Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Diputado, líder de Podemos Galicia e excandidato á Xunta de En Común

Antón Gómez-Reino: "Podemos non desapareceu en absoluto, seguirei á súa fronte e como deputado"

"Debemos ter unha estructura territorial antes das municipais de 2023"

Antón Gómez-Reino nas rúas de Vigo este verán. // Marta G. Brea

Antón Gómez-Reino foi o rostro que personalizou a estrepitosa derrota de Podemos, Anova, Esquerda Unida e as mareas nas eleccións autonómicas do pasado 12 de xullo. Naquela noite, o capital político dun espazo que en 2016 chegara aos 14 deputados, liderando a oposición, quedou fóra do Parlamento, confirmando a súa crise e pechando un ciclo político en Galicia. Malia a contundencia dese resultado, o que fóra candidato a presidir a Xunta de Galicia en Común non dimitirá de ningún dos seus cargos. Seguirá como deputado no Congreso dos Deputados, malia dicir en campaña que o seu ciclo político alí rematara, e como líder de Podemos Galicia.

-Como está? Vai dimitir no Congreso e á fronte de Podemos en Galicia logo de que o seu espazo político desaparecese do Parlamento?

-Estou ben. Aproveitei este mes para recuperar os catro meses de ausencia no nacemento da miña pequena e vida familiar, ademais de iniciar o proceso de reflexión de Podemos Galicia. Puxen a disposición do partido o meu cargo e a miña acta no Congreso. Unanimemente desde a dirección estatal, pero tamén desde o partido en Galicia, considerouse que tiña que continuar como secretario xeral. Unha das cousas que demostran estas eleccións é que o cambio político en Galicia sen mobilizar o voto de Podemos é moi difícil, por non dicir imposible. E ao respecto do Congreso, púxenme en contacto coa executiva e pedíuseme que continuase e vou continuar.

- Como explica un resultado como o de xullo, de tanta perda de confianza a pesar de gobernar en coalición no Estado?

-Estes ultimos catro anos tivemos enormes problemas para comunicarlle á cidadanía que faciamos e os nosos logros positivos e tamén un contexto de liortas internas que a xente loxicamente analizou negativamente. Asumimos a lección e que a cidadanía quere forzas políticas que diriman no seu interior as diferenzas internas e non o que pasou estes anos. Toca traballar. No ámbito estatal temos un contexto moi difícil derivado da crise do coronavirus que precisa un horizonte de goberno estable e uns orzamentos xerais do Estado expansivos e de reactivación da economía.

- É a fin dun ciclo político?

-É máis que iso. Hai un cambio de época histórica que ten que ver cunha pandemia inédita. Hai un fin de época total no que a xente progresista e demócrata debemos estar moi alerta para que non signifique involucións democrácticas. En todo caso, falando do resultado en Galicia, quedo cunha parte positiva. En todos os procesos electorais hai un 20-25% dos galegos que vota forzas políticas á esquerda do PSOE. Hai unha masa política coa que traballar. Esa poboación votounos en moitos casos e agora fíxoo polo BNG.

- Logo da debacle nas municipais onde se presentaron en solitario e das autonómicas, considera Podemos desaparecido en Galicia?

-En absoluto. Se algo amosa o 12-X é que sen Podemos Galicia non hai posibilidade de cambio. Tivemos fugas de votantes a PSOE e BNG, pero tamén os postelectorais din que tivemos unha fuga moi importante de votantes á abstención. Temos que lograr que vaian votar. O cambio político en Galicia pasa por un Podemos forte e no Parlamento galego.

- Arrepíntese dalgo?

-De nada. Quizais puxemos demasiado o foco nos logros e no que estabamos conseguindo no Goberno do Estado e non soubemos trasladar o noso proxecto para Galicia.

- Por que gañou Feijóo?

-Ten moi ben armados os resortes comunicativos. Que pasaría se un goberno noso cesase a poucas horas do inicio do curso académico na maior pandemia a un ministro de Educación e a outro de Sanidade? Teriamos importantísmos poderes mediáticos, económicos e políticos acosándosos. Parece que Feijóo pode facer o que quere e todo lle sae gratis. Pero á xente non se lle sae gratis. É especialmente dramático o que estamos vendo no inicio do cuso e coas residencias. E para a democracia é lacerante o que se está a vivir en Ourense.

- Que calado vai ter a asamblea que vai celebrar Podemos en Galicia? Haberá opción de escoller outro líder para ver se vostede segue a ter respaldo das bases?

-É unha conferencia política que se celebrará a mediados de outubro, probablemente. Teño mandato de catro anos. Non habería maior irresponsabilidade que despois dun resultado difícil eu abandonase e deixase a organización ao amparo dos acontecementos.O contexto é difícil, pero debemos traballar xa non para as autonómicas, senón para as municipais de dentro de tres anos, cando Podemos Galicia ten que ter xa unha estructura territorial. A implantación territorial é o desafío para estes tres anos.

Compartir el artículo

stats