Cre que a realidade da aula é complexa e o mellor para saber se un quere ser profesor é facer prácticas previamente. Antonio Sayáns sacou a mellor nota nas oposicións deste ano. Confesa que lle gusta Marvel e tamén o manga. "Axuda a conectar co alumnado, vente máis próximo e moitos engánchanse á lectura a través do manga", conta.

-Era a sétima vez que se presentaba, conta a experiencia?

-Xa son un veterano das oposicións. Conta para coñecer o tipo de exame, os tempos, medir os teus coñecementos... pero por moi ben que as teñas preparadas ao mellor non as quitas.

-Asegura que neste último ano non se pechou para estudar, que foi unha carreira de fondo...

-Podes pecharte un ano enteiro pero iso tampouco che asegura o éxito nas probas. No meu caso foron varios anos de preparación, especialmente o ano pasado e o anterior.

-Que diría que fixo ben para acadar unha nota así?

-Na parte práctica todo o mundo identificou autor e poema nunha das opcións. Era de Estirpe, de Méndez Ferrín. Pensei que se eu o souben tan claro o mesmo lle pasaría á maioría. Entón decidín facer a segunda opción, que conlevaba máis risco. Era de Curros Enríquez, un poema cunhas referencias históricas e filosóficas que implicaban unha maior complexidade e que considerei que non sería a opción maioritaria.

-Houbo nervios?

-Na parte oral si, notei unha presión negativa polas probas do ano pasado. Non sabería dicir, pero o resultado depende de moitas cousas: dos coñecementos que expoñas, de como os redactes... Tamén hai outros factores: a posta en escena á hora da lectura ou que abordes os criterios que che indican na presentación.

-Engadiría algunha proba ou cambio para mellorar o proceso selectivo das oposicións?

-Creo que seleccionar a unha persoa para un posto de profesor ou profesora é moi complexo porque hai que ter en conta moitos factores. É unha profesión que ten moita carga a nivel psicolóxico, a xente non é moi consciente diso. Considero que sería bo que todos os candidatos pasasen previamente por unhas prácticas reais, nas que se practique o día a día das aulas, enfrontarse a unha clase con alumnos, ver como te tes que desenvolver co alumnado, ver as túas ferramentas e ser consciente de se queres facer iso o resto da túa vida.

-Para vostede foi gratificante esa primera vez?

-Non. Penso na miña primeira substitución e foi horrible. Tes moitos alumnos e alumnas que te están mirando todos os días e agardando que os formes. Hai unha grande diversidade entre o alumnado, é unha realidade complexa. Por iso é bo probar e poñer en práctica isto antes, con todo o que conleva. O tratamento co alumnado require unhas dinámicas que motiven a integración e a inclusión.

-Como definiría a vocación para ser docente?

-Ten que ser vocacional pero a vocación ás veces non está clara. Eu sempre quixen ser profesor. Ao terminar a carreira dediqueime á normalización. Recunquei na docencia e como dixen, a primera substitución foi dura. Trátase de aprender a realidade da aula. Hai persoas que teñen a vocación moi clara e outras que ao principio non pero á hora da verdade implícanse moito. De feito, a realidade dun curso a outro varía moito: un ano pódeche saír moi ben todo e ao curso seguinte mal. E iso non significa que non teñas vocación.