano 2021: Coada, manto de lava en estado líquido que saltou ós medios e á rúa co volcán de La Palma, ademais de gromo, resiliencia, tanxugueiras e vacinódromo son as candidatas.

Os efectos do volcán de lava sinténse na palabra "coada", ademais dos novos substantivos que nos legou a pandemia,como "vacinódromo" e "gromo", ou a propia "resiliencia" necesaria para afrontar estes tempos. "Tanxugueiras" é, por último, outro dos termos que competirán en 2021 para facerse co título de "Palabra do Ano". Por que? Pois porque non figura no Dicionario, debido a que é un topónimo que nos fala dun lugar con moitos teixugos e agora se fixo popular co grupo galego da revolución trad.

Desde hoxe ao sábado 25 de decembro, someteranse a votación telemática os termos elixidos na primeira fase. Tras as festas de Nadal, a Palabra do Ano darase a coñecer nos últimos días do 2021.

Palabra do ano Fdv

A Palabra do Ano trata de identificar aquilo que resuma como se viviron colectivamente os últimos doce meses ou algún aspecto que sobresaíse, para ben ou para mal, na actualidade máis próxima ou global, en ocasións a través de neoloxismos e noutras a través de termos presentes na lingua dende hai moito tempo.

Poñerlle un nome ao ano que está a piques de rematar pode ser así tamén un xeito de agradecer o bo e despedirse do malo antes de darlle a benvida a unha nova etapa.

O Portal das Palabras é un proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron escollidas Nós (2020), Sentidiño (2019) Deseucalpitización (2018), afouteza (2017) e irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—.