Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

José González: "Imos dar todo para que haxa actividade agrogandeira nas franxas antiincendios"

"Os lumes requiren un pacto de todos, non hai que mirar se hai autonómicas nun ano"

José González, onte, en Vigo. // R. Grobas

José González (Ourense, 1970) di compartir co protagonista do Misterio das Badaladas, a obra de Xabier Docampo, unha mestura de "inconformidade, inxenuidade e paixón" coa que se pon á fronte da Consellería do Medio Rural, e coa que trata de imprimir un xiro de 180 graos á loita contra os lumes. E iso que algún, asegura, aínda está por chegar. A súa teima é facer da prevención un win-win, como din os ingleses: converter a obriga das limpezas das franxas -"tense que facer", insiste- en parcelas produtivas onde, en lugar de maleza e risco de lume, os propietarios pasen a gañar cartos.

-O 31 de maio finalizou o prazo para limpar as franxas antiincendios, data que case coincide coa fin de curso. Que nota lle poría aos propietarios: progresa axeitadamente ou necesita mellorar?

-Progresa axeitadamente a concienciación da xente de cara a protexer as nosas aldeas. Nós agora tamén estamos impulsando ese traballo.

-Calcúlase que as franxas supoñen aproximadamente un 5% da superficie forestal. Non é un obxectivo menor.

-O primeiro que hai que ter en conta é a dispersión que ten o territorio, porque falamos de 33.000 núcleos de poboación, pero o obxectivo, que é defender as aldeas, xustifica o que facemos. Aí a Xunta fai un apoio moi importante. É certo que se fala do 31 de maio, pero non é unha liña que determine que a partir de aí non se ten que facer nada. A limpeza tense que facer. A partir de entón, entran os recordatorios para que se cumpran esas obrigas.

-Están ameazados de multa os propietarios se non desbrozan? Ou, pola contra, vaise aplicar unha moratoria dada a dificultade do obxectivo?

-Non ameazamos, e ademais as multas virían despois dos requerimentos. Firmamos o convenio de protección das aldeas no que creamos un sistema público que traballa da seguinte forma: se o propietario se adhire voluntariamente, as rozas van ter un custe de 350 euros por hectárea -35 euros por cada mil metros-. Isto non se pode facer en todas as aldeas, polo que empezamos nos 34 concellos que teñen máis risco. Nos próximos anos, cando vaiamos limpando, poderemos ir a outras máis. Ao resto dos concellos dámoslle un plan básico de prevención. Neste momento levamos entregados 63 plans e imos chegar a 92 antes de que remate xuño, cun aforro para os municipios dun millón de euros. Despois, todos terán un visor no que van poder identificar todas as parcelas que estean nas franxas.

-A chegada de novos alcaldes pode obstaculizar as tarefas de prevención, nun momento no que empeza xa a tempada de alto risco?

-Se hai que explicar o convenio aos alcaldes, volveremos explicarllo, porque é bo para os municipios. É certo que agora que se están constituíndo as corporacións e os alcaldes non teñen a cabeza neste tema, mesmo hai concellos adheridos nos que a día de hoxe aínda non se sabe quen vai ser alcalde. Isto estanos dificultar un pouco a interlocución, pero estou moi ilusionado e teño moita ambición cos resultados que poida dar este acordo.

-Hai case dous de cada tres concellos adheridos ao convenio, cales están a ser os atrancos para que os demais non se sumen?

-Eu como non lle vexo ningún, e todo son vantaxes? Quero ser optimista: antes de que acabe o verán, e cando se vexan todas as ferramentas, chamarannos todos. Tamén entendo que tivemos dous procesos electorais polo medio e puido ter unha certa trascendencia.

-O camiño explorado coa plantación de froiteiras, pastoreo e cereal, pode substituír o desbroce masivo das franxas no futuro?

-Sen ningunha dúbida, é o que queremos iniciar, e que se xeralice. Sen facer nada que non queira o propietario, analizaremos cada unha para recomendar cal é o tipo de cultivo ou gandaría que máis se axusta a esa superficie. Por exemplo, se a terra é apta para froiteiras, trataremos de buscar convenios con empresas que poidan comprar o que se produza alí. Dende a Xunta imos poñer todo o esforzo para que as franxas estean limpas como sempre se fixo: con actividade agrogandeira.

-É frecuente que a oposición esixa un servizo público autonómico de prevención que estea activo durante todo o ano.Na súa comparecencia propuxo chegar en 2020 aos seis meses de traballo mínimo. A Xunta ten capacidade orzamentaria para os doce meses?

-O primeiro reto que temos é abordar unha nova lei de prevención e extinción de incendios de Galicia. E tamén ter un servizo público, único, versátil e profesionalizado, con medios suficientes. Temos que empezar a pensar que hai certas partes do territorio, como a carón de estradas ou autopistas, nas que igual temos que ter franxas máis grandes; ou que ao mellor temos que ser máis incisivos en ríos como o Miño para que non nos pasen os incendios de Portugal. Iremos determinando a necesidade de persoal e tempo de traballo segundo avancemos na prevención.

-No Parlamento tamén pediu un pacto de país contra os lumes, cre que pode ser este ano, coa perspectiva de convocatoria das autonómicas en 2020?

-Creo que os políticos estamos para facer o traballo que nos piden os cidadáns, que é resolver os seus problemas. Este ámbito é dos que máis require un entendemento na comunidade. E cando digo isto, é para que fagamos un pacto para que os catro grupos parlamentarios saquemos os incendios do debate partidista. Non hai que estar mirando se as autonómicas son dentro dun ano ou de catro. O meu grupo parlamentario e o PP xa dixeron que si.

-Está pendente a revisión do Plan Forestal, que vai pasar coa pegada do eucalipto?

-O eucalipto estase a plantar en propiedades privadas, nós non o subvencionamos. Ten que haber equilibrio entre conservación e produción. Quero recordar que Galicia, que é a maior potencia forestal de España, está cortando todos os anos máis de 9 millóns de metros cúbicos de madeira, e deses, dous tercios son eucalipto. As cortas supoñen 300 millóns de euros cada ano en ingresos a 80.000 familias galegas. Isto non é unha cuestión ideolóxica. Dentro dunha variedade de cultivos, o eucalipto pode ter un papel na rendibilidade do monte.

-Non é a primeira vez que a Xunta pide unha reforma do Código Penal para endurecer as penas contra os incendios, fai falta actuar tamén no terreo xudicial?

-É certo que hai poucas condenas, porque é moi difícil probar este delito: hai que collelos (aos incendiarios) practicamente coas mans na masa. Este ano levamos no Pladiga un teléfono (900 815 085) no que a xente nos pode trasladar calquera comportamento sospeitoso. Imos buscar o uso da tecnoloxía, como os drons, para detectar eses comportamento e ir ante xuíces e fiscais con probas para que se poida condenar a máis xente.

-En termos de hectáreas calcinadas, cal sería unha boa meta esta tempada?

-A min dóeme cada unha como se fosen mil. Temos un servicio de prevención estraordinario, tanto en España, en Europa, e eu diría que no mundo.

Compartir el artículo

stats