Miles de persoas percorreron as rúas de toda Galicia con motivo deste 17 de maio para defender a lingua propia e advertir ás administracións públicas que 'Máis que nunca, Queremos galego!'.

A pesar do mal tempo, a plataforma conseguiu congregar a centenares de persoas nas 14 marchas convocadas para a xornada deste venres, Día das Letras Galegas, co obxectivo de estender aos diferentes municipios a tradicional manifestación que cada ano acolle a cidade de Compostela.

Precisamente, Santiago acolleu unha das mobilizacións principais do día, e estivo apoiada por numerosos representantes do panorama social e político, como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo , Lidia Senra de En Marea ou Antón Sánchez de Anova, entre outros. A comitiva saíu da Alameda pasadas as 12.00 horas ao berro de 'Na Galiza, en galego'.