O investigador Carlos Babío asina, xunto ao historiador Manuel Pérez Lorenzo, o volume "Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio", un traballo documental inxente que serviu de proba fundamental para a sentenza do xulgado de Primeira Instancia da Coruña.

-Como acolle a resolución da sentenza? Con prudencia ou con optimismo?

-Penso que hoxe é un día histórico. Hai unha sentenza que, aínda que non é a primeira vez que o franquismo é levado aos tribunais, é a primeira que se xulga un abuso protagonizado polo franquismo desde una perspectiva histórica do que realmente aconteceu nun golpe de estado e a súa posterior conversión en dictadura. Este proceso histórico que rodea ao pazo de Meirás en 80 anos é tido en conta polo xulgado. É tamén un triunfo da sociedade galega. Independentemente do traballo de documentación e da implicación das institucións, se isto puido acontecer é porque a sociedade galega reclamou ese ben como un patrimonio roubado. Estaba gravado a lume e foi transmitíndose de xeración en xeración. É unha sentenza que axusta a xustiza á sociedade e que nos fai crer na xustiza.

-Dada a influencia que seguen a ter as elites franquistas en moitas esferas de poder, temían un resultado diferente?

-Esta sentencia ten outra vertente importantísima: a de avanzar na normalidade democrática. Aínda hai percorrido en todo isto, hai recursos. Pode rematar en tribunais que nos teñen ruborizado. O Tribunal Supremo, mesmo. Aínda a día de hoxe custa crer que non souberan quen era o Xefe do Estado no ano 1936, algo que denota pouca xustiza, pouco rigor e moita ideoloxía franquista. Con expresións dese tipo, os tribunais se alonxan dunha sociedade democrática. Esta sentenza de hoxe fainos un pouco máis democráticos, podemos estar orgullosos de ser un pouco mellores como sociedade.

-Trátase, porén, dunha primeira instancia. Cabe agardar recursos por parte dos Franco.

-Si, pero de todos os xeitos, a sentenza é demoledora. Non só dá a razón a todos os argumentos expostos na demanda da Avogacía do Estado, senón que declara que a situación de propiedade dos Franco é unha posesión de mala fe, polo que non cabe indemnización á familia. Hai tempo houbo debate sobre a liquidación da propiedade aos Franco. Queda claro que nin sequera iso ten que estar en consideración. É difícil que un tribunal vaia cambiar ese argumentario.

-En que medida o seu traballo de investigación de toda unha vida contribuíu a esta resolución?

-Evidentemente, todas estas partes foron fundamentais, mais tamén o é a fase documental. Era complicado chegar a sede xudicial sen unha documentación que avalara todo o argumentario que puxo enriba da mesa a Avogacía do Estado a través da demanda. Foi un traballo realizado a través de moitísimos anos, non foi doado nin sinxelo, é fundamental á hora de demostralo. Porén, se non vai acompañado do resto, se non hai unha institución e persoas que se comprometen e lle dan forma para rematar en sede xudicial, non vale. É un compendio de cousas. É fundamental poñer en valor o papel da sociedade galega. Sen iso non había causa. Tampouco sen as institucións, sen as universidades, sen os historiadores, sen a Dirección Xeral de Memoria Histórica, sen a Avogacía do Estado, sen o BNG, que ten mesmo xente no xulgado por reivindicar a propiedade do Pazo.A protagonista hoxe é a sociedade galega. no seu conxunto.

-Se a resolución prospera, pode sentar un precedente para as outras demandas de reparación que seguen no aire?

-Si. Isto é importantísimo. Esta demanda abre a porta á posibilidade real, porque demostra que co traballo colectivo e reivindicativo cando hai unha causa xusta que reivindicar, que rache coa impunidade dos abusos do franquismo, é posible. Se un dos símbolos da impunidade franquista, como é o pazo de Meirás, pode caer en sede xudicial, é posible poder avanzar en outros ámbitos. É tedioso, é lento, é desesperante, pero vale a pena seguir avanzando na democracia, na reparación e no antifascismo. Hoxe é un gran día para os demócratas.

-A loita tivo un custo persoal, xa que pesan sobre vostede dúas demandas interpostas pola familia. Que cabe agardar destes procesos?

-Iso é outra anomalía democrática. Eu entereime pola prensa. O xulgado non se puxo en contacto conmigo. É unha demanda dos Franco arquivada en primera estancia pola vía penal, que recorren a Audiencia de Madrid, que lles dá a razón, onde agora mesmo se me acusa de inxurias a un ditador, como se hoxe non souberamos que calquera ditador do mundo abusa, rouba, e que son sistemas corruptos que non respectan os dereitos humanos. Sentar no banquillo por dicir estas cousas é algo que aínda acontece no estado español, é algo incompatible coa democracia. Teríamos que estar avergoñados de que a xustiza siga actuando cun funcionamento que non ten que ver cunha xustiza democrática. Esta sentenza de hoxe axuda a crer que podemos avanzar, malia que aínda quede moito por facer.