Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carrera hacia las autonómicas

Ana Pontón: "O BNG tén que deseñar novas estratexias e reconectar coa xente"

"O nacionalismo traballa para ser clave na derrota do PP e a partires de aí conformar un goberno alternativo" - "Feijóo non pode defender un tripartito para o Estado, e criticalo para aquí"

A cabeza de cartel do BNG, Ana Pontón. // R. Grobas

Ana Pontón será a candidata do BNG á presidencia da Xunta. Está prevista a súa proclamación oficial para o vindeiro sábado pois nas primarias convocadas pola organización frentista non atopou rivais. Asume a responsabilidade no momento máis complicado do BNG, tras ser barrido das Cortes por En Marea e coa ameaza de minguar considerablemente a súa representación no Parlamento galego e incluso de desaparecer. Descartada a opción de aliarse con En Marea para "non ser sucursal de Podemos", a tamén nova voceira nacional do Bloque defende que Galicia necesita "unha organización política que só pensa en Galiza".

-O PPdeG leva dúas lexislaturas gobernando en Galicia coa peor crise económica coñecida, e as enquisas apuntan que ten posibilidades de repetir maioría absoluta. Quen chega en peores condicións ás eleccións: o PPdeG ou a oposición, a quen lle custa erosionar ó partido no poder?

-A xente que sofre as consecuencias das políticas da dereita. O BNG traballa para que nas vindeiras eleccións haxa unha derrota clara do PP e poñamos en marcha un cambio real no país. Galiza necesita superar a súa subordinación política. É clave para poder reverter as privatizacións de servizos públicos, a perda de emprego, a perda de calidade no emprego, e a falta de apoio dos nosos sectores productivos que son unha peza clave para crear emprego no país, ...

-O BNG compite polo mesmo espacio electoral que En Marea, por que un votante dese espectro ideolóxico debe apostar pola papeleta do Bloque e non de En Marea?

-Non competimos cunha soa forza. Os votos son dos cidadáns e non das organizacións e o BNG preséntase ás eleccións para ser unha parte fundamental da derrota do PP. O noso principal diferencial é que somos unha organización cos centros de decisión en Galiza. Podemos, Ciudadanos, PP e PSOE funcionan coa cabeza en Madrid. A política máis vella de todas é a política do centralismo. É a que temos que desterrar para que os galegos non teñamos que esperar a ver qué deciden en Madrid, senón que miremos nós cales son os nosos intereses lexítimos e os defendamos, igual que fan os vascos, os cataláns, os ingleses ou os franceses.

-A moitos electores que antes votaban BNG xa non lles parece clave ese diferencial de contar cun partido cos centros de decisión en Galicia e optaron por En Marea o 20-D?

-É fundamental para os galegos que teñamos organizacións cos centros de decisión aquí que só miren por Galiza. E podemos poñer moitos exemplos. Por exemplo, o porto de Vigo. Defendimos que tiña que estar na rede transeuropea de transporte na primeira categoría, e as forzas estatais defenderon o contrario.

Tralo 20-D, nas propostas de Podemos aparecían as demandas catalanas pero non as galegas. Os problemas de Galiza non son de segunda. Temos que acabar con esa discriminación e para iso necesitamos forzas políticas propias que ademais dende unha perspectiva de esquerda defendan outro estatus para Galiza.

Dende o 20-D Galiza estivo desaparecida no debate do Estado. Todo estivo ó servizo da estratexia de Pablo Iglesias e iso vai en contra do interese de Galiza. Nós necesitamos unha voz propia, forte que defenda os intereses de Galiza. O enemigo a derrotar polo BNG é o PP.

-En Euskadi Podemos tamén se fai cos votos de Bildu. O seudonacionalismo, o nacionalismo light de Podemos vale ós votantes que antes apostaban polo BNG en Galicia e por Bildu en Euskadi. Que podedes facer para recuperar eses electores?

-Podemos é calquera cousa menos nacionalista. É tremendamente centralista e vese nas decisións máis pequenas. A nova dirección do Podemos en Galiza anunciouse en Zaragoza. Danse novas dinámicas electorais e a xente cambia o voto e nós temos que traballar por reconectar con moita xente e estamos traballando nesa dirección. Temos que ler o que pasa e deseñar novas estratexias de traballo na sociedade. O nacionalismo ten sido moi positivo para Galiza, para ser un pobo máis consciente de nós mesmos, para que Galiza estivese presente nos debates máis importantes nas Cortes, para impedir que as políticas máis perxudiciais se consolidaran, ... Traballamos con humildade e convicción para que Galiza non teña que ser o país onde os traballadores traballen máis horas e teñan os salarios máis baixos. E cremos firmemente que para iso é fundamental situar os nosos problemas na axenda política do Estado e ter ferramentas para solucionalos e desenvolver as potencialidades de Galiza que son moitas.

-A alternativa ó PPdeG en Galicia pasa polo entendemento entre as forzas de esquerda. Vendo o que pasa nos gobernos municipais, semella moi difícil?

-Para nós o obxectivo fundamental é a derrota do PP. O nacionalismo ten que ser clave na derrota do PP e a partires de aí abrir un marco de diálogo para conformar un Goberno alternativo. O BNG vai levar adiante ese diálogo coa premisa de mudar as políticas. O cambio ten que ser real e non cosmético.

-Para chegar a ese punto, antes teñen que convencer aos electores de que é posible un tripartito estable onde os socios non se tiren os trastos á cabeza. Como o van facer cando en Santiago, A Coruña e Ferrol o BNG está sendo moi crítico cos alcaldes das Mareas?

-O BNG nesas cidades favoreceu alcaldes das Mareas. Máis ben quen está sendo crítico co BNG son as Mareas. Mire o que pasa en Pontevedra. As decisións do ámbito local non poden ser argumento para o que vai pasar no ámbito autonómico. Eu podo falar polo BNG e temos un compromiso claro cos galegos de derrotar ó PP. Agora hai xente que valora a pluralidade, que non lle preocupa que os gobernos sexan plurais, ? Penso que estamos na onda de países europeos con coalicións. Feijóo despois de defender un tripartito no Estado, non pode estar en contra dun tripartito na Galiza.

-Está certa de que o PPdeG non usará as tensións nas cidades das Mareas para cuestionar a estabilidade dun Goberno alternativo?

-O BNG aposta polo acordo e o diálogo, pero tamén chamamos ás cousas polo seu nome, ? apoiar unha investidura non significa que teñas que estar dacordo co que se fai mal, porque estará mal feito faga quen o faga. O noso compromiso é moi claro. Galiza ten unha enorme potencialidade e precisa un goberno que mire polos intereses da xente daquí, e non como Feijóo que só se adicou a posicionarse na súa carreira persoal en Madrid.

"O Goberno de Feijóo é un goberno sen corazón"

  • -Está esgotado o ciclo de Feijóo? -O Goberno de Feijóo non ten nada que ofrecerlle a este país. As súas receitas son fracasadas. Prometeu que o país ía saír da crise e temos un país más endebedado, con máis crise, máis desigualdade e máis inxusto.-Cal foi o principal erro de Feijóo? -O peor foi a perda das caixas de aforro porque eso lastra as posibilidades de desenvolvemento do país. É un Goberno que esqueceu que o máis importante é que a xente teña oportunidades e á moita xente so lle ofreceu a resignación e a maleta. É un Goberno sen corazón .-Cal sería a oferta do BNG? -Ofrecemos unha opción nacionalista, sólida, cos pés e o corazón nesta terra, que vai defender a maioría social deste país, que vai defender un xiro do goberno para rescatar Galiza e ós galegos que neste momento sofren as consecuencias da crise económica.-Tras perder a representación nas Cortes o 20-D, ¿cales son as expectativas do BNG para os comicios autonómicos? -Presentámonos con vocación de romper coa desesperanza de moitas personas. Saímos a gañar, a por todas, coa convicción de que temos unha alternativa de futuro para os galegos e as galegas. Quedan moitos meses para convencer á xente de que a alternativa é a nacionalista.-Pensa entón que Feijóo vai agotar lexislatura? -É moi difícil facer pronósticos. Feijóo está barallando a idea de adiantar se se convocan as eleccións xerais o 26-J, pero o BNG está preparado para calquera escenario.

Compartir el artículo

stats