"Recórdoa a cada momento. Foi unha desgracia. Quen ía contar con iso?". A Rafael Costas, veciño de Chandebrito de 80 anos, trémalle a voz cando se decide a falar da súa viúva, Angelina Otero, e do que aquela tráxica tarde de outubro aconteceu. É a primeira vez que se senta a reflexionar en alto sobre o tema, pasado un ano. Nas súas palabras (e nas das súas fillas) percíbese unha inmensa tristura pero tamén moita rabia e impotencia que precisan soltar. Hai un pesadelo que volve continuamente ás súas mentes: por que tiveron que seren evacuadas en coches cando o lume rodeaba a aldea e, segundo as súas palabras, non había seguridade algunha para atopar un camiño libre de lapas. Esta tese foi defendida tamén no seu momento polo presidente da Comunidade de Montes, Víctor Vidal: "o máis imprudente que se fixo foi intentar sacar aos veciños da parroquia".

Dende a ventá da cociña da casa desta familia de Chandebrito vese a vivenda de Maximina Iglesias, a outra falecida na tarde do 15 de outubro. Angelina, de 78 anos, ía habitualmente á casa de Maximina, de 86, camiñando para pasar a tarde e xogar á baralla. "Eu estaba aquí, coidando que o lume non prendera e cando vin que mais ou menos estaba libre pensei en buscalas", conta Rafael en presencia de María e Silvia, dúas das súas fillas (Susana e Sesi son as outras dúas). Segundo Rafael, colleu o coche e chegando á casa de Maximina non lle deixaron pasar. Aparcou o vehículo a un lado. "Xa me enterei que evacuaran a xente e que había dúas mulleres que quedaran atrapadas nunha pista. Souben que eran elas que estaban antes na casa de Maximina", recorda Costas.

Houbera unha evacuación de veciños en varios coches e Maximina e Angelina subiran a unha furgoneta que ía nesa ringleira de vehículos dirixidos por policías para escapar da aldea.

"Foron xusto para alá, de onde viña o lume. Fun cara eles e díxenlles pero, vostedes que están a facer aquí, home? Foi culpa vosa, botástelas vós ao lume! Na casa non tiñan perigo ningún", conta con rabia e dor Rafael, ao repasar as imaxes que volven á mente, como tantas outras veces dende que Angelina e Maximina faleceron.

Tralos incendios, os policías enviaron unha carta para contar o inferno que viviron durante a actuación en Chandebrito. Aseguraron que quedaron "acorralados polo lume" e temeron tamén polas súas vidas.Algúns dos axentes relatou que estaban de vacacións cando foron convocados para reforzar o operativo en Nigrán xa que os seus compañeiros estaban desbordados polos lumes. Acabaron na zona máis crítica. Uns 16 axentes en oito coches patrulla encargáronse de desaloxar a veciños.

Este quebradeiro de cabeza non abandoou a Rafael dende outubro. Por iso, o relato dos lumes para él termina sempre na procura dunha explicación. Por que se fixo así? Por que se ordeou a evacuación? Quen a ordeou? Coñecían a dirección do vento e, polo tanto, a evolución das lapas?

"Nós non estabamos aquí. Cando nolo dixeron non o críamos. Logo empezan as preguntas, claro. Foi unha sorte que non quedara medio pobo alí. Pero a nós tocounos e é moi duro", conta María, a filla maior. Asegura que inda non asumiu a perda da súa nai. "Ves que a herba volve a medrar, que todo se recupera, que a aldea volve á vida menos elas; o único que non volve é a morte", expresa entre bágoas María, lembrando as imaxes dun ano atrás.

"Nós non pretendemos que ninguén vaia ao cárcere pero si que se admitan erros", apunta María, quen indica que lle pareceu moi raro que na caravana de coches que organizou a policía non houbera un coche pechando a ringleira por se algún dos vehículos se desviaba, e outras dúbidas sobre a operación de evacuación. Apunta que o caso está no Xulgado de Instrución nº8 de Vigo. "Está decretado segredo de actuacións, logo veremos o que pasa", engade María.

Tralos incendios, agora, María, cada vez que vai por unha estrada, asegura que vai mirando a que distancia están as árbores. "Debe ser un trauma pero quedoume, sobre todo vendo Chandebrito, que está rodeado de monte por todos os lados", describe María.

"Eu só me pregunto, se hai alguén que está seguro, por que hai que sacalo da casa? E ademais polo sitio malo!", insiste Rafael: "eu pediría que lle quitaran o título polo mal que o fixeron".

"E agora que?"

Silvia Costas emociónase cando lembra a tarde do 15 de outubro. Ela marchou da casa antes, despedíuse da súa nai, que collía o bastón para dirixirse á casa de Maximina, como moitas outras tardes. "Agora, moitas veces, non podes expresar a impotencia que sentes. Todo o mundo che di que xa está, que xa foi, pero é moi difícil olvidar algo así. Só podo falar coas miñas irmás, creo que son as únicas que me entenden", conta Silvia, emocionada. Para Rafael, seguir, sen a súa muller, é complicado. "Moitas veces penso: e agora que? Dixéronme de ir a un balneario e claro, penso nela. Ao final fun, por distraerme", expresa Rafael. A súa filla Silvia baixa algunhas fotos da súa nai, cos netos, de momentos felices. Todos se agarran ás imaxes para intentar superar o vivido. Por una parte, esquecer, e por outra, lembrar.