Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O número un nas oposicións de Educación

► Sayáns Gómez, con experiencia nas aulas dende 2006, foi a mellor nota nestas probas, cun 9,364 ► Competiu con máis de 16.000 aspirantes

Sabía que este era un ano no que había moita xente "moi ben preparada" para as oposicións de Educación, cun número de prazas superior ao de anteriores convocatorias. Na primeira proba estaba tranquilo pero na lectura e na defensa da segunda parte apareceron os nervios. Antonio Sayáns Gómez, un mozo natural de Teo de 41 anos de idade, non podía imaxinar que a súa nota sería a mellor dos presentados e presentadas a esta Oferta Pública de Emprego. "Creo que é difícil agardar unha nota en concreto porque son moitos parámetros e criterios os que contan", conta Sayáns Gómez, titulado en Filoloxía Galega e que exerce como docente dende 2006.

Non era a primeira vez que se presentaba. "Esta foi a sétima, calculo", apunta, se ben admite que foi nos últimos tres anos nos que acadou un bo nivel de preparación. Foron máis de 16.000 os aspirantes a unha das máis de 2.000 prazas para mestres e profesores nesta convocatoria. Aprobaron 1.723 e Antonio Sayáns fíxose co ouro: sacou un 9,364, a unhas décimas da perfección. Coas súas palabras, quítalle ferro. "Hai que relativizar o resultado", expresa.

Logo de varios intentos, Sayáns pode cantar victoria, cun resultado excepcional co que non contaba, e ir pensando nun destino definitivo despois de anos impartindo clase en distintos institutos. "Estiven en Ribeira, Baiona, Trives, Ferrol, Lugo, A Estrada, Santiago... Para o ano tócame en Santa Lucía de Saiáns (Moraña), curioso, igual que o meu apelido", comenta Antonio, que no último ano académico deu aulas no IES Sanxenxo.

Na súa especialidade, Lingua Galega e Literatura, había uns 550 candidatos para 75 prazas. Unha delas, coa maior nota de todas as especialidades convocadas, é para el. Curiosamente non foi o ano no que máis tempo adicou á preparación das probas. "A maior entrega foi o ano pasado e o anterior, cando máis tempo lle dediquei. Preparei os meus propios temas (son 72 na especialidade), algo que require moito tempo. Hai que crealos, estudalos e enfocalos a que poidan expresarse en dúas horas, iso é moi complexo. Pero ir cos teus propios temas diferénciate e tamén che dá seguridade. Neste curso seguín dando clase e estudando e pedín quince días de permiso antes dos exames, para poder repasar e estar tranquilo, basicamente", conta Sayáns. Este docente posúe a experiencia de ter sido profesor nos últimos doce anos, primeiro como substituto e nos últimos anos como interino. "A interinidade permíteche organizarte mellor", expresa.

Pero, cal é o segredo para obter unha cualificación tan elevada nun proceso complexo como é unha oposición con milleiros de candidatos? Preparala ben e en serio, evidentemente. "Considero que estar ben psicoloxicamente é moi importante", apunta Antonio.

Para este filólogo de formación e nos últimos anos docente, "estar traballando ao mesmo tempo que se estuda non é doado". De todos modos el nunca pensou en preparar o exame dun ano para outro. "Para min unha oposición é un traballo constante, sempre o pensei cunha perspectiva ampla do que é o proceso. Podes ter a materia ben preparada e non quitala, insisto", conclúe Sayáns.

Compartir el artículo

stats