Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Teresa Táboas | Arquitecta galega, elixida no Consello da Unión Internacional de Arquitectos (UIA)

“Hai que pensar en clave de Re para tocar a melodía destes tempos: rehabilitar, reformar, reciclar...”

A arquitecta e única española na dirección da Unión Internacional de Arquitectos, Teresa Táboas, nunha foto recente.

A arquitecta e única española na dirección da Unión Internacional de Arquitectos, Teresa Táboas, nunha foto recente.

A doutora en Arquitectura galega Teresa Táboas acaba de entrar no órgano de dirección que guía ós arquitectos do mundo. Foi decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia –a primeira muller en acceder ó cargo– e conselleira titular do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España a principios do século XXI.

A tamén exconselleira de Vivenda da Xunta (2005-2009) foi elixida agora como integrante do consello da Unión Internacional de Arquitectos (UIA). É a única española entre catro europeas e atende esta chamada desde as súas ‘trabacacións’: posto que segue a traballar a ratos no seu lecer. Avanza que o momento que afrontan ten grandes retos.

–¿Como recibe este novo desafío internacional?

–É unha honra para min poder estar na organización que une a tódolos arquitectos do mundo, xa que o Consello está dividido a nivel internacional con catro representantes de cada rexión; é case como un miradoiro desde onde achegarse a ollar o mundo a escalas diferentes. O congreso tivo que aprazarse un ano por mor da pandemia: eu xa era a candidata por España en Río de Janeiro (Brasil) en 2019 e este ano foi o primeiro que se fixo con voto telemático.

O primeiro consello da UIA foi o pasado venres e a primeira reunión vaise celebrar en decembro en Madrid, porque alí será o ano que vén o Foro de pensamento sobre a vivenda. Varias cidades concorren cada ano a ser sé do acontecemento, que fai desa urbe a capital mundial da arquitectura. A vindeira vai ser Copenhague e para 2026 había dúas candidaturas: Beijing e Barcelona... ¡e gañou Barcelona! Así que a alegría é dobre.

Teresa Táboas, nunha imaxe de arquivo. Fdv

–¿Cales serán as principais liñas de actuación?

–O importante desta nova etapa do Consello son os retos en materia de territorio e urbanismo co cambio climático. Hai un desafío para a nosa profesión importantísimo que é impulsar políticas para poder ‘descarbonizar’ o sector da construción.

Hai que pensar que o stock de vivenda da UE é pouco sostible porque emite o 35% de dióxido de carbono e consume arredor do 40% da enerxía. Temos que deseñar edificios para calquera dos usos –hospitalario, docente ou vivenda– que sexan enerxeticamente ,máis eficientes. En Europa, que hai un parque de vivenda construída, haberá que rehabilitar.

–¿Non hai fórmulas máxicas?

–Hai que pensar en clave de Re para tocar a melodía destes tempos: rehabilitar, reciclar, renovar... Sempre conscientes de que estamos ante un desafío tremendo que é o cambio climático. A pasada semana, nun estudio do Massachusetts Institute of Technology sobre temas de enerxía lin que en 2050 vaise triplicar a necesidade de enerxía so para arrefriar os edificios [aire acondicionado].

O que se está xerando é consumo enerxético pero tamén emisións, así que como arquitectos temos retos que están diante de nós e xa deberiamos ter abordado hai tempo. A sociedade tamén demanda que deamos resposta. Angela Merkel recoñecía publicamente en Alemaña que non fixeran o suficiente nas accións polo cambio climático cando se viron desbordados polas riadas. E na UIA, que abrangue a tódolos arquitectos do planeta, creo que temos que traballar e propoñer como queremos que sexan as cidades.

Non só falar das smart cities en termos de tecnoloxía senón en termos humanos. De como queremos vivir o planeta. O consumo de cemento en China ultimamente é o maior da historia. Ou se asume ese reto, ou teremos problemas gordos. Temos que tomar conciencia do que pasa.

–A pandemia do COVID resituou e revalorizou o espazo da vivenda.

–Se hai un espazo arquitectónico que realmente está sufrindo a maior das transformacións é a vivenda. Por mor da pandemia converteuse, desde o ‘ultimo reduto antes de saír ao infinito’ de Rilke, ó lugar no que se traballa, de escola, Universidade... e tamén entrou o comercio na casa. O cambio da vivenda é de tal calado que hai que repensala e reformulala.

E hai unha partida dos fondos da UE para reformar as casas atendendo á eficiencia enerxética.

–Na ‘España vaciada’ e na Galicia despoboada hai centos de casas por rehabilitar.

–Debemos pedir un pulo maior ao sector primario galego; é unha necesidade de primeira orde. e da que somos máis conscientes ‘grazas’ á pandemia O despoboamento do rural ten que ver coa falla de oportunidades e políticas que o impulsen.

A poboación migra do lugar no que xorden os alimentos e co sector forestal que absorbe o CO2. Ese debería ser ‘o mundo rico’, porque é onde está toda esa riqueza natural que podería permitirnos seguir vivindo... De pouco serve que se rehabiliten vivendas para pasar a fin de semana.

A liña de rehabilitación para as casas do rural debe ser para as persoas que viven alí e que son xeradoras do PIB. Se non, irá esmorecendo máis e máis. Son movementos tácticos que a política ten que facer, como unha partida de xadrez con moitas xogadas. Hai uns días acudín como xurado a uns premios que da a Fundación Juana de Vega para poñer en valor as vivendas do rural e vin que hai unha calidade excepcional.

–¿Como será vivenda do futuro?

–Este tempo distópico e repentino vai traer transformacións complexas e desde a arquitectura haberá que dar solucións complexas.

Compartir el artículo

stats