Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rexina Ortigueira Docente no IES Aquis Celenis de Caldas, ponente do Foro sobre o novo currículo

“Deberíanse eliminar contidos innecesarios e deixar os abstractos para secundaria”

Rexina Ortigueira no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis. Iñaki Abella

O Foro “Nuevo currículo para nuevos desafíos”, no que o Ministerio de Educación recolle experiencias que poden servir de referencia para o impulso ao traballo por competencias ao fío da Lomloe, conclúe hoxe. Por el pasou esta semana o IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, recoñecido pola Consellería de Educación polo seu compromiso coa innovación educativa, e no seu nome falou a profesora de Tecnoloxía Rexina Ortigueira, quen comentou o seu modelo baseado no traballo en equipo, a formación continua do profesorado ou o ambiente de respecto entre os membros.

–Cal sería a reforma máis perentoria que hai que abordar ao amparo do cambio legal da Lomloe?

–Deberíanse eliminar contidos innecesarios nas materias ou revisar a súa secuencialización, de xeito que os contidos abstractos non deberían incluírse até secundaria, e a coordinación entre as materias de cada nivel para evitar redundancias e facilitar a transferencia de coñecementos. Por exemplo, poñer en relación o estudo dos períodos literarios co coñecemento da situación histórica. Os criterios de avaliación teñen que ser xenéricos e concretalos cada centro: en materias de lingua, na que non se pode parcelar o coñecemento, son unha loucura, máis de cen. E deberíase revisar a necesidade dalgunhas materias e a súas cargas horarias e ter en conta que a oferta educativa excesiva de materias optativas é un problema enorme para a organización de horarios en centros pequenos.

–No Foro falou dentro da mesa centrada en “Que precisa o profesorado como axente da transformación curricular”. Están preparados?

–Creo na capacidade e solvencia do corpo docente actual. O reto ao que xa nos enfrontamos é o de formar persoas competente que saiban adaptarse a un futuro profesional cambiante. Para iso é imprescindible darlles ferramentas de futuro empregando metodoloxías activas, traballando en equipo e fuxindo de actuar só como transmisores de coñecemento. O corpo docente actual só ten que “orientar as velas” para chegar a bo porto. A modificación no currículo, o traballo en equipo e a formación son necesarios para iso.

–Cal debería ser o rol da memoria na nova educación?

–Non hai que desbotar totalmente o papel da memoria: hai contido básico que debe ser memorizado para servir de base para a construción de novos coñecementos. Pero debe promoverse a aplicación, o razoamento, a síntese e a creación de contido, que supoñen unha mellor preparación para o alumnado.

Rexina Ortigueira no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis.

Rexina Ortigueira no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis. Iñaki Abella

–Están as familias listas para abordar un cambio tan radical?

–Non o vexo como un cambio radical. O traballo competencial está nas leis educativas desde 2006. Europa obrigou daquela a introducilas nos sistemas educativos e a traballalas. Desde entón, todas as leis fixéronas constar nos aspectos metodolóxicos. Non queda outra.

–-Como profesora de Tecnoloxía, cal é a relevancia que a súa materia e as tecnoloxías da información e da comunicación que inclúe deberían ter?

–O papel da Tecnoloxía aínda está por definir. Para min é inaudito que nos países da contorna se lle dea relevancia ao estudo da Tecnoloxía en canto que supón a aplicación do coñecemento científico para a resolución dos problemas dos humanos, mentres que aquí en 4º de ESO se relegou a un itinerario para o alumnado que non seguirá estudos de bacharelato ou que no bacharelato non se ponderan as materias da especialidade, como a Tecnoloxía Industrial ou a Electrotecnia para as enxeñarías, cando son fundamentais para estes graos. Esperemos que no novo currículo se teñan en conta esas modificación necesarias. Por outra banda, calquera que non domine as TIC estará na mesma situación que un analfabeto en lectoescritura.

–Que papel deben xogar os deberes no novo escenario que ven?

–Non son profesora de primaria,pero, como nai, considero que se comparamos as horas dun neno ou nena e dun traballador tendo en conta a diferenza de idade, os nenos e nenas saen perdendo, xa que teñen que ter tempo para xogar e outras actividades. Na secundaria faise máis relevante que o alumnado consolide as aprendizaxes, con deberes ou coa revisión do traballado na clase cun horario de traballo autónomo fóra do horario lectivo.

Compartir el artículo

stats