Que poden ensinarlle uns caracois a uns meniños de 5 e 6 anos? Marilar Aleixandre e Sabela F. Monteira conclúen nun artigo que ben empregados nun proxecto de aula poden servir para que os nenos poidan "xerar e utilizar probas empíricas para comprobar ou revisar ideas científicas". Ese artigo converteuse nun dos catro "máis relevantes para a práctica docente" para o profesorado dos publicados en revistas de didáctica de ciencias en Estados Unidos en 2016. O nome de Aleixandre tamén aparece vencellado ao traballo máis citado de educación (non só de didáctica de ciencias, a súa especialidade) de autoría española. Por traballos coma estes, á escritora e membro da Real Academia Galega, bióloga e agora profesora ad honorem da Universidade de Santiago, a organización mundial de investigación en didáctica das ciencias NARST outorgoulle o recoñecimento máis importante do mundo no eido, o "Distinguished Contribution to Research Award". Onte proclamaba: "Eu puiden facer todo iso porque son feminista desde adolescente e sempre crin que as mulleres podemos facer todo o que nos propoñamos".

-Mereceu un galardón que recoñece contribucións destacadas, un liderado notable e un impacto substancial na educación científica e é a primeira no país. Como se leva iso?

-É unha alegría e un recoñecemento á traxectoria. Estou moi contenta de ser galega e de poñer a investigación en Galicia nun punto alto. Á persoa que me nomeou eu dicíalle "isto non mo van dar a min, eu estou en Santiago de Compostela". Pero ao final si que foi. É un recoñecemento a pesar de que aquí as condicións para investigar son moitísimo peores. Porque cando publicamos artigos como o que ten máis impacto e máis citas en España en educación, a xente di "que ben", pero os proxectos de investigación en España para ciencias sociais, para educación, que é o que fago eu, poden rondar en tres anos 30.000 ou 40.000 euros e en Estados Unidos son de dous ou tres millóns de dólares. Ademais aquí, como se dixesemos, ti fas a investigación no tempo que che queda despois de dar as clases.

-Onde centrou os seus esforzos?

-O que me interesa e todo o que investiguei toda a vida é como se aprende ciencia na aula e como facer para que o alumnado faga traballo científico. Ou sexa, que non aprendan de memoria conceptos, senón como desenvolver o espírito crítico. Agora que se di que tal cousa é científica, trátase de que eles digan que está apoiado en probas ou que é "blablabla".

-E como se ensina ciencia na aula en Galicia? Faise ben ou habería que mellorar nalgún aspecto?

-Non se trata de comparacións, senón máis ben de estudios de caso de clases que consideramos excelentes, para identificar as estratexias que dan resultado. O que estudiamos e propoñemos é traballo por proxectos, onde o alumnado leva a cabo un proxecto de investigación ou estudio ao longo de varios meses. Traballar por proxectos é unha foma de traballar en clase moito máis efectiva que soltar leccións maxistrais.

-"Mostrando que as galegas, neste caso mulleres, podemos facer ciencia", dicía onte en twitter.

-O traballo da xente, e das mulleres especificamente, en investigación fíxose a pesar das universidades. A ver, estou xeneralizando porque hai xente que apoia, pero aporto algunha viñeta. Cando estou recén acabada a carreira nun departamento de Entomoloxía, díxenlle ao catedrático: "Necesito estar a tempo completo para facer a tese. Por que me pasa por diante a tres persoas?" E el dime: "Marilar, as mulleres despois casades, tedes fillos e non facedes investigación". Fixen as oposicións para instituto, a cátedra saqueina e viñen para Vigo a finais de 1973, que foi cando me fixen galega. É un exemplo do principio da miña carreira para que se vexa que as mulleres da miña xeneración o tivemos difícil.

-E as de agora, téñeno mellor?

-Neste momento, para os homes tamén, é moi difícil unha carreira investigadora. Fai falta máis apoio porque a ciencia é un investimento, no né un adorno. No caso da mulleres hai cousas que melloraron, pero segue sendo complicado.

-E hai menos rapazas ca rapaces en graos de enxeñerías e ciencias fóra da saúde. A que o atribúe?

-Hai un conxunto de factores. Cando empecei, discutía moito coa xente que dicía que era "xenético" que tivesen malas notas en Matemáticas. Eu dicía que era porque están educadas de distinta maneira. Agora sacan as mellores notas. Que pasou? Unha mutación e os rapaces son máis parvos? Non. Digo o mesmo ca antes. Que pasa ao chegar á universidade? Moitas carreiras non teñen unha imaxe coa que unha adolescente se identifique. Un detalle que estudia a catedrática Nieves Brisaboa: Informática chamouse por anos só así. Logo cambiouse por Enxeñería Informática e caeu en picado a cifra de rapazas. E hai un estereotipo do informático como "nerd". Que rapaza se vai identificar con iso? E creo que como se ensinan tamén ten que ver: agora están cambiando, pero antes nos libros de texto non saían mulleres. Como dicía eu, as mulleres o único que teñen é aparato reproductor.