Médico de familia del Centro de Saúde Nicolás Peña, Vigo

Estamos a asistir a un intenso debate sobre a pretensión do SERGAS de implantar "Áreas de Xestión Clínica" tanto nos hospitais como en Atención Primaria.

A xestión da sanidade pública debe adaptarse ás novas necesidades xurdidas dos cambios científicos e sociais dos últimos 30 anos. A "Xestión Clínica" defende facer eses cambios contando coa participación das e dos profesionais clínicos, transferíndolles un maior grao de responsabilidade, co obxectivo último de conseguir os mellores resultados posibles na práctica clínica diaria, tendo en conta a información científica dispoñible e procurando reducir os inconvenientes e os custes para o paciente e para a sociedade no seu conxunto.

Se esa é a pretensión da "Xestión Clínica", onde está o problema?. Na miña opinión, en que a proposta do SERGAS non ten como obxectivo fundamental incorporar os principios da "Xestión Clínica" na actividade cotián da sanidade pública galega.

O que o SERGAS pretende, segundo figura no Decreto 36/2014, é crear unha nova estrutura de xestión, as denominadas "Áreas de Xestión Clínica", nas que o director da área será nomeado pola xerencia de xestión integrada mediante libre designación, e fican sen definir aspectos fundamentais da súa organización, sobre todo no que fai referencia aos recursos humanos, ao manexo de recursos económicos e aos sistemas de avaliación, como recolle o informe do Consello Consultivo de Galicia, no ditame 877/13, que remata dicindo "que o proxecto de decreto polo que se regulan as áreas de xestión clínica do Servizo Galego de Saúde resulta contrario ao ordenamento xurídico".

As "Áreas de Xestión Clínica" supoñen dar un paso importante na fragmentación da asistencia sanitaria, coa creación de espazos fora da regulación xeral da sanidade pública, cun orzamento pechado e xestionado por un director ou directora de área, cunhas competencias que superan amplamente ás das actuais Xefaturas de Servizo. As "Áreas de Xestión Clínica" teñen como principal obxectivo aforrar cartos dese orzamento, principalmente en persoal, materiais, medicamentos e exploracións complementarias e, con parte de ese aforro, en realidade con eses recortes no servizo á cidadanía, financiar incentivos económicos para as e os profesionais que decidan participar nesas Áreas.

Para crear máis incerteza, a proposta de creación desas "Áreas" faise nun contexto económico e político de recortes e privatizacións da sanidade pública, no que chegan da Unión Europea directivas que pretenden a liberalización dos servizos públicos. A súa vez, no Parlamento español se modifica o Estatuto Marco, que regula as condicións de traballo das persoas que traballamos na sanidade pública, para facilitar a privatización das áreas de xestión clínica.

Estas razóns e neste contexto, especialmente visto desde a atención primaria, que continúa a perder peso desde a desaparición das xerencias propias, fan que as persoas que defendemos á sanidade pública e recoñecemos os elementos positivos que ten a "Xestión Clínica", nos opoñamos á creación das "Áreas de Xestión Clínica" que o SERGAS quere impoñer.