As polémicas sobre a toponimia galega son xa un clásico nas redes sociais. A última prendeuna onte un usuario que se queixa de que nos carteis da A-6 en Madrid se utilice o nome oficial da Coruña. Madrileño, que é o alcume desta persoa na rede social, pedía un rechouchío se se estaba de acordo coa súa reclamación. "Aquí se habla español, no gallego", remataba.

Certo é que en día e medio uns 4.200 usuarios seguiron a súa consigna e rechouchiaron a súa mensaxe, unha resposta nada desdeñable. Pero tamén que unha morea de comentarios, moitos deles tirando de retranca galega, deixáronlle claro o seu rexeitamento a tal proposta.

Tamén dende a conta da famosa revista satírica Mongolia sumáronse ás replicas a Madrileño, co seu habitual estilo pouco amigo das sutilezas.