Demostraron as súas habilidades no campo da oratoria entre numerosos centros galegos. Alumnado do IES de Soutomaior vén de gañar o primeiro premio do concurso Comunicatedu na categoría de Bacharelato, un galardón dotado con 2.000 euros. En Secundaria a maior distinción foi para o CPI Plurilingüe de Castroverde (Lugo). O segundo premio nesta categoría, dotado con 1.500 euros, foi para o IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra).

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, fixo entrega esta mañá dos galardóns deste concurso, organizado para que o alumnado afonde na adquisición da competencia en comunicación lingüística, "desta vez en relación coa temática de igualdade e prevención da violencia de xénero".

"Temas como a coeducación e a igualdade, que son un compromiso firme que temos na Consellería de Educación para garantir un modelo educativo baseado no respecto e na liberdade", expresou a conselleira. Destacou, ademais, que as exposicións presentadas hoxe son resultado de promover "unha educación activa, con metodoloxías innovadoras e traballando por proxectos". Lembrou que o concurso naceu da man da materia de Oratoria e que este curso estiveron tamén implicadas as materias de Igualdade de Xénero, Sociedade Inclusiva e Coeducación para o século XXI.