Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Valentín gonzález formoso | Secretario xeral electo do PSdeG

“Seremos un PSdeG construtivo, capaz de recoñecer os acertos da Xunta”

“Gonzalo Caballero perdeu as primarias e o proceso rematou, ten que agromar a xenerosidade”

Valentín Formoso CARLOS PARDELLAS

Valentín González Formoso (As Pontes, 1971) afronta a tarefa de revitalizar a un PSdeG varado no ámbito autonómico en 14 escanos, os mesmos que en 2016, a pesar do tirón do Goberno presidido por Pedro Sánchez. O tamén presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes ultima o seu equipo, pero non dá nomes e morde a lingua para non responderlle ao seu antecesor, Gonzalo Caballero, moi crítico coa súa vitoria. O PSdeG celebra o martes e mércores o seu congreso para abrir unha nova etapa. “Eu pego uns 300 carteis en cada campaña e seguirei facéndoo”, avanza como exemplo do seu xeito de facer política.

–Como se atopa?

–Con moita ilusión. Vai ser un proxecto sincero, que lle dirá a verdade á xente. Ás veces non gustará, pero a xente poderá identificarse con el. Este é un partido que ten distintas sensibilidades. Esperemos que a sociedade confíe nun PSdeG que se identifica coa socialdemocracia, cun partido que gobernou este país practicamente 40 anos en democracia, que tivo a oportunidade de gobernar Galicia durante dous mandatos e que é capaz de espertar o mellor de Galicia.

–Que diferenza concreta haberá entre o partido de Caballero, de hai uns meses, e o seu?

–A cidadanía vai percibir unha política de país, construtiva, non de confrontación con ninguén, onde sexamos capaces de recoñecer os acertos da Xunta, de facer crítica construtiva no que non esteamos dacordo e, sobre todo, que teñamos capacidade de que a cidadanía nos vexa actitude propositiva en asuntos de vangarda que quizais non estean no curto prazo, pero que necesitamos para que os rapaces, logo de formarse, non teñan que marchar lonxe de Galicia. Para iso, hai que facer unha política distinta, que moitas veces se percibe no ámbito municipal, onde hai máis capacidade de diálogo e compartir cuestións de Estado e de país. Será a gran diferenza non só co PSdeG anterior, senón coa actual política galega de trincheiras, onde hai formas de facer política cómodas na confrontación.

–Entón, cre que o mandato de Caballero como secretario xeral foi unha etapa de confrontación?

–En xeral, o Parlamento galego ata agora é máis un escenario de confrontación permanente que de acordos en temas de país.

–Xa ten a dirección do partido que se elixe no congreso de martes e mércores na cabeza?

–Unha parte.

–Que pode contar?

–Que haberá unha Vicesecretaría Xeral ocupada por unha muller.

Falarei con Caballero, é moi aproveitable para o partido

decoration

–Como afronta a integración do gonzalismo? Vai haber cota de partidarios do ex secretario xeral na executiva?

–Non haberá cotas nin de valentinistas, nin de gonzalistas, nin de besteiristas... Haberá unha executiva galega pensada para ofrecer unha imaxe positiva do partido, con criterio para os asuntos do país e deseñada non para encher ocos, senón para poñer persoas capaces de ofrecer unha solución socialdemócrata. O criterio de elección é a valía das personas, non a que sensibilidade pertencen. Non se entendería un reparto de cromos entre as distintas sensibilidades. Eu non o vou facer.

–Quen vai ser o portavoz parlamentario?

–O grupo sairá da reflexión da executiva.

–Seguirá Gonzalo Caballero?

–Será o portavoz que decida a executiva. Os tempos son importantes para non desvirtuar o proceso.

–Sentirase cómodo con Caballero no Parlamento logo das críticas que lle lanzou? Tachouno ata de cabalo de Atila...

–Xa non é que sexa compañeiro, é que persoalmente cáeme ben, independentemente de que non comparta que estea explicitando o que ninguén se atreveu a explicitar ata o de agora. Cando un perde unhas primarias, perde. A xenerosidade e a prudencia teñen que agromar.

–Cre que é mal perdedor?

–Non quero dicir iso. Gonzalo é unha persona moi aproveitable. Estarei moi cómodo con el no Parlamento. Terei, seguro, diferenzas de criterio igual que con outros. Pero a executiva galega terá unhas liñas que imperarán. Falarei con el cando teña que falar. A nivel personal, afinidade total, que é moi importante. Cando pase o congreso, a xente verá que cada un terá un papel.

Na executiva non haberá valentinistas ou gonzalvistas. O criterio será a valía, non as cotas

decoration

–Teme un congreso de confrontación? Pregúntollo porque Caballero vai presentar lista ao Comité Nacional para manter unha cota interna e en declaracións a FARO insinuaba que o partido estaba dividido porque el gañara en Pontevedra e Ourense.

–As primarias xa pasaron. O partido teno interiorizado. Despois dunhas primarias, a militancia está sempre detrás da executiva galega e do secretario xeral. Foi sempre así. Estou convencido de que será así. Do congreso sairán órganos elixidos lexitimamente pola militancia. Teño que preocuparme de construír, non de atender cuestións personais do partido. A miña obsesión é construír o partido co que se identifique a maioría de Galicia. Iso irá pegando o partido.

–Caballero, en declaracións a FARO, insinuaba que entre os militantes que o votaron a vostede pesaron as indicacións dalgunhas baronías e incluso falou de afiliacións masivas nas Pontes. Que lle parece? Pode dividir máis o partido?

–As primarias remataron e hai que respectar absolutamente a lexitimidade de calquera persona que quere afiliarse. Non podemos máis que alentar as afiliacións. Son tan respectables as que se fagan no Saviñao, Arteixo, As Pontes, A Coruña ou Vigo. É un discurso que temos que non compartir e facer un chamamento para que canta maior sexa a afluencia, mellor.

–Pero dálle igual que un ex secretario xeral diga que entre a xente que votou por vostede había xente influenciada por poderes orgánicos ou institucionais do partido?

–Non vou entrar nesas insinuacións. Pensando en quen quere afiliarse ao PSdeG, non podemos recibilos con estos comentarios, senón cos brazos abertos.

–Fala de unidade, pero uns alcaldes acaban de censurar a dirección do partido en Pontevedra. Que opina?

–Non descubro nada se digo que a dirección provincial de Pontevedra fixo un bo traballo nestes catro anos, os resultados están á vista: unha abrumadora maioría en Vigo, a presidencia da Deputación, 23 alcaldías e bos resultados en cada proceso electoral. Respecto a esas reclamación, deben expoñerse dentro dos órganos do partido e estou seguro de que se van arranxar con diálogo.

“O Goberno central non quere nos territorios delegados do partido sen espírito crítico: a discrepancia é obrigatoria”


–Como se explica o éxito do modelo municipal do PSdeG, con tres deputacións e cinco cidades, e o fracaso nas autonómicas, onde leva oito anos sen liderar a oposición sequera?

–O compoñente personal é moi importante. Nas municipais é evidentísimo e nas autonómicas, tamén. Se es quen de ofrecer un proxecto galeguista que defenda os intereses dos galegos por riba de siglas partidistas, e conformas equipos que a cidadanía perciba como atractivos, é unha fórmula que terá respaldo electoral importante.

–Ao fío dese argumento, dígame algo que fixo ben a Xunta e algo que fixo mal o Goberno central.

–(Pensa uns segundos). Seguro que a Xunta fixo moitas cousas ben, pero comparto o espírito da Lei de Emprendemento de Galicia, aínda que lle falta intensidade nesa ansia de axilizar e desburocratizar os implantamentos emprendedores. Fáltalle máis ambición para evitar as fugas empresiarias, por exemplo, a Portugal, que é un problema de país. Pero loxicamente tamén vexo moitas cousas negativas. E no ámbito estatal fixéronse auténticas marabillas nunha pandemia na que vimos o abismo como sociedade. E fomos quen de poñer en valor o público desde o Goberno, como logramos recursos europeos, mantivemos vivos máis de 300.000 entes empresariais no país...

–Pero que fixo mal o Goberno central?

–Por dicir unha, a transición enerxética, para ser xusta, require un tempo. Podería ser máis racional.

–Pecou o PSdeG de sumisión a Madrid estes catro anos?

–Confundiuse. O Goberno do Estado, o partido en Madrid non quere nos territorios delegados do partido sen espírito crítico e que non se identifiquen co seu pobo. O partido quere que sexamos leais, pero a discrepancia non só está permitida, senón que é obrigada. Cando te afastas diso, non te identificas nin co PSOE nin con Galicia.

Compartir el artículo

stats