Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luís Villares: "Debimos romper antes con Podemos e tal vez ir por libre nas autonómicas"

"A oportunidade do cambio pechouse cando Pablo Iglesias se apuntou ministerios hai tres anos mentres Sánchez falaba co Rei e logo non se desplazou ao PP"

Villares, onte no grupo de En Marea. / X. Álvarez

Case tres anos despois de aparcar a súa carreira xudicial no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para entrar en política, Luís Villares deixa o liderado da oposición, consecuencia da súa marcha ao grupo mixto con otros tres diputados de En Marea. Culpa a Podemos de dinamizar a confluencia e lamenta no ter roto antes con eles.

-Como se sente?

-Foi un trago amargo, pero necesario para darnos unha oportunidade de explicar o noso proxecto político, xa que se consolidou a existencia de dous proxectos diferenciados. Ata o de agora non podiamos porque desde hai tempo opacabamos o discurso coas leas internas. Chegamos tarde a isto. Deberiamos telo feito antes.

- Por que non o fixeron antes do ciclo electoral, ao que se presentaron xa por separado?

-Non o fixemos por preservar o valor esencial da unidade, que require lealdade. Pero se unha parte damos a cara polo proxecto e outra o centrifuga, xenérase ruído interno. Ademais, o discurso de Podemos tras Vistalegre II tivo dous efectos: a perda de transversalidade e a idea de construír un partido único. E iso leva unha decisión explícita: destruír as confluencias.

- O choque nace desde o principio. Podemos tragou coa súa disolución en En Marea, pero realmente non aceptaba ese modelo.

-Había uns compromisos e aceptáronos.

- Tería sido mellor coaligarse?

-Talvez tería sido mellor que fósemos por libre, sen Podemos.

- Arrepíntese do dar o salto á política e aparcar a maxistratura?

-Non. Nunca sabes como vai ser, pero todos mereciamos unha oportunidade. Creamos moita decepción coas leas internas porque uns querían ir por un lado e outros, por outro. Pero hai espazo para formular unha idea de democracia social en clave feminista e ecoloxista.

- Poderíalle explicar a un votante diferenzas de calado na diagnose política e nas receitas que queren aplicar tras a súa escisión, detonada polo senador?

-Iso foi a pinga que fixo rebordar o vaso. Tiñamos que ter roto o grupo parlamentario durante o caso Quinteiro, que lle causou un dano á nosa credibilidade irrecuperable. Fixo un uso indebido da súa condición de parlamentaria [nun altercado coa policía] e a maioría do grupo salvoulle a cara porque era de Podemos. Así de claro. Foi unha defensa corporativa das dereitas partidarias. Constituíse un bloque partidario fronte quen non eramos de ningún partido. Tiñamos que ter roto porque iso trascendía o incidente, era simbólico. Nós viñemos á política para poner punto e aparte coa vella política. E iso fixo un dano terrible, igual que o do chalé [de Pablo Iglesias]. O caso Quinteiro foi o noso maior descrédito emocional.

- Ademais de Beiras, quen o convenceu para ser candidato de En Marea? Síntese traizoado?

-Non é momento de poñer nomes. Pero estou decepcionado con que non todo o mundo remase para que este proxecto saíse adiante. Pero cando empezas a ver que non se cumpre o dunha persoa, un voto e que existe unha sorte de lobbies, de aristocracia partidaria capaz de torcer o proxecto é unha mágoa.

- Falou con Beiras?

-Non, desde hai tempo. Insisto en que non é momento de poñer nomes. En Marea era un proxecto que necesitaba o apoio de todos e non o recibíu. Sabes por que? Porque tiveron medo de que tivese vida propia e non fose unha marioneta dos partidos. Iso foi o que provocou o seu empeño, singularmente de Podemos, para que non funcionase. Se o facía, Podemos non se desenvolvería en Galicia.

- Cre que querían teledirixilo?

-Está claro que querían deixarme como unha figura simplemente de adorno.

- Que erros cometeu vostede?

-Non son tanto individuais, como colectivos. Eu son portavoz, non secretario xeral, e non teño poder executivo. Estamos nun proceso de reflexión cara unha asamblea e para renovar a dirección.

- Vaise presentar?

-Si.

- É viable o proxecto En Marea tras non lograr nin 18.000 votos nas eleccións xerais?

-Nas xerais faltounos tempo para explicarnos. Separámonos de Podemos, como quen di, 15 días antes e a xente non se enterou.

- Esta escisión pecha o ciclo político aberto en 2015?

-Pode ser. É a demostración de que os partidos da nova política non toleran que haxa xente independente. É a consecuencia máis dramática. Os partidos viron que a consolidación de En Marea supoñía o seu ostracismo e acababa co seu poder.

- Perderon a oportunidade de liderar a alternativa ao PP en Galicia?

-A fiestra de oportunidade do cambio en España e Galicia comezou a pecharse o día que Pablo Iglesias se apunta os ministerios mentras [Pedro] Sánchez fala co Rei hai tres anos. Chegamos ás autonómicas na fase descendente, que empezou porque o noso espazo non logrou o que prometera: desprazar ao PP do poder. Ese é o pecado orixinal de Podemos. E nós, como estabamos metidos nese saco, arrastrámolo. Se Podemos se tiña que entender con PSOE e Ciudadanos nunha entente democrática amplia, pois tiña que terse facilitado, aínda que supuxese facer de tripas corazón. O principal era que os que recortaban dereitos e libertades non seguisen saqueando. A xente castigounos por non atender aquela emerxencia.

- Como ve o futuro de Iglesias?

-Na liña actual está condenado a quedar abeirado.

- Repite ese erro de 2016 de querer entrar no Gobierno?

-En certa medida, si. Non hai que encallar niso. O importante é se se derroga a reforma laboral, se remata a estafa do recibo da luz... Podemos esta esquerdaunizándose, colocándose nunha esquina e deixando orfo o taboleiro. O progresismo galeguista ten oco porque o deixan eles, PSdeG e BNG.

- O PSdeG está cubríndoo e todas esas forzas superaron a En Marea en votos ampliamente.

-Porque non fomos capaces de reverter a inercia de que nos encasillasen como Podemos. O noso desafío é transmitir que somos diferentes: unha nova esquerda verde europea enmarcada nun proxecto nacional galego.

- O xoves dixo que a alternativa ao PP pasa pola cooperación con Podemos, PSdeG e BNG. Como van colaborar tras esta ruptura?

-Unha cousa son os procesos internos e outra, os sociais. Vai haber Goberno de progreso con Podemos e PSOE? Talvez, pero terá un acento ou outro segundo a forza de cada un. Pois aquí igual.

- Síntese derrotado?

-Non. Hai xente coa que traballar e un espazo cidadán ao que lle imos ofrecer unha opción ilusionante, con toda a humildade, porque agora temos unha dimensión institucional diferente.

- Esta ruptura costoulle inimigos, pero tamén perdeu amigos?

-Perdín máis amigos como xuíz que como político ata o de agora.

Compartir el artículo

stats