O acordo co PSOE para a investidura deu relevancia política ao BNG, unha formación que tras unha longa travesía polo deserto empeza agora a coller folgos para as eleccións autonómicas. O Consello Nacional do Bloque proclamou onte a Ana Pontón como candidata a Presidencia da Xunta. "Imos a por todas", defende a voceira da formación frentista.

- Que lle parece a configuración do novo Goberno?

- Desexámoslle acertos ao novo goberno. Nós imos ser moi esixentes para que cumpra o acordo da investidura que coloca a axenda galega como unha prioridade do goberno do Estado.

- Parécelle unha boa nova que teñamos ministras galegas como Yolanda Díaz

- Que acerte será positivo para todos, pero tamén penso que nos últimos anos neste país xa tivemos ministros galegos.E, sen embargo, eso non significou unha mellor atención aos nosos problemas. O que garante que poidamos cambiar ese guión de discriminación do Estado con Galicia é que teñamos forzas políticas propias e iso acabamos de velo no debate de investidura onde o BNG consegue un gran acordo para Galicia. É a mellor noticia que tivo Galicia nos últimos dez anos.

- Pensa que este acordo servirá para relanzar ao BNG nas eleccións autonómicas deste ano?

- Este acordo visibiliza que o BNG foi mais útil nun mes para Galicia que Feijóo en dez anos. Ter forzas políticas propias que teñan as mans libres para defender os nosos intereses é clave se queremos avanzar como país. E eu estou convencida de que temos unha tendencia á alza e que nas eleccións galegas de 2020 imos dar un gran salto adiante.

- En Galicia a dereita semella seguir bastante aglutinada en torno ao PP, pero a esquerda está moi fragmentada. Pode xogar eso en contra do cambio político nas eleccións autonómicas?

-Non vexo á dereita tan unida en Galicia. Vexo unha dereita fragmentada. Ten algunhas fendas pola parte ourensana. Non hai tanta unidade como queren facer brillar. E hai unha forza en claro ascenso político que é o BNG. E nós imos nestas eleccións a por todas porque o BNG é a garantía dese cambio real no país.

- Insisto: será posible ese cambio coa división da esquerda?

- Acabamos de ver no Estado como a fragmentación da esquerda non impide que se poidan producir cambios políticos. A pluralidade política non se pode criminalizar.

- Nas últimas eleccións xerais o BNG sumou a Compromiso por Galicia a súa candidatura. Está disposto o BNG a buscar alianzas con outras forzas para presentarse aos comicios autonómicos?

- O BNG vaise presentar ás eleccións cun proxecto claro, cunha alternativa ambiciosa e con forza. E todos aqueles proxectos e persoas que queiran sumar dentro da alternativa nacionalista teñen as portas abertas no BNG. Temos esa man tendida.

- Ve posible un acordo con En Marea, por exemplo?

- O que quero dicir é que a oferta que lle facemos aos galegos e as galegas é a oferta dunha organización que leva moitos anos traballando neste país, que ten un proxecto no que poden confiar, que se renovou ao longo destes anos. E o futuro dirá cal é o papel de cada quen.

- Se Feijóo perde a maioría absoluta, non lles quedará máis remedio aos partidos de esquerdas que pórse de acordo. Cree que o goberno de coalición PSOE-Podemos en España e o acordo con BNG facilitan o camiño para posibles pactos postelectorais?

- O futuro de Galicia non se escribe en Madrid, o futuro de Galicia escríbese aquí. Dende as diferencias políticas que son lexítimas entre forzas tan diversas como poden ser o PSOE, Podemos ou o BNG temos a capacidade para chegar a acordos. Non creo que haxa nin un so galego que dubide que se Feijóo perde a maioría absoluta haberá unha alternativa para poñer en marcha o cambio que precisa este país.

- Feijóo alerta sempre da difícil gobernabilidade que suporía en Galicia un goberno formado por tres, catro partidos? Serían capaces de entenderse? Xa foi difícil no bipartito e so eran dous...

- O bipartito dáballe mil voltas ao goberno do PP en canto as políticas que aplicou. O que define que un goberno sexa bo ou malo non é o número de forzas políticas que a integran, senón as políticas que se aplican dende ese goberno. Por exemplo, agora en Ourense hai un bipartito no que o PP apoia a un alcalde que Feijóo definiu como letal e está sendo letal para Ourense. Ese é un argumento que cae polo seu propio peso. Feijóo con esa lóxica tería que dicirlle ao seu partido que rompera todos os acordos que ten neste momento con Ciudadanos e con Vox.