26 de febrero de 2017
26.02.2017

Angeles Vázquez: "Para que os mozos poidan vivir no rural e do rural hai que darlles servizos"

"A metade dos xoves que se incorporaron ao campo teñen estudios superiores e o 24% integrouse en sociedades para ter calidade de vida como en calquera outra empresa"

26.02.2017 | 02:24
Ángeles Vázquez. // Casteleiro/Roller A.

Fomentar a incorporación dos mozos á actividade agraria; mellores servizos para que a escaseza de centros educativos, sanitarios e de ocio non supoña un impedimento para asentarse no rural; apostar pola unión de explotacións para que sexan máis rendibles, aumentar a marxe de beneficios das granxas con máis base territorial; potenciar a transformación do leite en Galicia e impulsar a modernización das explotacións son algunhas das claves nas que traballa a Consellería do Medio Rural que dirixe Ángeles Vázquez e que, na súa opinión, permitirán que o relevo no agro estea garantido.

-En que se vai notar que esta vai ser a lexislatura do rural como anunciou Feijóo?

-Imos pivotar todas as nosas liñas para que se consoliden en dous eixos: vivir no rural e poder vivir do rural. O rural comprende o 84,5% do territorio de Galicia e para que a xente poda vivir nel e del temos que ter servizos. Nestes primeiros meses de lexislatura xa puxemos en marcha 24 grupos de desenvolvemento rural e é a poboación a que decide en que servizos invertir os fondos. É unha política de abaixo arriba, non unha imposición da administración.

-Está garantido o relevo no rural galego?

-Para que o rural teña futuro seguimos apostando polos mozos que deciden asentarse no rural e crean a súa empresa, que case sempre vai dirixida por unha explotación. Son 618 os que xa se incorporaron este mesmo ano. O relevo está garantido porque son as mellores cifras desde as primeiras estadísticas de 1999. Ademais, hai un cambio de tendencia porque a metade non vai ter que facer ningún curso de adaptación ao ter xa estudos medios ou superiores. O campo xa non é aquel reducto que quedaba para os mozos que non querían estudar. Agora persoas con FP ou mesmo licenciados ven futuro no rural.

-Cree que o número de solicitudes deste ano se reducirá pola obrigatoriedade de ter que tributar ata o 30% das axudas á incorporación?

-A porcentaxe que tiñan que tributar antes podía repartirse en cinco anos agora é nun só. Imos organizar unha xornada a comezos de marzo cun experto en Facenda que lles explicará aos mozos as vías que teñen e porque se tributa máis ou menos para que todo mundo saiba a que aterse. Pero, sen dúbida, os mozos que deciden incorporarse ao agro xa están moi informados.

-A comunidade perdeu en 2016 outras 524 explotacións. A que se debe esa sangría?

-Non debemos ocultar que hai explotacións inviables. Pero hai un número importante de agrupacións e o ano pasado foi no que máis sociedades se crearon. Estas computan como unha soa explotación cando en realidade é a unión de varias. O número de peches en Galicia está na media a nivel nacional cun 5%.

-Hai unha nova tendencia cara o asociacionismo no campo?

-Os mozos que se incorporan á actividade agraria están optando polo asociacionismo. O 24% forman parte de explotacións integradas en sociedades civís ou cooperativas que lles garante ter calidade de vida con vacacións e días libres porque deixan de ser explotacións baseadas só no ámbito do traballo para ser verdadeiras empresas.

-Como prevén axudar a granxas que nin poden pechar polo seu grao de endebedamento?

-O ano pasado sacamos unha liña de tres millóns de euros e coas solicitudes recibidas só se esgotaron 1,7 millóns. Como máximo plantexabamos 15.000 euros por explotación e a media que pediron os gandeiros foron 7.600. Esas noticias que ás veces saen en negativo non corresponden á realidade. O gandeiro galego é moi competitivo e tivemos, por outra parte, 2.800 solicitudes de modernización. Algo distinto estase movendo ao optar pola análise dos marxes de beneficios en lugar de centrarse en exclusiva nos prezos.

-Cales son as bases para ter un sector lácteo rendible?

-Por un lado, está a modernización das explotacións para que sexan máis rendibles, e por outro, o eido da investigación para ter unha mellor cabana gandeira. En 2016 destináronse a este ámbito 60 millóns e antes de que remate este mes sacaremos outra liña incrementando a partida en cinco millóns. Hai que apostar tamén pola calidade dos produtos para que sexan máis competitivos e gañar base territorial.

-Como vai contribuir a este último obxectivo a nova unidade de Medio Rural para fomentar o movemento de terras?

-Queremos poñer á disposición da Administración un terreo para facer de mediadores cos arrendatarios e por iso creamos esta nova unidade de xestión de explotacións. Trátase dun sistema no que en casos de xubilación ou enfermidade ábrese unha ventá para colocar os seus activos desde a maquinaria e as construcción ao gando e os terreos porque hai unha demanda importante e para que non acaben en abandono ou nunha mala venda.

-Ata que punto inflúe a superficie na rentabilidade do sector?

-Na alimentación e nos gastos dos insumos vaise gran parte das ganancias, polo que hai que ser capaces de producir herbas e millos para silos para ser competitivos.

-Teme unha nova baixada de prezos do leite este ano?

-A tendencia vai seguir á alza, o que non quere dicir que as subas vaian ser desmesuradas. Ademais, os contratos que nos están presentando van a ser a longo prazo.

-Existe unha estratexia de prezos arbitrarios da industria como denuncian os sindicatos?

-En absoluto. Estamos traballando en atraer ao maior número de empresas e que se faga a transformación pertinente, sendo os datos do ano pasado e os deste os mellores.

-É posible a curto prazo superar esa materia pendente de que as industrias implanten proxectos de transformación do leite para reducir a dependencia exterior?

-A industria está apostando por Galicia no lácteo. En xaneiro sacamos a liña das industrias agroalimentarias e das 158 solicitudes que tivemos, o 33% son para o lácteo, o que supón deixar de transportar o leite en cisternas para facer a transformación en Galicia.

-Hai que protexer ao produtor e obrigar a eses primeiros compradores a rexistrarse e depositar un aval que evite impagos. O ministerio presentou o borrador, que foi informado desfavorablemente polo Tribunal da Competencia. De non saír adiante, Galicia ten que protexer aos seus gandeiros e non pode permitir que haxa un só que non perciba o prezo fixado pola entrega do leite.

-O decreto sairá en breve como se comprometeu a ministra co presidente da Xunta e é unha boa noticia porque o consumidor vai saber cal é a o orixe do produto e non só onde se transforma. Desta forma protéxese ao produto español e se leva un só gramo de leite en pó doutro sitio xa non se podería etiquetar como se fose de España.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2018/2019

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2018/2019 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia