Miles de persoas abarrotaron a Praza do Obradoiro de Santiago neste luns 17 de maio, Día das Letras Galegas, durante o transcurso dun acto convocado pola plataforma Queremos Galego para reivindicar o uso do idioma propio fronte ás políticas lingüísticas da Xunta.

Múltiples colectivos sociais, sindicais e políticos secundaron esta protesta celebrada desde as 12.00 horas no centro neurálxico do centro histórico compostelán, onde soaron con forza as xa habituais consignas: "En Galicia, en galego!".

Miles de persoas abarrotaron a Praza do Obradoiro Xoán Álvarez

Esta mobilización, habitual do 17 de maio, configurouse como a cara oposta aos actos institucionais do Día das Letras Galegas organizados pola Real Academia Galega (RAG) e coa participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que este ano se centralizaron en Vigo por ser a cidade onde desenvolveu gran parte da súa vida Xela Arias, poeta á que se dedica a festividade neste 2021.

Este evento de Queremos Galego, de marcado carácter festivo e reivindicativo, estivo conducido pola actriz Isabel Risco e contou coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, entre outros cargos de ambas as formacións políticas.