Non se poden conseguir resultados diferentes aplicando as mesmas receitas de sempre. O ditame de PP e PSOE mantén como paradigma un monte desordenado centrado na produción de inframadeira con especies pirófitas. É dicir, o de sempre.

Por contra, a proposta presentada polo BNG ofrece unha alternativa para salvar o territorio e unha parte substancial do país, o medio rural. Cunha proposta simple, pero revolucionaria: apostar por un monte multifuncional, ordenado na biodiversidade, produtivo e sostible que xere emprego e asente poboación. Un monte así é tamén o mellor antídoto contra o lume.

Como conseguilo? Apostando por un bosque mixto, en mosaico, empezando pola substitución total ou parcial das especies de alta combustibilidade por caducifolias e por recuperar as 30.000 hectáreas de terras agrarias ilegalmente plantadas con eucalipto e unha moratoria na plantación desta especie e delimitar que zonas son aptas e cales non.

Para acadar ese monte multifuncional apostamos polo asociacionismo ante a atomización da propiedade e as unidades de xestión forestal, -UXFOR-, son unha ferramenta útil nesa dirección. Tamén defendemos os montes veciñais en man común, 700.000 hectáreas.

O BNG tamén considera imprescindible un xiro de 180 grados no servizo de prevención e extinción, enteiramente público, homoxéneo e con mando único, con persoal ben formado e con estabilidade laboral, capacitado para detectar e intervir de xeito inmediato.

A mellor xestión do territorio fana os que viven en simbiose co medio, que se senten parte del, útiles nel, satisfeitos nel. Por iso, a despoboación do rural é tamén mecha para os lumes. De feito a gravísima vaga de outubro foi resultado de décadas de políticas pirómanas do PP, do abandono do rural, dunha desagrarización consentida e inducida en beneficio do negocio duns poucos e en prexuízo do país.

Sinceramente, a alternativa do BNG é unha opción moderna pensada desde aquí e para aquí, en beneficio dun pobo que se resiste a perder a referencia da terra como raíz secular da súa existencia e da súa cultura.