-Agardaba unha mellora así nos primeiros anos de contacto co SEM a través de Piteas?

-Coñeciamos resultados a nivel internacional polas investigacións que se levan desenvolvendo décadas, fundamentalmente en EEUU, e esperabamos melloras nas variables medidas relacionadas coas competencias cognitivas e motivacionais, pero non de tanto alcance.

-Son 28 centros na actualidade. Como se distribúen?

-Neste momento temos tres niveis en Galicia traballando en SEM. Os centros que comezaron hai tres cursos, os que comezaron hai dous cursos e os que levan un ano no programa, así como os que sen estar en Piteas recibiron unha formación inicial en SEM. Os centros educativos máis veteranos son sete e son centros de Educación Infantil e Primaria, de Secundaria e un centro de Educación Especial.

-Por que é un modelo tan interesante para o presente e o futuro do alumnado?

-Busca desenvolver o talento de todo o alumnado e faino desde unha perspectiva absolutamente inclusiva. Ademais, parte da necesidade de acompañar a formación docente dun proceso de mentorización que guía e orienta ao docente en tempo real. Lonxe de ser unha exclusiva formación teórica, o seu principal obxectivo é a implantación real na aula, sempre adaptada ás características do alumnado, do centro e da contorna. Por outra banda, é un modelo que persegue un fin de natureza social, un resultado de impacto para a comunidade e, polo tanto, reforza o pensamento crítico e cívico do alumnado e da comunidade educativa. As potencialidades intelectuais, a motivación e a creatividade son os tres eixes arredor dos que xorde a oportunidade de aprendizaxe, pero tamén son claves os intereses dos alumnos como puntos de partida.

-Cales son os pasos para chegar a máis centros?

-A sostenibilidade do modelo nos centros que xa o teñen implantado (liderado e compromiso do equipo directivo), a formación específica do profesorado e a posibilidade de acompañalo no proceso de implantación. O elemento prioritario é crer no que se fai e coñecer a mellor forma de facelo. Entre as dificultades está a de crear unha rede de formadores en SEM suficientemente ampla como para chegar a todos os centros que desexen entrar nun proxecto tan ambicioso e tan apaixonante. Debe ser un traballo de todos, desde as tarefas de apoio e asesoramento da inspección ata a participación das familias. Será un reto poder introducilo en máis centros de educación especial, así como en centros de formación profesional.