Luís Villares culpa a Podemos de impoñer desde Madrid un "xiro" en contra dos seus aliados en territorios como Galicia, o que derivou na actual guerra interna de En Marea. A maioría dos seus 14 deputados quere relevar ao xuíz en excedencia da portavocía parlamentaria. "Sería unha fraude democrática", advirte.

-Como se sinte?

-Con moita enerxía, confiando en que as municipais fixen a imaxe do espazo político das mareas. Será máis definitoria que a das xerais.

- Como explica que En Marea, líder da oposición galega, fose superada o 28-M incluso polo PACMA e Unidas Podemos, os seus seus exsocios, lograsen dous deputados?

-Pola emerxencia da situación política e a imposibilidade de poder explicar a emancipación do proxecto político, algo que pasou tamén noutras comunidades nas rupturas das confluencias que se están xeneralizando en España.

- Morreu o proxecto En Marea?

-Está tomando unha nova forma. O espazo de unidade como coalición de persoas ten futuro, como espazo onde participan as direccións de determinados partidos ten difícil viabilidade por unha razón. En Vistalegre II decidiuse que este non era o modelo que Podemos quería. O que pasou en Galicia era e é inevitable porque está decidido hai dous anos. E pasa en Cataluña, Valencia... Podemos deu dous xiros. No ideolóxico, hai unha depuración que expulsa moita xente e que fai que Carmena ou Errejón estean fóra e que outros fósemos vistos como...

- Como intrusos?

-Efectivamente, porque non comulgábamos 100% cun ideario concreto. Moitos estábamos seducidos pola maxia de Podemos cando era moi transversal e nada dogmático e demos a cara por eles. Ese Podemos deixou de existir. Por outro lado, deixou de crer na plurinacionalidade e non respecta as diferentes dinámicas políticas das nacións periféricas. Iso leva a todo o que está pasando en En Marea.

- Di que deu a cara por Podemos, sente que lla quixeron partir?

-Non son de linguaxe bélica, pero foi unha lealdade non correspondida. E non podemos evitar todo o que está a pasar. Por poñer unha evidencia: nas xerais o seu secretario xeral en Galicia dixo que En Marea non pintaba nada nesas eleccións, que era unha coalición de tres partidos. O que demostraron as xerais foi que non era só un problema noso, senón que Anova tamén estorbaba. O problema ten unha xénese nas directrices de Madrid.

- Dadas por Pablo Iglesias?

-Claro.

- A maioría do grupo parlamentario quere relevalo da portavocía logo do 26-M. Vai deixar o cargo?

-Teñen a oportunidade de reflexionar. A miña lexitimidade non vén determinada polo guapo ou feo que lle pareza aos meus compañeiros, senón pola democracia interna e polo resultado duns comicios.

- A vostede as cúpulas fórono buscar e facilitaron a súa elección.

-Facilitouno moita xente, particularmente quen logo votou. Quen impulsou iso nunca dixo que se cambiaban as circunstancias cambiaba a situación. Era un compromiso por una lexislatura e temos que cumplir a nosa palabra. Presentamos un cartel electoral e sería unha fraude democrática que uns señores que non se sabe en que despachos pactaron o contrario busquen cambiar a nosa oferta.

- Non vai dimitir, entón?

-Non.

- O seu paso á política comprometeu a súa carreira xudicial e fixo que perdese cartos. Arrepíntese?

-Síntome decepcionado con algunha xente que me chamou.

- Con quen?

-Con algunha xente... Decepcionado porque viñemos mellorar a vida dos demais e non andar en leas. Eu non preciso isto para vivir, ao contrario. Sacoume dunha vida comprometida, pero tranquila. Deixeina porque había situacións inxustas que requerían cambios legais.

- Pagou a pena?

-A persoa desafiuzada ou a muller maltratada merecen que nos sacrifiquemos por eles. Pero cada vez que vou a casa da niña nai dime: "Fillo, que necesidade tiñas disto..." Ten razón, pero volvería facelo mil veces porque o que fago en nome de En Marea merece a pena.

- Mantén a súa intención de presentarse nas autonómicas de 2020?

-Manteño a ilusión e os motivos polos que dei este paso, como a necesidade de loitar ante as inxustizas sociais, seguen intactos.