Inténtarano, pero non o conseguiron. Os académicos pedíronlle onte a Xosé Luís Méndez Ferrín que esgotase mandato como presidente da Real Academia Galega, pero o autor de Arraianos confirmou a súa marcha da dirección e da propia institución, tras un plenario extraordinario de pouco máis de dúas horas, e advertiu á súa saída de que a RAG "está en perigo". "Hai unha serie de forzas intransixentes que atentan contra ela, forzas internas e externas que pretenden desvirtuar a súa razón de ser que é a defensa do idioma", explicou.

Ferrín oficializou a súa marcha 18 días despois de anunciar a súa dimisión en resposta a campaña de acoso contra a súa figura por parte de persoas "de dentro e fora da Academia" ó por en dúbida a súa xestión ó fronte da RAG, en concreto a súa política de contratación. A súa denuncia estivo respaldada por académicos que criticaron o intento dende o Consello da Cultura Galega e do Instituto da Lingua Galega de controlar a Academia.

Onte, o xa ex presidente da Academia afirmou:"Abandono a Academia galega para situarme na miña paisaxe nativa, que é a das agrupacións e asociacións culturais e políticas da esquerda nacionalista, que si defenden o meu idioma".

O escritor pediu ao pobo galego que defenda a institución: "Eu sempre defenderei a Academia e pídolle ao pobo, a cidadanía de Galicia que tamén a defenda das acechanzas que pesan sobre ela".

A súa saída da Academia, Méndez Ferrín estivo acompañado en todo momento dos académicos e membros da directiva, Xosé Luis Axeitos Agrelo, Manuel González, Euloxio Rodríguez Ruibal e Francisco Fernández Rei ademais do escritor Darío Xohán Cabana, que despois de aplaudir con vehemencia as súas verbas, abrazaron ao ex presidente e desexáronlle sorte. Tras levantar o puño dereito, Méndez Ferrín abandonou a sede da institución mentres que o resto dos membros regresaron ao plenario, o cal se prolongou case unha hora máis.

Á fin do acto, o secretario e agora presidente en funcións da Academia, Xosé Luis Axeitos, en compañía dos demais académicos asistentes, leu un comunicado aprobado por unanimidade no que o plenario lamenta a marcha de Méndez Ferrín e valora positivamente a súa xestión durante os tres anos que exerceu o seu cargo. Ademais anunciou que a RAG non acepta a renuncia de Ferrín como académico numerario polo que non cubrirá a súa cadeira vacante.

Axeitos Agrelo informou que no acto de onte aprobáronse, tamén por unanimidade, as contas de 2012 así com os orzamentos para este ano, colgados ambos na páxina web da institución "para evitar todo problema de opacidade e de cara á opinión pública". O presidente en funcións tamén anunciou a creación dunha comisión para estudar o protocolo polo que se rexan as novas contratacións de agora en adiante na RAG.

"Ao mesmo tempo transmitir á sociedade que a Academia galega, como institución máis que centenaria, ten e segue a ter vocación de proxección de futuro e de servir ao seu país e a súa cultura, e moi especialmente a súa lingua", recalcou Axeitos Agrelo, que tamén explicou que os estatutos da Academia marcan un prazo máximo de tres meses para a elección do novo presidente, pero confían en que o relevo sexa "moito antes", e que mentras "os compromisos da Academia cumpliránse exactamente igual", aseguro Axeitos.

O escritor e membro da Academia, Manuel Rivas secundou o comunicado do voceiro e presidente en funcións, unha mensaxe "clara e con moita sustancia", afirmou Rivas, que engadiu: "Lamentamos a marcha de Ferrín pero quixemos que o fixera coa honra e gloria que se merece, polo que a súa cadeira quedará baleira por si decide volver".