...    
Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO entrevista ao político, ensaísta, enxeñeiro e economista

Camilo Nogueira: "Non creo que ningún partido da esquerda poida por si só protagonizar o futuro de Galicia"

"A retribución que teñen agora os deputados non me parece cousa esaxerada"

Camilo Nogueira, onte, en Santiago. // Xoán Álvarez

Este venres amigos de Camilo Nogueira converterán ao veterán político, que a piques de cumprir 80 anos segue plenamente activo, no centro dunha homenaxe que acollerá o Auditorio de Galicia e que suscriben diferentes entidades sociais, coma A Mesa, sindicatos, coma a CIG ou CC OO, ou asociacións coma o Colexio de Enxeñeiros. Os que apoian a iniciativa destacan o "traballo incansábel" deste vigués "a prol da plena normalidade" do galego ou o seu "compromiso social e carácter dialogante" que lle fixeron merecer o respecto de todos os grupos. "Un referente político", dinlle, e "un exemplo de político entregado ao seu país".

-Á homenaxe acudirán amigos e políticos de distintas filiacións.

-A homenaxe é de xente moita dela amigos ou fillos dos amigos. O que ten de notable é que se lles ocorreu a boa idea de convidar aos portavoces parlamentarios do Hórreo. E é unha boa idea, porque se Galicia ha de avanzar no futuro, incluso como nación por si mesma, ten que ser a Galicia de todos.

-O consenso en torno a vostede pode ser por tentar ser cordial e respectuoso por riba das diferencias ideolóxicas?

-Pode ser. Efectivamente, eu nunca pretendín facer dun distinto un inimigo. Nunca declarei inimigo a ninguén e espero que ninguén me declarara a min tampouco inimigo. Outra cousa son as contradicións entre as posicións políticas.

-Malia esas contradicións, cando vostede empezou como deputado non había máis consenso?

-Ao principio, cando veu a democracia, era absolutamente necesario. Os meus compañeiros e máis eu cremos que era o momento de rescatar o xa conseguido na II República, o Estatuto de Autonomía, e aínda que tiña carácter insuficiente, e aínda hoxe o segue tendo, pois creaba un espazo político que nos fora negado dende sempre. Hai unha idea de Galicia que nos dá o Estado español, que nega Galicia e a súa historia, e nós cremos que era un espazo político para traballar por unha Galicia mellor, pero aberta ao mundo. E pola nosa iniciativa para min é moi relevante que se aprobara como bandeira de Galicia a dos galeguistas.

-A Lei de Símbolos de Galicia foi iniciativa súa...

-Foi iniciativa nosa, de Esquerda Galega, pero miña en concreto, ou a do Valedor do Pobo. E moitas cousas máis que se fixeron, coma a Lei de Normalización Lingüística. Mesmo tiven a idea de que chegara o momento de traer os restos de Castelao, o que sentou controversia, pero xente que se opuxo daquela dalgún xeito hoxe creo que comprende que onde mellor están é acariñados aquí.

-Foi redactor do Estatuto dos 16, que puxo as bases do de Autonomía. Que lle queda a Galicia por percorrer nese camiño?

-Non lle teño ningún medo a Galicia como nación dentro da UE. Creo que Galicia se vale por si mesma, nun mundo onde a interdependencia é inevitable e necesaria. Neste momento creo que o sensato é pensar que hai que recoñecer o Estado español que é un Estado plurinacional e ademais é inevitable.

-Cataluña forza a situación?

-O de Cataluña teñen que resolvelo, e nese intre aparecerá con toda potencia o feito de que apostaramos polo Estatuto de Autonomía no seu momento e que foramos recoñecidos como nacionalidade. Eu traballei moito nese sentido e esa é expectativa pola que temos que traballar. Se eu estivera no Parlamento galego estaría defendendo iso neste momento. Eu faríao porque é o mellor para todos. Se se quere convivir na Península Ibérica iso hai que recoñecelo.

-A política non está ben vista hoxe en día. Que requisitos deberían cumprir os políticos, ao seu xuízo?

-Responder aos intereses da xente, ter unha perspectiva do mundo e ser capaces e honrados e intelixentes. E non estaría mal que fosen responsables dunha cousa tan importante como o poder estatal como primeiro poder dun país. Eu non creo que o mundo esté necesariamente dominado polo capitalismo porque para min os poderes democráticos son moito máis fortes co capitalismo. Creo que o poder político ben exercido é o poder máis poderoso que hai no mundo.

-No seu intre promoveu vostede a primeria conxelación salarial das súas señorías, aló polo 1992. Cre, coma o presidente da Cámara, Miguel Santalices, que os deputados cobran un salario "digno"?

-A retribución que hai agora paréceme normal. Non me parece que sexa unha cousa esaxerada. Non creo que o problema do Estado español sexa o que cobren os deputados.

-O BNG está nun proceso de refundación. Cara onde debería ir?

-En Galicia, como noutros sitios, a representación parlamentaria está equilibrada entre esquerda e dereita. Como aquí hai unha división na esquerda o PP aparece como gran vencedor pero non é certo. Neste momento se fago algo será por procurar que haxa unha certa comprensión entre as formacións políticas da esquerda, entendendo a Galicia como nación e traballando por un mundo mellor, por así dicilo, nesas formacións de esquerda, e aí inclúese o BNG tamén, pero non creo que ningún dos partidos da esquerda poida por si mesmo protagonizar o futuro. Ten que haber un entendemento e unha mellor comprensión do que pasa no mundo.

Compartir el artículo

stats