Unha profesora da Universidade da Coruña usa un tradutor automático para corrixir un traballo en galego

Edificio da Universidade da Coruña (arquivo)

Edificio da Universidade da Coruña (arquivo) / Víctor Echave

Unha profesora da Universidade da Coruña vén de recoñecer que utiliza o tradutor automático Google Translate para corrixir os traballos en lingua galega que lle presenta o alumnado. A situación foi denunciada en Twitter por un estudante, que compartiu a resposta, en castelán, que a docente lle remitiu por correo electrónico: "No puedo corregir la redacción en gallego, como ya te habrás imaginado. Los textos que no entiendo los traduzco en google, valoraré la redacción según el texto que me de (sic)". A ferramenta do xigante tecnolóxico non destaca por facer unhas traducións de calidade académica, precisamente.

O alumno, Antonio Cendán, amosouse indignado e aproveitou para denunciar a situación do galego na universidade pública. Asegurou ademais que outra compañeira recibiu unha resposta semellante. Ante a enorme repercusión acadada polo seu chío, a Universidade da Coruña respondeulle desde a súa conta oficial con dúas mensaxes, nas que pide desculpas e afirma que "está tomando xa medidas para evitar situacións de discriminación e desprezo pola nosa lingua". A institución asegura que se trata dunha "manifestación persoal dunha docente, non representa a postura oficial da UDC, que traballa arreo por unha universidade pública, galega e feminista".

En todo caso, moitos usuarios da plataforma animan a Antonio Cendán a presentar unha denuncia, posto que lle asiste o dereito a empregar o galego no ámbito académico. Tamén dende o ámbito político, a líder do BNG, Ana Pontón, amosou a súa indignación.

Tracking Pixel Contents