Como non podería ser doutra forma, a pandemia do coronavirus tamén está presente entre os termos candidatos a convertese na palabra do ano 2020. A Real Academia Galega e a Fundación Barrié, a través do Portal das Palabras, veñen de presentar a selección de voces escollidas na primeira fase do proceso. Máis da metade dos termos gardan relación coa situación de emerxencia sanitaria.

A listaxe comeza con "gromo", que é unha palabra moi estendida para designar os tamén chamados rebentos das plantas, pero se chega a esta final é pola acepción referida á aparición súbita dunha enfermidade epidémica. Séguelle "máscara", un obxecto moi pouco empregado ata agora, pero que se converteu en imprescindible no noso día a día.

En terceiro lugar, atopamos a palabra "nós", o que amosa que maila todos os males os participantes foron quen de conmemorar os cen anos da xeración Nós. "Pandemia" é a seguinte, unha palabra que sempre estivo aí e que coidabamos que nunca escoitariamos tanto.

Este ano, no que a RAG aprobou unha proposta normalizada e oficial dos nomes das 88 constelacións recoñecidas pola Unión Astronómica Internacional, "seteiro", que fai referencia ao grupo de estrelas chamadas en latín Sagittariusé tamén unha das finalistas. E por último, "vacina", termo que amosa que despois deste ano tan difícil aínda hai esperanza.

Finalizada a primeira fase para recoller as candidatas entre as máis propostas, ábrese o período de votación telemática ata o vindeiro 25 de decembro. Finalmente, o luns 28 dese mesmo mes darase a coñecer a gañadora. E para ti, cal é a Palabra do Ano 2020?