O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de fallar o Premio Ada Byron, que nesta edición dos galardóns anuais recaeu en Bertha Guijarro Berdiñas, vicecoordinadora-responsable científica do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.

Bertha Guijarro (A Coruña, 1969) é doutora en Informática pola UDC, universidade na que desenvolve a súa carreira profesional como docente e investigadora desde o ano 1993. Profesora titular no Departamento de Computación da Facultade de Informática da UDC, é membro activo do Grupo de Investigación LIDIA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial). Tamén é adxunta ao coordinador da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva (ANEP) para a subárea científica de Sistemas Intelixentes.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia quere, mediante a concesión do Premio Ada Byron, visibilizar a participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación, investigadoras e líderes "dun sector que ten a responsabilidade e o compromiso de ir á cabeza da saída da actual crise económica".

Quen foi Ada Byron

Ada Byron foi unha escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.