Boas tardes. Como sucede en todas as sociedades plurais, Galicia celebra estas Festas de diferentes maneiras. Pero todas coinciden en resaltar o noso espírito comunitario. Reunión, reencontro, familia, amizade, son ideas comúns a todos nós nestas datas. Todos somos

partícipes das tradicións que outros nos legaron, sentimos a lembranza dos que faltan e compartimos esperanzas. A democracia ten as súas raíces no desexo de sentir e facer cousas xuntos. A democracia precisa ser afectiva e efectiva. Sen afectos non pasa de ser unha formula fría.

Sen eficacia, incumpre un dos seus principais propósitos.

Os galegos estamos logrando que a autonomía nos cohesione aínda máis, por riba de diferenzas ideolóxicas, territoriais ou xeracionais. Construímos un país de afectos no que as discrepancias sempre teñen un camiño para chegar ao acordo, e onde o acordo xurde tras normais discrepancias.

Cada día, nos centros de traballo e de investigación, nas asociacións cívicas e en colectivos diversos, os galegos acordan e deciden xuntos. É algo cotián e espontáneo, que explica a vitalidade da nosa terra.

Desexo que ese espírito se traslade á vida pública, sen menoscabo dun debate que sempre é enriquecedor. Non estamos os políticos "condenados" a entendernos porque o entendemento nunca pode ser unha condena. Estamos animados a facelo para estar á altura do exemplo que nos proporciona o noso pobo.

A dimensión dos retos reclama puntos de encontro. A recuperación ben patente da nosa economía só será irreversible e completa coas medidas axeitadas, coa potenciación dos sectores tradicionais, o impulso aos novos e o rexurdimento do medio rural.

Esa Galicia minguante que reflicten os datos demográficos esixe unha reacción política e social unánime, semellante á que se produciu noutros países do noso entorno con notable éxito.

A loita contra a criminal violencia machista reclama unha fronte común contra os verdugos, onde non caben fronteiras partidarias. A exclusión social é un inimigo común que non permite matices nin dúbidas. Gobernar para os galegos, en definitiva, non é outra cousa que gobernar coma os galegos. Se esa cohesión política resulta imprescindible para consumar obxectivos internos, tamén o é para acadar o peso necesario de Galicia en decisións que afectan ao conxunto de España.

Galicia non quere máis que ninguén pero tampouco menos. Non aspira a ningún privilexio, pero tampouco os aproba. Avoga por esa nación equilibrada e solidaria que consagra a Constitución feita e referendada por todos.

En materia de financiamento autonómico ou en infraestruturas coma o AVE o interese permanente de Galicia está e estará baseado na xustiza e no trato ecuánime.

A Xunta, as forzas políticas e a sociedade galega no seu conxunto, teñen o dereito e o deber de facer valer eses principios en todos os foros, e diante de todos os poderes públicos. Non se trata de compromisos con Galicia, senón tamén de compromisos coa España cohesionada e artellada da que orgullosamente formamos parte.

Somos os galegos unha democracia afectiva e tamén unha democracia efectiva que vai resolvendo problemas con pasos progresivos. ¿Son eses pasos tan rápidos como quixeramos para acabar co drama do paro? Non. ¿Está culminado o camiño para que, por exemplo, o nivel salarial sexa o axeitado? Non. Son preguntas e respostas aplicables a outras situacións humanamente dolorosas que piden actuar con constancia. ¿Pero avanzamos? Sen dúbida. Social e economicamente hoxe estamos mellor do que estabamos hai un ano.

Amigas e amigos. En datas recentes o pobo galego manifestou a súa vontade nas urnas. Dixo o que era, e o que quería ser. Valorou o pasado, pero sobre todo expresou os seus desexos de futuro.

Ese futuro necesítanos a todos. Se nel faltara unha galega ou un galego, estaría incompleto. Se non aspiramos a recuperar nese futuro aos compatriotas que traballan fora, sería un mañá truncado. Ninguén é prescindible na Galicia que nos une.

Formamos un país grande que participou e participa nas grandes aventuras de España, Europa e o mundo. Pero tamén un país onde todos nos podemos chamar veciños.

E como veciño quero sumarme aos mellores desexos do ano que vai a comezar para todos. Sei que en todas as familias, tamén na miña, hai ausencias, hai preocupacións, pero tamén hai ilusións que se fan quizais máis patentes nestes días.

No bo e no menos bo, agardo que Galicia siga o exemplo que se dá na maioría das nosas casas. Unha Galicia que afronte os problemas e loite polos seus soños unida. Todos xuntos. Moitas grazas e bo ano 2017 para todos.