O debate sobre o sistema público de pensións
MARÍA MONTERO
Aos efectos da crise económica que estamos atravesando, hai que engadir os do cambio demográfico que xa comezou décadas atrás e que se traduciu nun progresivo e obvio envellecemento da poboación, caracterizado por unha baixa taxa de natalidade e unha alta taxa de supervivencia por idades. Os datos recentes confirman o continuo empeoramento da taxa de dependencia, a relación entre o número de cotizantes ao sistema público de pensións e o número de beneficiarios do mesmo, que pasou de 2,48 cotizantes por pensionista en 2008 a 1,95 en 2013, cando a relación que se considera óptima para falar dun sistema saneado financeiramente é de 3 cotizantes por cada pensionista. De feito, trátase dun vello debate que a crise económica trouxo de novo a actualidade, de maneira que é difícil escapar á discusión sobre a viabilidade futura do noso sistema de pensións. O certo é que a comezos do ano 2000 a forte inmigración chegada a España amortiguou este lento pero irremediable proceso de envellecemento, sen embargo, a crise económica lembrounos que a inmigración é un fenómeno coxuntural. E incluso neste momento o proceso migratorio reverteuse. Un dos efectos inmediatos do envellecemento da poboación é que da lugar a importantes cambios nos tamaños relativos das cohortes. Si observamos o tamaño da poboación de máis de 64 anos respecto da poboación en idade de traballar (comprendida entre 16-64 anos), os datos reflexan a súa tendencia ascendente pasando dun 24% en 2008 ao 26% en 2013, o que implica pasar de 4.2 activos por xubilado a 3,8.
O debate xurde debido a que, como sabemos, o actual estado do benestar descansa en grande medida nun proceso de transferencias interxeneracionais: en cada período a xeración economicamente activa transfire recursos á xeración inactiva. Estes sistemas de transferencias poden verse resentidos, entre outros factores, si os tamaños relativos de cada un dos grupos de idade están moi descompensados. O feito de que o proceso de envellecemento veña motivado fundamentalmente por unha baixa natalidade pode dar lugar a un forte desequilibrio entre os tamaños dos grupos de idade relevantes para a permanencia deste sistema de transferencias.
Dentro do sistema de protección social, as pensións de xubilación representan o centro do sistema tanto polo seu volume como polo seu grao de cobertura entre as persoas maiores de 65 anos. O sistema de pensións de xubilación vixente en España caracterízase por ser un sistema de reparto puro. Este tipo de sistemas levan implícito un pacto entre as xeneracións: son as xeneracións presentes as que pagan as pensións dos xubilados ca promesa implícita de que no futuro percibirán iguais prestacións. Así, mentres que para o cálculo da pensión empréganse parámetros que gardan relación ca vida laboral dos beneficiarios, os seus importes son pagados cas cotizacións dos activos en cada momento. En consecuencia é un sistema sensible, entre outros factores, á evolución que siga a estrutura por idades da poboación, neste caso da poboación total en España xa que o sistema descansa no principio de caixa única. Isto significa que é o Estado quen recada as cotizacións e realiza os pagos, con independencia do territorio onde se resida. Polo tanto, as diferenzas territoriais na taxa de dependencia non afectan o financiamento do sistema. Noutro caso, para algunhas comunidades autónomas como Galicia ou Asturias, con taxas de dependencia próximas a 1, sería inviable financiar un sistema de pensións. Nestes casos, trátase de traballadores que retornan como xubilados as súas comunidades de orixe logo de desenvolver a súa vida laboral en comunidades máis dinámicas.
Cando aparecen desequilibrios financeiros, a estabilización do sistema fai preciso intervir ben polo lado dos gastos ou ben polo lado dos ingresos. E dicir, ou se reduce o gasto en pensións axustando o mesmo os ingresos, ou ben haberá que incrementar os ingresos de forma que sexan suficientes para cubrir o actual sistema de pensións. As propostas para reducir os gastos implican alterar os parámetros que determinan o cálculo da pensión. Aumentos na idade de xubilación ou no número de anos cotizados fan que o peso da reforma recaia sobre os novos xubilados; reducións na pensión inicial repercuten nos pensionistas existentes, mentres que aquelas propostas de reforma consistentes en aumentos das cotizacións fan recaer o custe nos cotizantes. As recentes reformas levadas a cabo consistiron basicamente en: (i) o incremento da idade legal de xubilación dende os 65 aos 67 anos; (ii) o aumento do número de anos necesarios para acceder a totalidade da pensión de 35 a 37 anos; (iii) o incremento do período de cálculo de 15 a 25 anos para o cómputo da pensión; (iv) a substitución do IPC polo Índice de Revalorización como mecanismo de actualización das pensións que liga a variación das pensións á situación económica do país presente e futura (entre os factores que ten en conta están a variación dos ingresos e gastos da Seguridade Social, a variación do número de pensións contributivas e a variación interanual da pensión media; e (v) a introdución do Factor de Sostenibilidade no ano 2019 (coeficiente que se vai aplicar no cálculo da primeira pensión e que pretende axustar a pensión inicial de xubilación a variación da esperanza de vida). Esta reformas foron realizadas fundamentalmente para compensar os desequilibrios que o proceso de envellecemento podería provocar na sostenibilidade do sistema.
Estudos recentes estiman que estas medidas serán insuficientes para equilibrar o sistema. Segundo os seus resultados, para acadar o equilibrio financeiro no 2045 é necesario ou ben incrementar a idade de xubilación aos 70 anos, ou ben incrementar os anos cotizados ata 42,5, ou ben reducir a pensión inicial nun 21%, e ningunha das medidas adoptadas alcanza estes obxectivos.
Agora ben, a sostenibilidade financeira das pensións non ten por qué implicar que o seu financiamento sexa realizado exclusivamente a través das aportacións dos cotizantes. A opción de incrementar os ingresos do sistema con outras fontes distintas ás cotizacións está sendo considerada por países do noso entorno que se enfrontan a similares procesos demográficos de envellecemento da súa poboación. En concreto, algúns países están a empregar instrumentos relacionados coa imposición enerxético-ambiental. Tal é o caso de Alemania, por poñer un exemplo. Neste país se introduciu unha ecotaxa entre os anos 1999 e 2003. O novo imposto recaeu sobre os gasóleo para o transporte e a calefacción, gas natural, electricidade e, na actualidade, tamén sobre o carbón empregado para a calefacción. Dos ingresos obtidos (18 billóns de euros), o 90% son reciclados en forma de reducións nas contribucións as pensións. O resto emprégase para outros propósitos como subsidios as enerxías renovables. Os estudos realizados demostran que a imposición enerxética cumpre un obxectivo tanto medioambiental (reducindo os consumos enerxéticos e as emisións de gases de efecto invernadoiro) como recadatorio (permiten obter uns ingresos significativos), e, ademáis, a reciclaxe da recadación en reducións das cotizacións sociais ten efectos altamente positivos sobre o emprego.
Por suposto, tamén existen propostas encamiñadas a privatización total ou parcial do sistema. A grandes liñas, isto implicaría (a) cambiar dende o actual sistema de prestación definida a un sistema de cotización definida; (b) transitar dende o actual sistema de financiamento por reparto (que leva implícito un contrato interxeneracional) a un sistema de capitalización individual, onde cada individuo é propietario da súas contas de aforro e, por último, (c) trasladar a xestión dos fondos dende a administración pública a privada. Sen embargo, a situación actual puxo de manifesto a fraxilidade dos fondos de pensións e a súa vulnerabilidade as situación de crise económica. Nese caso, non parece a vía máis apropiada se o obxectivo é garantir os fins da protección social.
En resumen, se deben buscar as fórmulas máis adecuadas para garantir a viabilidade do sistema público de pensións. As reformas levadas a cabo ata agora inciden de forma directa na redución na contía da pensión e, polo tanto, no gasto do sistema. Cómpre cambiar a mirada cara o lado dos ingresos, con solucións que incrementen os recursos do sistema na mesma liña que están a facer os países do noso entorno.
- La playa de arena negra más bonita de España está en Galicia: custodiada por un barco naufragado y en una aldea con solo dos habitantes
- Galicia eleva a 305 millones el fraude sufrido por el cártel de los pañales
- Sin ayudas y sin recurso: Altri renuncia al Perte que el Gobierno le denegó
- «Congelar óvulos a los 35 no implica mejorar la natalidad»
- Ignacio Picatoste, nombrado presidente de TSXG: «Es fundamental una justicia empática, cercana y que no revictimice»
- «Los jueces anteriores tenían predisposición para fallar a favor de los Franco»
- Un error informático obliga a ampliar el plazo para matricularse en la PAU extraordinaria en Galicia
- Los animales causan ya casi la mitad de todos los siniestros de tráfico en Galicia: 15 al día