Tras tocar fondo con seis escanos nos últimos comicios autonómicos, Ana Pontón (Sarria, 1977) sente que un vento de cola a impulsa cara á Presidencia da Xunta. Sería a primeira muller presidenta da historia de Galicia. Aínda que as enquisas dan maioría absoluta ao PP, o Bloque confía no cambio e, en todo caso, estaría en xogo a posibilidade de adiantar ao PSOE e converterse así no primeiro partido da oposición.

- Despois do brote de coronavirus da Mariña, pensa que Feijóo se equivocou ao convocar eleccións en xullo?

- É evidente que cando dicíamos que esta non era a mellor data estabamos a falar dunha posibilidade de rebrote. Agora temos un na Mariña, onde é grave a improvisación e a falta de transparencia coa que actúa o Goberno do PP. O primeiro ten que ser a saúde. O máis sensato é suspender as eleccións nesas comarcas e que as votacións se poidan facer unha vez que o rebrote estea controlado. Non poñamos á xente no dilema de que escolla entre a saúde ou o dereito ao voto. Eu agardo que haxa sensatez.

- As enquisas dan agora ao PP maioría absoluta, pero esta maioría non estaba tan clara antes de que se suspenderan as eleccións o 5 de abril. ¿Serviu a pandemia para afianzar aínda máis a Feijóo na Xunta?

- Hai unha posibilidade real de cambio e de que fagamos historia poñendo por primeira vez á fronte do Goberno da Xunta a unha muller.

- Como cre que pode afectar a crise sanitaria nos resultados electorais?

- O que vin é a un candidato do PPdeG que aproveitou a pandemia para facer campaña. O que me pregunto é como é posible que Feijóo durante a pandemia, que non tiña competencias, comparecera día si, día tamén nos medios públicos, e agora que ten todas as competencias e que temos un rebrote está escondido detrás do conselleiro e non dá a cara.

- Teme unha desmobilización da esquerda nestas eleccións?

- Agardo que non. O 12 de xullo haberá un cambio se hai unha gran mobilización. Pido que ningún voto que queira o cambio, quede na casa. É o momento de concentrar todo o voto de país, todo o voto inconformista e todo o voto da rebeldía na papeleta do BNG. Estamos nun momento decisivo e teño a convicción de que imos marcar o futuro de Galicia dos próximos dez anos. Quen destruíu durante estos once anos non pode reconstruír. O que se precisa non é volver á vella normalidade, senón poñer en marcha un país novo.

- En todo caso, Fraga gobernou 15 anos. Feijóo leva once. O PP parece invencible en Galicia...

- O 12 de xullo imos demostrar que o PP é derrotable en Galicia. Nunca vira unha mobilización tan grande en torno ao BNG.

- Cre que o BNG pode atraer votantes doutras forzas de esquerda como do PSOE?

- Os votos non son dos partidos, son das persoas. Hai moita xente que nunca votara ao BNG que o vai facer por primeira vez nestas eleccións. Galicia precisa un goberno sen ataduras, porque o modelo da submisión non nos vale. Temos que cambiar esa roda que nos leva a irrelevancia política.

- As divisións internas penalizaron sempre á esquerda. Pasoulle ao BNG tras a ruptura de Amio e agora parece que lle vai pasar factura a Galicia en Común e a Marea. Está o BNG dabondo cohesionado para situarse á fronte da Xunta?

- Nós temos máis unidade e cohesión ca nunca. Somos unha organización renovada e unida e estamos preparados para poder liderar o Gobierno da Xunta ofrecendo un proxecto sólido e solvente, sen subordinacións.

- Hai máis posibilidades de derrotar a Feijóo se se aglutina o voto de esquerda?

- Se todo ese voto nacionalista, galeguista, que quere un proxecto que non estea subordinado a Madrid se concentra na papeleta do BNG haberá cambios e teremos presidenta.

- Mesmo o voto dos non nacionalistas?

- Claro. Todo o mundo pode votar ao BNG. A nosa alternativa é para as maiorías sociais de Galicia. Estou convencida de que hai moita xente que ademais viu fai uns meses cando asinamos o acordo de investidura co PSOE que o máis útil para Galicia é o BNG porque nós conseguimos nun mes un acordo con cousas que non conseguiu Feijóo en 11 anos.

- Nese acordo o Goberno comprometíase a transferir a AP-9 e a rebaixar as tarifas. Pero non se viron avances aínda...

- O acordo foi en xaneiro. Acabamos de pasar unha pandemia e agora o Goberno debe cumprir con Galicia. Debe presentar uns orzamentos onde se abaraten as peaxes e se faga a transferencia.

- O BNG defende a necesidade de máis autogoberno para Galicia. Se chega á Xunta, que decisións adoptará para avanzar nese camiño?

- Primeiro sentarnos co Estado e pedir que se convoque a comisión mixta de transferencias. Levamos once anos sen unha soa nova transferencia. Aí exporemos que se transfiran todas as que están no Estatuto que están pendentes e outras que xa teñen outras autonomías. Pero hai que ir a máis. Propoñeremos unha ponencia para formular unha nova relación, un novo marco político para Galicia que nos recoñeza como nación.

- A que se refire cun novo marco político?

- A unha relación na que Galicia non estea subordinada ao Estado senón que teñamos unha relación de ti a ti.

- Impulsará unha reforma do Estatuto?

- Galicia non pode quedar atrás. Todas as autonomías renovaron o seu Estatuto e nos temos un de máis de 30 anos. Galicia precisa ter máis poder político e máis autogoberno.