O ex presidente da RAG, Barreiro Fernández, foi chamado a ser tesoureiro da Academia por Del Riego. "A institución estaba moi desprestixiada; sen cartos, ata que un membro deixou un millón de pesetas de aquela... - el díxome que por iso tiña que axuda lo", comenta.

Desa época conserva unha cómica -pero ao tempo preocupante- anécdota.

O goberno de Fraga rexeitou a súa proposta de Estatutos para a RAG, supostamente porque invadía competencias da Administración. A falta de resolución, o propio Fraga chamou por teléfono a Del Riego "usando o seu habitual ton de mando". É por iso que Barreiro documenta: "A conversa durou segundos. El dixo que non lle berraba ninguén. Ambos colgaron o teléfono á vez". Logo dese episodio, aínda houbo de ir o tesoureiro a San Caetano e Fraga estaba "moi afectado" polo acontecido. Aínda que non chegaron a acordo no tema dos Estatutos, ao saír, o presidente da Xunta díxolle: "Dígale a su presidente que le enviaré una caja de puros Cohiba".