O cabeza de lista do BNG en Pontevedra, Luís Bará, fixo onte dende Bueu un chamamento á concentración "de todo o voto galeguista, de todo o voto nacionalista, de todo o voto da xente que lle quere a este país" arredor de Ana Pontón por ser "a auténtica opción da esperanza e futuro para Galiza, a opción que mobiliza as ansias dun cambio galego que abra un tempo novo para o noso país".

Acompañado das tamén candidatas da comarca Paulo Ríos Santomé e Miriam Ferradáns, Bará destacou que é posible un cambio na Xunta porque o quere unha maioría social: "ao 60% da xente, segundo as enquisas, non lle gusta o goberno do PP", dixo. Subliñou que esa maioría descontenta xa desaloxou ao PP dos gobernos das cidades e das deputacións e fixo votos porque o faga agora na Xunta.