- Tras o acadado no acordo co PSOE para a investidura, queda en evidencia que os deputados de En Marea nas pasadas lexislaturas non tiñan axenda galega?

- Pon en evidencia a todas as forzas políticas estatais. E o que vexo é que o PP e o presidente da Xunta están cunha rabecha tremenda por un acordo que é beneficioso para Galicia. Feijóo é o único galego que non se alegra de que o BNG conseguira un acordo de investidura que é un salto de xigante no papel de Galicia no Estado. Queda en evidencia a súa incompetencia e a súa incapacidade á hora de facer valer os intereses de Galicia. Debería abandonar o modo rabecha porque non é propio dun presidente.

-O BNG prometeu que se tiña representación no Congreso reactivaría a comisión de investigación de Angrois. Por que non incluíu este punto nos acordos co PSOE?

- Hai moitos problemas e moitos ámbitos que quedaron fóra do acordo, o cal non quere dicir que non sexan importantes para nós. Nós imos seguir traballando pola xustiza e a reparación das vítimas.

-Que papel xogará o BNG na negociación dos orzamentos do Estado?

-A axenda galega debe ter unha previsión orzamentaria. O BNG vai ser garantía de que os intereses de Galicia van estar nesa negociación. A posición do BNG no Congreso é determinante o que garantirá que Galicia teña peso neses orzamentos.