Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alexandra Fernández: "Hai quen non estivo convencido de que En Marea actuara dende Galiza"

"Creo que Anova camiña cara a disolución da organización dentro de Unidos Podemos"

Fernández, en Vigo, cando se presentou como candidata. // R. Grobas

Define esta etapa na política como diputada de En Marea en tres palabras: compromiso, aprendizaxe e coherencia. Alexandra Fernández (Vigo, 1988) retomará a súa carreira profesional como arquitecta. Ante o camiño tomado por Anova, non ten claro se seguirá como militante.

-Volve á Arquitectura?

-Estaba facendo o proxecto fin de carreira e vou voltar para concluílo. A miña ilusión agora é retomar a miña vida.

-Por que abandona a política?

-Porque penso que o tempo na política institucional non pode ser ilimitado, que estamos nas institucións por un tempo e hai que saber marchar. E neste tempo deime conta con máis forza da importancia de estar na política coa liberdade suficiente para actuar sempre en base a unhas conviccións políticas e nunca en base a intereses persoais.

-É unha indirecta dirixida a alguén?

-É como o entendo. Moitas veces que entra xente nova coma min, ao non ter unha vida profesional logo acaba actuando, moitas veces, máis por necesidades persoais que por conviccións. Non quero iso e son consciente de que necesito seguir coa miña vida profesional, sen máis.

-Cre que En Marea funcionou ou houbo un momento no que cada un foi pola súa banda e se supeditou a Podemos?

-Cando nos presentamos ás eleccións foi coa convicción de ter un grupo parlamentario propio. En Marea representaba un suxeito político galego e o centro de decisión ía estar sempre en Galiza. Hai quen non estivo convencido de que En Marea debía actuar así, intentou reconducir o espazo político para un espazo que se parecía máis a Podemos que a ese espazo inicial que formulamos. É certo que a tensión entre estas dúas visións estivo presente ao longo da lexislatura.

-Despedíuse dos seus compañeiros?

-Fíxeno coma co resto, mandei a través das redes a miña despedida da política.

-Deixará a militancia de Anova?

-Estou nunha fase de reflexión por todo o que pasou. Hai que darnos un tempo para unha reflexión máis sosegada, que neste tempo preelectoral non se dan as condicións para facelo.

-Pero sae coa idea de seguir na militancia base en Anova?

-Neste momento estou repensando a miña militancia en Anova pola situación que vimos neste último tempo, sobre as posicións que non comparto por parte da dirección de Anova de seguir nunha estratexia que camiña dende o meu punto de vista cara a disolución da organización dentro de Unidos Podemos.

-Cal é o lugar que vostede defende para Anova?

-Penso que o lugar que debería ocupar Anova é reforzando un espazo de unidade pero con dependencia sempre dos intereses e das necesidades do noso pobo. É o espazo que debería ocupar ideoloxicamente, e así o fai, pero en termos de práctica falta unha coherencia entre os ideais e a táctica política.

-Vese militando noutra formación ou partido?

-Creo que non é o momento de precipitarse na toma de decisións e ten que darse de forma sosegada. O actual non é o mellor marco para iso.

-Existe o proxecto de En Marea que naceu no 2016?

-Este é o debate que penso que se ten que dar de forma sosegada, quizais neste momento preelectoral non se dan as condicións. Creo que non me corresponde a min facer esa reflexión porque, precisamente, estou dando un paso a un lado no que é a política institucional. Corresponde á xente que vai candidatarse e poñerse á fronte do proxecto.

-Como definiría que compitan en dúas papeletas diferentes de cara ao 28-A?

-Penso que se o resultado final é que vai haber tres papeletas o ideal sería ser capaces (unha vez comprobado que Unidos Podemos non quere participar no espazo de En Marea) de constituír un espazo conxuntural de unidade de todas as forzas no momento de urxencia política que vivimos, nun proceso de recentralización brutal e coa necesidade máis que nunca da presenza da esquerda galega no Congreso. Sería interesante explorar esta vía.

Compartir el artículo

stats